DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova OEP, que inclúe 82 prazas, recibiu 24 votos a favor e unha abstención 

O Consello de Goberno aproba a Oferta de Emprego Público do PAS para o ano 2021

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/11/2021

A UVigo xa conta cunha Oferta de Emprego Público do Persoal de Administración e Servizos (PAS) para ano 2021, despois que o Consello de Goberno lle dese este mediodía o seu visto e prace con 24 votos a favor e unha abstención. 82 prazas, das que 12 corresponden á taxa de reposición; 58 a estabilización de emprego; 11 a promoción interna e unha a persoal indefinido non fixo compoñen a oferta deste ano, a máis numerosa das realizadas no actual mandato. Este foi uns dos asuntos abordados na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada hoxe, na que tamén se aprobou a selección das áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de catedrático e de profesorado titular de universidade, así como a convocatoria de selección das áreas para a convocatoria das prazas correspondentes ao 15% reservado para persoal investigador, correspondentes á Oferta de Emprego Público para PDI da UVigo para o ano 2021. O órgano de goberno tamén deu luz verde este mediodía á equiparación do salario dos e das investigadoras Ramón y Cajal ao da figura de contratado ou contratada doutora, mantendo as mesmas condicións económicas que as persoas investigadoras distinguidas da Universidade de Vigo.

A sesión comezou co informe do reitor, que fixo referencia á celebración da reunión da Crue e da sesión do Consejo de Universidades específicas sobre a Ley Orgánica del Sistema Universitario, deixando constancia de que ao ministro de Universidades, Manuel Castells, non lle gustou a postura da Crue rexeitando as últimas modificacións introducidas na lei, “aínda que se amosou disposto a seguir negociando e a dar macha atrás nalgúns cambios introducidos na LOSU”.  Reigosa destacou que para os reitores a lei non algúns dos problemas estruturais que ten a universidade española, “sería unha oportunidade que quedara como está e incluso algunhas das modificacións que se van sumando a medida que o Ministerio fala con distintos representantes incluso se vai afastando do que estaba inicialmente pactado coa Crue”, lamentou. Reigosa, que se manifestou optimista de natureza, recoñeceu, non obstante que hai que “traballar moito para que sexa algo que reflicta as necesidades da universidade española no seu conxunto”, dixo o reitor. 

Así mesmo, Reigosa confirmou que se segue a traballar para instalar a Facultade de Ciencias do Mar na ETEA, para o que se está a negociar coas institucións implicadas: Xunta, Zona Franca e Concello de Vigo, e tamén que se está a rematar a proposta de campus de especialización de Campus Auga co obxectivo de que ao longo de 2022 estea feita a avaliación por parte da Xunta do que sería o primeiro campus de especialización que se somete a este procedemento. O reitor tamén avanzou na súa intervención algúns acordos acadados na mesa de negociación do PDI, como o da inclusión na próxima convocatoria, que sairá o mes que vén, de quinquenios e sexenios de profesorado axudante doutor , así como o principio de acordo aboar o primeiro trienio a efectos do mes de xullo do ano que vén. 

Aprobada a Oferta de Emprego Publico do PAS para 2021

Por 24 votos a favor e unha abstención o Consello de Goberno da UVigo aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe a Oferta de Emprego Público (OEP) do Persoal de Administración e Servizos para o ano 2021. A oferta está conformada por 82 prazas, das que 12 corresponden á taxa de reposición; 58 a estabilización de emprego; 11 a promoción interna e unha a persoal indefinido non fixo. A OEP do PAS de 2021 contempla, así mesmo, unha reserva de seis prazas para persoal con discapacidade, catro da escala auxiliar administrativa, subescala administración e dúas da escala auxiliar técnica, subescala conserxería. De acordo coa Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021, neste ano a taxa de reposición de efectivos para o PAS das universidades é do 110%, polo que, tendo en conta que as xubilacións na UVigo no ano 2020 foron 11, ofértanse 12 prazas. Por outra banda, o Real Decreto Lei 14/2021 do 6 de xullo, autoriza unha taxa adicional para a estabilización de emprego temporal para as prazas ocupadas nos tres anos anteriores ao 31/12/2020, o que permite ofertar neste caso 58 prazas. Cómpre destacar que as prazas ofertadas na OEP aprobada hoxe xa son todas de persoal funcionario, por mor do acordo de funcionarización.

