DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cristina Llinares expuxo a súa experiencia como directora de centros de 0 a 3 anos

Unha conferencia aborda a importancia do ambiente nas escolas infantís

O acto estivo organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 17/11/2020

O Campus Remoto da Universidade de Vigo acolleu este martes unha conferencia que, organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, afondou na importancia dos ambientes na escola infantil de 0 a 3 anos. Nela, Cristina Llinares, directora da Escola Infantil de Vigo-Valadares, reflexionou co alumnado da Faculta de Educación e Traballo Social do campus de Ourense sobre os diferentes ambientes nas escolas infantís, percorrendo os seus distintos espazos, desde os corredoiros ata o exterior sen esquecer as aulas.

“Desde o Departamento de Filoloxía Galega e Latina, queremos contribuír ao necesario diálogo entre a facultade e a realidade cotiá dos profesionais, mestres e mestras de Infantil e Primaria. De aí que levemos a cabo varias actividades destinadas a establecer sinerxías entre o ámbito académico e o profesional, como a invitación a profesionais innovadores para que nos conten a súa experiencia do día a día nas aulas”, explicou a profesora Ana Iglesias en nome da organización da charla. Nesta ocasión, engadiu, “enfocamos o encontro cara ao nivel educativo 0-3 anos, que moitas veces resulta menos atendido e, sen dúbida, é o inicio do camiño para un desenvolvemento integral do alumnado, empezando por suposto pola cuestión lingüística, que nos parece fundamental ter en conta en todo momento nunha comunidade bilingüe como a nosa”.

Moito máis que espazos

Para abordar o tema central da conferencia, a cita contou coa participación de Cristina Llinares, mestra de educación infantil cunha traxectoria de máis de 15 anos neste eido que ten traballado no equipo de atención educativa da rede de escolas infantís de Galicia, coordinando o traballo educativo e deseñando e impartindo cursos para a formación dos profesionais. Ademais, ten publicado artigos na revista Aula Infantil e é coautora da Guía e outros aspectos básicos para a elaboración do proxecto educativo das escolas infantís 0-3.

Cristina Llinares amosou a súa “satisfacción por ter a oportunidade de visibilizar o traballo cos nenos e nenas de 0 a 3 anos” nesta charla xa que, apuntou, este ciclo “moitas veces non é suficientemente visible e a verdade é que para nós ten unha importancia fundamental na etapa educativa dos nenos e nenas e tamén é unha gran responsabilidade”. Aínda que, subliñou, “son moitas as cuestións que inciden na calidade educativa das escolas”, durante a súa intervención centrouse nos ambientes, ambientes que, recalcou, “non son só os espazos físicos”. O ambiente da escola, explicou a mestra durante a súa intervención, “acolle as historias das nenas e dos nenos e dos adultos que os acompañamos”.

Segundo explicou Cristina Llinares aos arredor de 70 estudantes asistentes á sesión virtual, “o concepto ambiente podemos definilo como un todo indisociado de obxectos, sons, cheiros, formas, cores e persoas que habitan nese espazo físico cun determinado marco que o contén todo. Dicimos que o ambiente fala, que nos transmite sensacións, evócanos recordos, dános seguridade ou nos inquieta pero nunca nos deixa indiferente”. Para xerar un bo ambiente de aprendizaxe, afirmou a directora de escolas infantís, “simplemente temos que ter en conta o que pon o decreto 330/2009 polo que se establece o curriculum na educación infantil en Galicia, que tamén inclúe o ciclo 0-3”. Nel, lembrou a relatora, recóllense nas súas orientacións metodolóxicas que os espazos, os materiais e o tempo forman parte do ambiente da escola infantil e di que a organización dos contextos onde se desenvolve a vida dos pequenos e pequenas incide de maneira directa na construción que fan do seu coñecemento.

No centro que dirixe, o espazo físico, afirmou a mestra, “é un espazo tradicional” pero non así os ambientes, xa que seguindo a filosofía de escola e a idea de infancia que teñen nel, indicou como intentan “sacar o máximo potencial” de todos os espazos cos que contan. Na creación dese ambiente, subliñou Cristina Llinares, apostan por dar “prioridade ao coidado, o benestar dos nenos e nenas” e “o xogo, o movemento e as experiencias sensoriais”. Os espazos na escola, recalcou a relatora durante a súa conferencia, “son moito máis” que as aulas e animou ao alumnado presente a “abrir a mirada” e ter en conta os outros espazos existentes nos centros, desde a entrada ata o patio. Como exemplo, apuntou como hai que coidar tamén o ambiente na entrada da escola, “o primeiro espazo co que se atopan nenos e nenas e as súas familias cando chegan” e que na súa opinión debe estar pensada como un lugar de encontro relaxado.