DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Deputación de Pontevedra e impartido por docentes do Centro de Linguas

O curso de español para inmigrantes axudou a 55 persoas na súa “loita pola integración”

Poderán presentarse á proba DELE A2, imprescindible para solicitar a nacionalidade española

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/09/2020

Para poder solicitar a nacionalidade española, as persoas non hispanofalantes deben ter superado a proba DELE A2 que realiza o Instituto Cervantes e acredita o seu dominio do idioma. Pero o custo económico da preparación previa e das taxas do exame dificultan o acceso a este proceso a algúns colectivos con menos recursos. Para tender unha ponte que permita a esas persoas “loitar pola súa integración”, a Deputación de Pontevedra leva xa catro anos organizando un curso de español para inmigrantes, que imparten docentes do Centro de Linguas da Universidade de Vigo. Este mércores clausurouse a edición de 2020, na que participaron 55 persoas, procedentes principalmente de países africanos, que agora deberán pasar a proba do Instituto Cervantes.

No acto de clausura do curso, celebrado na sede provincial en Vigo, a  presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou “a capacidade de superación” e ”a loita por ter a posibilidade de integración no noso país” das persoas inmigrantes que veñen de finalizar os cursos tanto en Vigo como en Pontevedra. Pola súa banda, a directora da Fundación Universidade de Vigo, Fina Casal, tamén quixo agradecer á Deputación e ao persoal docente o seu compromiso e felicitou ao alumnado pola súa constancia e empeño por buscar un futuro mellor.

Con esta actividade, a Deputación de Pontevedra tenta facilitar ás persoas de países non hispanofalantes a consecución do título subvencionando o custo da formación e tamén a matrícula no exame DELE, evitando así procesos de exclusión social que deixen á marxe colectivos con menos capacidade económica. Nas tres edicións anteriores, estas actividades tiveron un total de 180 participantes.

Marrocos, Brasil e Senegal, principais países de orixe

Silva clausurou esta mañá un dous cursos celebrados na cidade olívica que, xunto ao terceiro celebrado en Pontevedra, sumaron este ano un total de 55 persoas, procedentes na súa maioría de Marrocos, Brasil e Senegal, amais doutros países como Ghana, Mauritania, Quenia, Alxeria ou Nixeria. A presidenta da Deputación quixo facer deste xeito un recoñecemento ás persoas participantes nesta formación “porque sodes xente que non se detén ante as dificultades”. “O máis importante son as persoas, os seres humanos teñen que ter todos os dereitos, e vos loitades por ter a posibilidade de integrarvos no noso país” –destacou–. Pola súa banda, a directora da Fundación da Universidade de Vigo, Fina Casal, quixo recoñecer o esforzo do persoal docente, que “tentan dalo todo para que todos cheguedes a conseguir ese dereito de continuar a vosa vida aquí”. A este respecto, a presidenta trasladou tamén o seu agradecemento polo compromiso do profesorado, representado no acto por Diana Durán.

A polo 100% de aprobados

Despois de que no pasado curso o índice de aprobados no DELE fose do 90%, a presidenta da Deputación animou ás e aos estudantes deste ano a “acadar o 100% de aprobados”.

Con todo, a pandemia da covid-19 tamén xerou problemas na organización da docencia, xa que nesta edición, o inicio dos cursos tivo que adiarse e as clases desenvolvéronse cun estrito protocolo, que incluíu o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade.