DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode participar alumnado das facultades de Educación das tres universidades

Convócase o I Concurso Universitario de Integridade Académica no Sistema Universitario de Galicia

O seu obxectivo é concienciar e potenciar a cultura ética e responsable das e dos estudantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 23/01/2023

Na sociedade da posverdade e do fácil acceso dixital ao coñecemento, a integridade académica tense convertido nun crecente reto individual e colectivo. Desde hai varios anos, un equipo formado por grupos de investigación das tres universidades públicas galegas, financiado pola Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, desenvolve un proxecto que estuda precisamente a integridade académica das organizacións educativas, que ten no plaxio unha das súas maiores problemáticas. No marco das súas actividades, convocaron recentemente o I Concurso Universitario de Integridade Académica no Sistema Universitario de Galicia.

O citado equipo, chamado Grupo Interuniversitario de Integridade Académica no Sistema Universitario de Galicia, está composto polos grupos de investigación GIACE (Universidade da Coruña), IDEA (Universidade de Santiago de Compostela) e GIE (Universidade de Vigo). No certame convocado pode participar o alumnado (de grao ou mestrado) das facultades de Ciencias da Educación das tres universidades públicas galegas, que colaboran na iniciativa e entre as que está a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. As persoas interesadas deberán presentar un cartel sobre as condutas e prácticas que debe ter en conta e poñer en práctica o alumnado co fin de evitar accións contra a integridade académica. “A finalidade céntrase en concienciar e potenciar a cultura ética e responsable na educación superior”, sinalan desde a organización do certame.

Accións deshonestas nos exames, nos traballos, co profesorado ou con compañeiros

A iniciativa quere, ademais de dar a coñecer o proxecto en si e a súa área de estudo, afondar “na concienciación do alumnado universitario sobre cuestións éticas que ás veces non cumpren”, tal e como comenta María Dolores Castro, do Grupo de Investigación Avaliativa (GIE) da Universidade de Vigo, que participa no proxecto. A docente explica que segundo os estudos que leva facendo este grupo interuniversitario, as e os estudantes en moitas ocasións “non son conscientes de que están incumprindo unha norma, incluso delictiva, como é apropiarse de contido que non é propio ou comprar un traballo”. En moitas ocasións, indica, non teñen información real do impacto legal que poden ter eses actos. Esta primeira edición do certame, comenta María Dolores Castro, céntrase no alumnado de Educación, futuras e futuros docentes, xa que, explica, a integridade académica é un aspecto que se debería traballar xa desde etapas educativas anteriores á universidade. En vindeiras edicións do concurso, apunta, seguramente se abra a máis alumnado universitario.

Para participar no certame, as e os estudantes deberán realizar individualmente un cartel que deberá "reivindicar as condutas e prácticas que debe ter en conta e poñer en práctica o alumnado co fin de evitar accións contra a integridade académica”, apuntando a organización catro tipo de accións deste tipo. As primeiras son accións deshonestas nos exames, como por exemplo empregar dispositivos tecnolóxicos para copiar ou copiar dunha ou dun compañeiro. Outras accións céntranse nos traballos, sendo considerados como deshonestos actos como entregar como propio un traballo completo descargado da Internet; facer un traballo a partir de fragmentos copiados literalmente sen pór a súa autoría ou mercar ou vender un traballo.  

As accións que se poden aborda nos carteis e sobre as que a organización do certame chama a atención abranguen tamén as accións deshonestas cara o profesorado, como falsificar documentos académicos, utilizar un pretexto falso para xustificar a non asistencia a clase ou inventar problemas persoais para que o docente modifique a cualificación. Por último, tamén están as accións cara as e os compañeiros de aula, como negarse a cooperar nun traballo en equipo, menosprezar as achegas dun ou dunha compañeira nun traballo ou interferir na realización das súas actividades académicas.

Ata o 28 de febreiro

O prazo de presentación de propostas está aberto ata o día 28 de febreiro. As persoas que formarán parte do xurado serán as e os responsables das tres facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas e cinco membros do Grupo Interuniversitario de Integridade Académica no Sistema Universitario de Galicia. Os criterios de valoración serán a mensaxe sobre a integridade académica, a calidade técnica, a orixinalidade e a creatividade. Concederase un único premio por cada universidade, que será unha tableta, e darase certificado para o segundo e terceiro premio.