“A OEP foi negociada coa Xunta de Persoal e cos comités de empresa. A Xerencia presentou a súa proposta, e sobre esta a representación sindical fixo as súas propostas de modificación no que respecta ás prazas a incluír na promoción interna e na taxa de reposición”, detalla a xerenta da UVigo, Raquel Souto, que sinala que na promoción interna mantívose a proposta de xerencia, e tamén se inclúen as prazas propostas por Xunta de Persoal e Comité. Así mesmo, na taxa de reposición mantívose a proposta da Xerencia, modificando unha das prazas a ofertar a proposta do Comité e respecto ás prazas a incluír na taxa de estabilización, es despois da reunión coa parte social, reinterpretáronse os criterios establecidos na norma estatal, ampliando as prazas a incluír nesta taxa con respecto á proposta inicial da Xerencia.

A OEP aprobada hoxe, a máis numerosa das realizadas no actual mandato, contou coa abstención do presidente da Xunta de Persoal, Xan Cebro, que se manifestou contrario a como se executa a taxa de reposición. “Cométese un erro á hora de aplicala aos distintos colectivos. Era unha oportunidade de sacar todas prazas de C2 de auxiliar administrativo que temos”, dixo Cebro, que lembrou que nuns meses se celebrarán eleccións á Reitoría. Pola súa banda, Manuel Reigosa, sinalou que as futuras Oferta de Emprego Público estarán marcadas polas futuras candidaturas que aspiran á Reitoría. “Esta é unha boa OEP e non vai facer dano cara a futuras negociacións”, dixo o reitor. 

Selección de áreas de coñecemento na convocatoria de prazas 

A selección de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de catedrático e de profesorado titular de universidade, así como a convocatoria de selección das áreas para a convocatoria das prazas correspondentes ao 15% reservado para persoal investigador, correspondentes á Oferta de Emprego Público para PDI da UVigo para o ano 2021 e a creación de prazas correspondente, foron outros puntos da orde de día aprobados por asentimento polos membros do Consello de Goberno. Trátase da convocatoria que se fai todos os anos para decidir en que áreas de coñecemento se convocan prazas correspondentes ao 15% reservado para investigadores nas ofertas de emprego público, neste caso a correspondente a 2021.

“A convocatoria é a mesma do ano pasado e tan só cambia o número de prazas convocadas, que neste caso é de 11, xa que, a OEP de 2021 contempla un número elevado de prazas, polo que o 15% correspondente tamén aumenta”, explica o vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Manuel Ramos, que sinala que se convocan todas, aínda que “polos datos que temos, seguramente non se cubran todas por non haber candidatos suficientes que cumpran os requisitos. Non é unha situación problemática, xa que se algunha queda sen cubrir se acumulará para a convocatoria do ano seguinte”. 

Máis acordos

Outro dos puntos da orde do día aprobados na sesión deste martes son os correspondentes a modificacións puntuais nos mestrados en Biotecnoloxía Avanzada e en Tradución par a Comunicación Internacional. Estes dos títulos acadaron a mención de excelencia da Xunta na convocatoria deste ano e “un dos requisitos para optar a esa mención era o compromiso de incorporar formación en materias de emprendemento e empregabilidade. É para cumprir ese requisito polo que se modifican para introducir no plano de estudos formación neses aspectos”, sinala Manuel Ramos. 

Na sesión tamén se deu luz verde á equiparación do salario dos e das investigadoras Ramón y Cajal ao da figura de contratado ou contratada doutora, mantendo as mesmas condicións económicas que as persoas investigadoras distinguidas da Universidade de Vigo, co obxecto de que esta transición non supoña un empeoramento das súas condicións salariais. A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, destacou que con esta medida, da que non só se beneficiarán os investigadores distinguidos, “a UVigo converterase nun atractivo para a atracción destas figuras”.

Xa na quenda de intervencións, o estudante Pedro Carro solicitou un axuste do presuposto do Consello de Estudantes da UVigo, Ceuvi, “para levar a cabo as nosas funcións, xa que no ano actual esta cantidade é insuficiente”. Desde Ceuvi solicitan para o desenvolvemento da súas funcións de representación un presuposto acorde co do resto de universidades de España, unha demanda que o reitor lles confirmou que será abordada nunha xuntanza coas responsables das vicerreitorías implicadas nesta cuestión. Pola súa banda, o presidente da Xunta de Persoal, demandou a execución da recente sentenza das baixas, “que se pague con efecto retroactivos, e que se faga de oficio”, ao que a xerenta da UVigo respondeu que teñen que estudalo e que xa se solicitou un informe a Asesoría Xurídica.