DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Só por detrás das administracións, segundo un informe elaborado polo grupo G4+

A cultura e o segundo sector que máis emprego xera en Pontevedra e na súa contorna

Cunha facturación de 157 millóns e 2175 empregos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 08/10/2021

Deixando fóra os postos de traballo no sector público, a cultura é o sector que máis emprego xera na cidade de Pontevedra e na súa área de influencia. Esta é unha das principais conclusións do Informe do sector cultural no Concello de Pontevedra que o grupo de investigación G4+. Desenvolvemento Estratéxico: Organizacións e Territorios desenvolveu para a Concellaría de Cultura. 80 empresas, cunha facturación de preto de 157 millóns de euros, e 2175 postos de traballo, a meirande parte de autónomos e autónomas, conforman un sector “que na cidade e na súa área xera máis emprego que a restauración ou a construción”, segundo salientou Pedro Figueroa, director deste grupo de investigación pertencente á Ecobas.

O profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación presentou este venres xunto coa concelleira de Cultura, Carme Fouces, un documento que tiña como obxectivo “compilar e analizar información sobre os ecosistemas do sector cultural no concello e o seu impacto económico, laboral e social”. Trátase, como sinalou Fouces, da primeira vez que se leva a cabo en Pontevedra unha análise que brinda unha “foto fixa” do sector, “clave para poder planificar e deseñar a cultura do futuro en Pontevedra”. Realizado por un equipo que completaban Daniel Gallego, Ana Branca del Valle e José Ángel Tellería, trátase dun documento que permite pór de relevo “a importancia dun sector transversal”, que máis aló do seu “impacto económico e no emprego”, contribúe tamén “a conformación da personalidade dunha cidade”, engadiu Figueroa. 

Empresas e subsectores

Ademais dos datos das empresas con sede no municipio, esta análise abrangueu tamén o das situadas na súa “área de influencia”, nos concellos limítrofes, como explicou Figueroa. En total, trátase de 80 empresas cunha facturación de 157 millóns de euros e un “valor engadido” doutros 40, que contan con 765 empregados e empregadas. 61 destas empresas teñen como sede Pontevedra e suman no seu conxunto 18 millóns da facturación, outros 8 de valor engadido e 225 empregados. Nese senso, Figueroa puntualizou que se ben “a maior parte das empresas” teñen a súa sede no Concello, non é o caso das "máis grandes, con maior contratación e que moitas veces necesitan maiores espazos”. 

Esta análise abrangue tamén catro “subsectores”, os da creación, produción, fabricación e distribución e difusión de bens e servizos culturais. No caso das empresas, este último representa a maior porcentaxe de facturación, máis de 100 millóns de euros. Así mesmo, o documento recolle tamén ás principais empresas en termos de facturación de cada unha destas áreas. Concretamente, Pablo Méndez Compañía de Performance é a empresa con maior volume de negocio no ámbito da creación artística e cultural, mentres que Bambú é a empresa que máis factura na área da produción, Gráficas Anduriña na de fabricación e Arnoia na de distribución e difusión.

Por outra banda, o informe reflicte a “evolución positiva” que o sector experimentou entre 2013 e 2019, tanto no municipio como na súa contorna, xa que, a pesares dunha “pequena redución no número de empresas na área”, neste período “incrementáronse tanto os ingresos, un 61%, como o valor engadido, a súa capacidade de xerar riqueza, un 84%”, detallou Figueroa. 

Importancia do traballo autónomo

Unha das particularidades do sector cultural, sinalou o coordinador do grupo G4+, é o “gran número de autónomos”, que supoñen 1410 destes 2175 traballadores e traballadoras. Preto do 50% desenvolven a súa actividade no subsector da creación e interpretación e o 77% teñen no municipio a sede da súa actividade. Neste punto, Figueroa lamentou que non fosen facilitados os datos de facturación dos autónomos, o que permitiría, por exemplo, analizar o “efecto económico” que para eles tivo a covid-19, xa que o informe só permite observar como en 2020 “o emprego autónomo mantívose, cunha pequena redución a nivel de área”. 

381 espazos con capacidade para 38.000 persoas

Á súa vez, o documento detense noutra serie de aspectos, como o patrimonio cultural da cidade, os arquivos e bibliotecas e as infraestruturas. Neste último punto  recolle que existen 72 infraestruturas, entre “especializadas, complementarias e de formación, con 381 espazos, que sumarían no seu conxunto un aforo de máis de 38.000 persoas. O informe achega tamén información sobre o uso do galego, o Camiño Portugués e os hábitos de compras culturais, así como sobre a formación, aspecto do que Figueroa destacou o elevado número de alumnado que realiza “estudos vencellados ao ámbito da cultura”, preto de 2300 no ámbito universitario e 4000 noutros niveis do ensino. Neste punto, lembrou a presenza na cidade de titulacións "únicas en Galicia”, como Belas Artes e Publicidade e Relacións Públicas, así como os estudos que se imparten na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Por outra banda, o documento recolle tamén un “esquema dos eventos culturais que se programan todos os anos”, máis de 45, apuntou Figueroa, que sinalou que “poucas cidades poden dicir que teñen esta actividade permanente". A estas súmanse as máis de 300 actividades desenvolvidas polas asociacións, respecto das que é difícil, explicou, coñecer o número exacto das que se manteñen activas, que, segundo as súas estimacións, roldarían o centenar. O documento reflicte así mesmo que ao longo da pasada década editáronse en Pontevedra 1806 libros, afonda na actividade dos locais de música, empregados como lembrou Figueroa por un número moi superior de mozos que de mozas. Esta análise, á súa vez, engadiu Fouces, irase posteriormente “incrementando con novos datos”, como, por exemplo, un estudo de públicos.

 

Informe completo