DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa forma parte da programación de actividades de San Alberte

A Delegación de Alumnado de Bioloxía busca ideas para un novo logo

Convocaron tamén un certame sobre relatos biolóxicos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
María Álvarez DUVI 19/10/2021

Con motivo da celebración do patrón da Facultade de Bioloxía, San Alberte, a Delegación de Alumnado deste centro volve facer unha chamada á creatividade da comunidade universitaria coa convocatoria de dous concursos, un de relatos e outro de logos. En total repartiranse 460 euros en vales entre os seis premiados, tres por categoría. Ademais esta iniciativa chega cun aliciente extra, o logo gañador poderá ser proposto para empregarse como logo oficial da Delegación de Alumnado de Bioloxía Lynn Margulis, xa que, desde o punto de vista dos responsables da delegación, a icona actual, que leva dende os comezos da facultade, xa non representa tan fielmente como o facía no pasado á titulación que están a cursar. 
Esta actividade ponse en marcha coa intención de tender pontes entre dous ámbitos de aprendizaxe que no pasado parecían non ter nada que ver e que hoxe, con propostas coma esta, amosan que é posible, ademais de necesario, traballar en conxunto as diferentes competencias; é dicir, camiñar cara a multidisciplinariedade e facer así máis completos e interesantes os traballos, pois o saber relatar é unha das competencias máis importantes á hora de facer divulgación científica, así como tamén o é a creatividade á hora de resolver certos obstáculos que se poden presentar nas investigacións e experimentos.

Unha nova imaxe para a Delegación Lynn Margulis

As normas que deben seguir aqueles que queiran participar no concurso de logos e conseguir, deste xeito, que a súa icona represente á Delegación de Estudantes de Bioloxía, serán crear un debuxo dixital de temática obrigatoriamente biolóxica, cun deseño claro e recoñecible, sen importar a cor. Así mesmo, é imprescindible que a obra presentada estea en formato vectorial e o autor ou autora terá que ocultar a súa identidade antes da súa entrega, polo tanto, os logos non poderán levar unha firma que identifique a súa autoría. O xurado desta categoría estará composto por un representante do equipo decanal, dous membros do PDI, un membro da Área de Imaxe e oito estudantes pertencentes á Delegación de Bioloxía Lynn Margulis

Literatura e ciencia, da man

Cun máximo de cinco páxinas por proposta os participantes no concurso de relatos terán a oportunidade de presentar dúas obras por persoa, sendo sempre orixinais e non galardoadas no pasado noutros certames. A pesar de que nas Bases matízase que a temática principal ten que ser biolóxica, poden introducirse temas menores de libre elección cos que dar forma á historia. O primeiro posto recibirá un vale regalo do Corte Inglés por valor de 120€; o segundo, un vale de 70€, e o terceiro un de 40€ (do mesmo xeito que ocorre na categoría de iconas). Os membros do xurado, nesta ocasión serán unha persoa do PDI e tres estudantes pertencentes á Delegación Lynn Margulis.

Ata o 11 de novembro

As persoas interesadas en participar teñen de prazo para entregar as súas propostas ata o 11 de novembro e deberán envialas ao correo delegacionbiovigo@gmail.com. O deseño ou relato será obrigatoriamente orixinal e, dos remitidos, ningún pode ter sido xa galardoado noutro certame. Ambos concursos organizados pola Delegación de Alumnado de Bioloxía quentan motores para o que será a programación que dende as tres facultades que alberga o edificio de Ciencias Experimentais preparan cada ano para conmemorar o seu patrón, San Alberte.