DUVI

Diario da Universidade de Vigo

curso saúde perinatal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/07/2021

Segundo a Asociación Española de Psicoloxía Perinatal, unha de cada cinco mulleres experimentará un trastorno mental durante o embarazo ou posparto e destas, sinalan, o 75% “non recibirá o diagnóstico e tratamento axeitado”. Coñecer e comprender a importancia do coidado da saúde mental na etapa perinatal é o propósito central do curso de Extensión Universitaria que o grupo de investigación PS1 (Psicoloxía Xurídica e da Saúde. Convivencia e Benestar) promove xunto a esta asociación e que se desenvolverá, de xeito virtual, entre o 28 e o 30 de xullo. Inserido na oferta de cursos de verán da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, o curso Abordaxe integral da saúde mental perinatal contará coas intervencións de 15 especialistas e profesionais de ámbitos como a psicoloxía, a medicina ou a enfermaría.

“Este curso pretende reivindicar a inclusión da perspectiva de xénero e a diversidade familiar no proceso de embarazo e parto”, salienta a investigadora do grupo PS1 María José Vázquez, directora desta actividade, que se desenvolverá a través de Campus Remoto e para a que é posible inscribirse, indica, a través dos correos asc-po@uvigo.es ou figueiredo@uvigo.es. Co obxectivo de ofrecer, tanto á cidadanía en xeral, como a profesionais unha “formación interdisciplinar sobre o coidado perinatal”, o curso abranguerá a atención á sáude mental no período de xestación, parto e posparto, así na primeira crianza. Do mesmo xeito, como destacan desde a asociación, tamén se porá o foco nos “aspectos relacionados coa busca do embarazo, a infertilidade e o dó”, tendo en conta ademais que “un de cada catro embarazos rematan coa morte fetal ou perinatal”. 

Unha realidade “estigmatizada”

Como destacan desde a asociación, “a enfermidade mental” na etapa perinatal “está infradiagnosticada e, aínda máis, estigmatizada”, o que motiva que moitas mulleres non manifesten as problemáticas que padecen, así como “o descoñecemento por parte dos profesionais”. Neste aspecto, un dos obxectivos deste curso, que conta con 27 matriculados e matriculadas é dotar aos e ás asistentes de ferramentas e técnicas que permitan unha abordaxe preventiva destas problemáticas.

Neste punto, Vázquez Figueiredo pon o acento na importancia da atención temperá para evitar “trastornos asociados á falta dun coidado axeitado na etapa perinatal”, así como “reivindicar” a importancia dunha atención integral neste eido. “A abordaxe das necesidades asociadas á etapa perinatal non está recoñecida como unha cuestión de saúde pública, xa que o acceso a unha atención especializada aínda non está dispoñible para todas as familias”, subliña esta docente. Neste mesmo senso, desde a asociación subliñan a “urxencia e necesidade de formar e informar aos profesionais e á sociedade en xeral desta realidade”.

Unha abordaxe integral para un labor preventivo

Entre os contidos do curso figura a diagnose e tratamento de trastornos mentais como a depresión, “que pode iniciarse xa no embarazo", e ansiedade perinatais, así como outra serie de patoloxías frecuentes como “o estrés postraumático posparto”. Mais tamén se porá o foco noutra serie de aspectos como o acompañamento emocional ás familias nas unidades de neonatos ou nas implicacións emocionais da infertilidade e os procesos de reprodución asistida. Por outra banda, un dos coloquios centrarase na paternidade durante esta etapa, que, como salientan desde a asociación, tamén constitúe “unha crise vitial importante”, tanto polo “cambio e adaptación a un novo rol” como polo papel que debe xogar o pai como “figura de apoio durante a xestación, parto e posparto”. 

O obxectivo final, engaden desde a Asociación Española de Psicoloxía Perinatal, é por de relevo a importancia dunha “intervención multdisciplinar”, xa que “son moitos os profesionais implicados na saúde perinatal e moitos os escenarios nos que se poden presentar dificultades”, de tal xeito que a combinación de especialidades permitirán unha “axeitada intevención, non só cando xurda patoloxía”, senón tamén para poder previlas.