DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por investigadores do grupo HealthyFit 

A comunidade universitaria mantívose fisicamente activa durante o confinamento

O 56% continuou realizando actividade física nese período

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/08/2022

Máis aló da traxedia que, en termos de perda de vidas humanas, supuxo a irrupción da covid-19, as restricións ás que obrigou a pandemia afectaron de moitas formas á saúde física e mental do conxunto da sociedade. Coñecer o impacto que tiveron sobre a comunidade universitaria o confinamento e as restricións durante as primeiras olas da covid-19 foi o obxectivo central dun estudo levado a cabo polos investigadores do grupo HealthyFit Gustavo Rodríguez, Pablo Campo e José María Cancela, que permitiu coñecer que tanto o alumnado como o persoal da UVigo foron quen de manterse fisicamente activos durante o confinamento. A través dunha enquisa a 359 membros da comunidade universitaria, os profesores das facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte puideron constatar que o 56,3% continuaron realizando actividade física neste período, buscando “exercicios alternativos” ás súas prácticas habituais, o que á súa vez combinaron “cun descanso adecuado e distanciado de hábitos tóxicos”.

“A comunidade universitaria conseguiu crear un plan de choque. Era unha comunidade cun nivel de actividade física e deportiva elevado e conseguiu ter os recursos necesarios para poder manterse activa durante todo este proceso”, salienta Campo das conclusións deste estudo, recollidas nun artigo publicado na revista Retos. Seleccionado na convocatoria de axudas á investigación, no período 2020-2021, do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga), a orixe deste estudo, como explica Campo, radica nas propias consecuencias que a pandemia tivo sobre as súas liñas de investigación habituais, que implicaban o traballo con poboación “fráxil ou con patoloxías”. Por aquel entón, lembra o profesor da Facultade de Fisioterapia, comezaron a publicarse investigacións sobre o impacto da covid-19 en diferentes colectivos, “o que nos deu idea de pensar no que tivo en nós mesmos, en como a estabamos afrontando os docentes e investigadores, o persoal de administración e servizos e o alumnado”. Nese senso, o artigo Lifestyles and habits of a Spanish University Community in times of COVID-19: a cross-sectional study presenta os resultados dunha enquisa da que recibiron un total de 359 respostas válidas para “unha análise sociodemográfica”, preto do 39% de docentes e investigadores, un 32% do persoal de administración e servizos e un 21% de estudantes. 

Un estilo de vida activo e saudable

As e os 359 membros participantes neste estudo, o 58% mulleres, amosáronse de xeito maioritario como persoas cun “estilo de vida saudable, cun bo nivel de actividade física e un bo nivel de descanso”, segundo recolle o artigo. Preto do 70% das e os participantes, de feito, definían o seu estado de saúde como bo ou moi bo, ao igual que a súa calidade de vida. No seu conxunto, afirmaban durmir unha media de sete horas diarias, menos do 10% eran fumdadores e preto do 40% consumen alcol, como moito, dúas ou tres veces ao mes. 

Antes da pandemia, o 59% facía exercicio ou algunha actividade física varias veces á semana e o 17% unha vez á semana, mentres que menos do 9% se definen como sedentarios. Durante o confinamento, explican os autores deste estudo, o 56% mantivéronse “dalgunha maneira” activos, buscando opcións alternativas para facer exercicio. De feito, máis do 45% buscaron información por internet sobre posibles actividades que levar a cabo mentres permanecían nas súas casas. Pola contra, as e os integrantes da comunidade universitaria recoñecían tamén que durante este período aumentaron o número de horas diarias que destinaron ás pantallas. De feito, como explica Campo, “o 66% sufriron dores musculares polo sobreuso de dispositivos electrónicos” 

Un factor protector

Nunha enquisa que se realizou a finais de 2020, practicamente o 90% dos participantes sinalaron que lles preocupaba bastante ou moito a pandemia e a súa evolución e preto do 75% pensaban que repercutiría de forma negativa na súas vidas. Ao mesmo tempo, preto do 97% afirmaron seguir as diferentes recomendacións adoptadas polas autoridades sanitarias, á vez que unha significativa porcentaxe recorreu, como apunta Campo, a “fontes primarias”, como a web do Ministerio de Sanidade ou mesmo a publicacións científicas para informarse da pandemia. “Os nosos resultados amosan” que a comunidade da UVigo “parece ser consciente da seriedade da pandemia e conseguiu establecer patróns de comportamento responsables”, salientan os autores deste estudo. De aí que, pese as súas “limitacións”, a investigación permita concluír, engaden, que a comunidade da UVigo “ten un estilo de vida saudable”, que mantiveron e que “xunto co seguimento das recomendacións das autoridades sanitarias, puido ter xogado un papel de protección” da súa saúde física e mental. “Un estilo de vida saudable é un factor importante no control de varias enfermidades e está moi relacionado tamén co control de aspectos vinculados á saúde mental, como a ansiedade ou o estrés”, sinala Campo, que recoñece que, aínda que “non era o obxectivo do estudo”, os seus resultados permiten apuntar que estes hábitos “é posible que tiveran tamén un efecto protector” respecto dos “efectos negativos causados pola exposición ás experiencias da pandemia e os confinamentos”