DUVI

Diario da Universidade de Vigo

curso ciberseguridade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
M. Del Río DUVI 11/01/2022

O título propio en Ciberseguridade Industrial, único en Galicia, comezará a impartirse esta mesma semana e farao con todas as súas prazas cubertas. Esta acollida é cualificada como “todo un éxito” polo profesor José Ignacio Armesto, coordinador do mesmo, xunto co tamén docente Miguel Díaz-Cacho, ambos do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática. Esta será a primeira edición dunha titulación propia da Universidade de Vigo que se insire dentro da oferta académica da Escola Aberta de Formación Permanente e que nace para tender pontes entre o perfil formativo industrial e o das tecnoloxías da información e as comunicacións nun contexto de dixitalización das plantas industriais. Trátase, como explican os seus impulsores, de dar resposta ás necesidades do mercado laboral, que demanda para a Industria 4.0 profesionais cun maior nivel de cualificación tecnolóxica, como se recolle, de feito, no informe Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o SUG, no que se sinala o eido da ciberseguridade na contorna industrial como un dos nichos laborais de futuro que requiren dunha formación específica que ata agora non existe na comunidade autónoma.

O curso, que se impartirá de maneira totalmente virtual a través de Campus Remoto ata o mes de setembro, busca actualizar os coñecementos dos profesionais do eido industrial e tamén formar novos especialistas. E é que un tecido industrial cada vez máis conectado, tanto horizontal, é dicir, entre as liñas de produción e as máquinas, como vertical, entre as máquinas e os sistemas de xestión da produción, presenta tamén novos riscos e vulnerabilidades. Fronte a estas ameazas son precisos profesionais que poidan xestionar adecuadamente estas situación e adoptar as medidas de protección necesarias para evitar ciberataques, perdas na propiedade industrial das compañías ou mesmo a paralización da produción. 

A formación será eminentemente práctica e técnica, empregando ferramentas e tecnoloxías de fabricantes como Siemens, Fortinet, Microsoft ou Nozomi Networks, entre outras. Ademais, o título conta co apoio e participación de multinacionais do sector, polo que a docencia será impartida por profesorado das escolas de Enxeñería Industrial e de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e tamén por profesionais de Siemens, Muutech, Microsoft, Inprosec, Gadisa, Accenture, Nueva Pescanova ou Tecdesoft Automation. 

130 persoas interesadas e as 30 prazas cubertas

A valoración que o profesor José Ignacio Armesto fai da acollida desta primeira edición é “moi boa”, xa que dende que se aprobou esta nova titulación no mes de outubro “solicitaron información sobre o mesmo máis de 130 persoas” e arranca coas 30 prazas cubertas. Respecto ao perfil do alumnado, principalmente son galegos e galegas, aínda que sete proceden o resto de España e un de Latinoamérica. Son na súa maioría profesionais do sector, xunto con tres estudantes de grao e mestrados, dous deles gañadores dunha bolsa de Feuga. Respecto da súa formación, son principalmente titulados e tituladas en enxeñaría industrial e enxeñaría de Telecomunicación, así como algún procede do eido da enxeñaría informática e da enxeñaría de procesos químicos industriais.

Xornadas sobre casos de éxito de empresas como Stellantis, Adif, Iberia ou Navantia

O curso arranca esta semana coa celebración dunha xornadas técnicas os días 13 e 14 en modalidade virtual que serán emitidas en directo e aberto a través da canle 1 de UVigo-TV.

Estas xornadas centraranse na Industria 4.0, os seus antecedentes  e as tecnoloxías habilitadoras e contará coas achegas e relatorios de profesionais do sector que afondarán, por exemplo, na ciberseguridade en sistemas de control industrial, as comunicacións industriais dende unha visión holística, o IIoT ou internet industrial das cousas como corazón da Industria 4.0, a intelixencia artificial ou os retos do futuro inmediato. A segunda xornada, a do día 14, centrarase en casos de éxito en
diferentes sectores industriais, como a automoción, a distribución de enerxía, o transporte terrestre e o aéreo ou o sector naval e militar. Para estas ponencia as xornadas contarán coa participación de representantes de empresas como Stellantis, Red Eléctrica Española, Adif, Iberia ou Navantia.