DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fichada pola UVigo polo Programa de Talento Investigador, incorporarase ao grupo de M. Battino

A COVID- 19 apraza a incorporación da investigadora distinguida Francesca Giampieri ata mediados de xuño 

Ten máis de 135 publicacións, índice H de 30 e está catalogada como investigadora altamente citada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Investigar
Mª del Camen Echevarría DUVI 22/05/2020

Os efectos da COVID-19 tamén se están deixando notar no reforzo do talento investigador na UVigo. A bióloga, cun doutoramento en investigación en Alimentos, saúde e fármacos e un BIR en Ciencias dos Alimentos na Universidad Politécnica de Marche, Francesca Giampieri acadou a mediados do pasado mes de febreiro un contrato de investigadora distinguida do Programa de Captación de Talento Investigador de Excelencia da Universidade de Vigo  Non obstante, a súa incorporación ao grupo de investigación NF1 (Nutrition and Food Group) liderado por Maurizio Battino, integrándose na agrupación estratéxica Citaca, aínda non foi posible “porque poucos días despois de recibir a comunicación do éxito no programa de captación, Italia pechou os vos e empezou o confinamento que se prolongou ata principios de maio”, explica Giamperi, que a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, agarda que “poida asinar o contrato e incorporarse a mediados de xuño, se se permiten os desprazamentos”.

Con máis de 135 publicacións, un índice H de 30 e catalogada como investigadora altamente citada, baseado nos datos e análises realizados por expertos bibliométricos do Instituto e Información Científica de Clarivate Analytics, Francesca Giampieri é en opinión de Belén Rubio “unha gran promesa de futuro, cun potencial investigador excelente. Ademais está a preparar a súa candidatura para a convocatoria Beatriz Galindo e eu espero que se presente tamén en breve ás Starting Grant da ERC”. Especialista en bioquímica, Giampieri traballou en diversos temas de biomedicina, esclerose múltiple, envellecemento e tamén en aspectos de nutrición e dietética, como o papel dos antioxidantes e compoñentes bioactivos en diferentes matrices, como por exemplo o mel e os amorodos. “Sen dúbida a súa incorporación vai contribuír a mellorar, aínda máis, o excelente nivel da agrupación e da UVigo, situada xa, a día de hoxe entre as mellores do mundo no ránking ARWU_Shanghai no ámbito da ciencia e tecnoloxía da nutrición. En definitiva, unha gran e prometedora fichaxe para a UVigo”, asegura Rubio.

Un orgullo e unha oportunidade

Á espera de poderse incorporar tras un período “que foi moi difícil, tanto a nivel persoal, porque temía e sigo a temer constantemente pola saúde da miña familia, e tamén a nivel profesional, sobre todo pola falta de contacto directo cos meus colegas, o intercambio de ideas e a distancia dos laboratorios”, explica a investigadora, Francesca Giampieri asegura sentirse moi orgullosa de acadar este contrato, que tamén considera unha oportunidade a longo prazo para ampliar coñecementos e para permitirlle traballar no campo que máis lle interesa, ampliando colaboracións nacionais e internacionais. “As miñas competencias académicas e de investigación están estreitamente relacionadas coas liñas de investigación  e perspectivas futuras da Universidade de Vigo. Creo que podo explotar a miña experiencia para desenvolver e liderar equipos, identificando novas oportunidades e xerando retornos consistemente positivos” explica a investigadora que nos últimos anos colaborou en artigos con coautores de USA, China, Ecuador ou Serbia, entre outros.

Nos últimos anos, a investigadora nacida en Ancona, desenvolveu unha relación profesional “moi rendible, grazas ás nosas habilidades complementarias” co investigador e docente da UVigo Jesús Simal e desde 2019 o vínculo fortaleceuse gradualmente desde que o director do equipo de investigación no que traballa actualmente, Maurizio Battino, fundou o grupo de Ciencia da nutrición e dos alimentos do Departamento de Química Analítica e Alimentos da Universidade de Vigo. 

Na última década, Giampieri centrou a súa actividade investigadora na avaliación dos efectos biolóxicos exercidos polo compostos bioactivos presentes en moitas matrices alimentarias (amorodos, mel, follas de oliveira, aceite de oliva, guaiaba, subprodutos de cera de abellas) en varios modelos experimentais in vitro (fibroblastos dérmicos humanos, macrófagos mariños, etc.) ex vivo (glóbulos vermellos e glóbulos brancos) e in vivo (ratas e  humanos). “As enfermidades de máis interese son aquelas relacionadas co estrés oxidativo e a inflamación, como o envellecemento, cancro e enfermidades cardiovasculares, con miras á prevención”, explica Giamperi, que se amosa especialmente orgullosa ser incluída na lista Thomson Reuters-Clarivate Analytics (WoS) de investigadores altamente citados en ciencia da agricultura en 2019 “e enumerada entre as mentes científicas máis influíntes do mundo ese ano”.

Novas incorporacións de investigadores excelentes, condicionadas pola crise da COVID-19

En relación cunha posible incorporación de novas e novos investigadores excelentes, a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, recoñece a complicación que esta posibilidade entraña “porque a COVID-19 modificou todos os nosos plans e incluso desbaratou os orzamentos, pero desde logo que nos gustaría, cando sexa posible, fichar máis persoal investigador desta categoría para potenciar outros ámbitos de coñecemento e outros centros de investigación e agrupacións estratéxicas, que teñen tamén gran relevancia na UVigo, como as tecnoloxías da información e comunicación ou a economía”. Neste sentido, Rubio incide na necesidade que ten a institución de incorporar persoal novo e con impulso, “que sexa quen de mellorar as comunicacións que faciliten as relacións virtuais, que poidan avaliar a evolución da crise económica derivada da pandemia, ou ben descubrir novas vacinas para novos virus, ou como no caso de Francesca, amosar que os amorodos e outros alimentos teñen propiedades beneficiosas para a saúde humana”, detalla a vicerreitora.