DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Vaquero acada un accésit nos Premios Estudios Financieros 2021

Dous traballos feitos desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, galardoados en diferentes certames

Alumnado do programa Meta consegue outro accésit nunha convocatoria da Asociación AECA

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 13/10/2021

Dous traballos realizados desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense veñen de ser distinguidos en diferentes convocatorias. O profesor Alberto Vaquero acadou un accésit nos Premio Estudios Financieros 2021, do Centro de Estudios Financieros, por un traballo do que é coautor sobre o potencial de mellora de capacitación persoal e profesional no estranxeiro. Pola súa banda, alumnado do programa Meta acadou outro accésit nos Premios da Asociación Española de Contabilidad y Administración de Empresas (AECA) para Entrevistas a Empresarios y Directivos, por un traballo realizado sobre Roberto Verino e a sostibilidade.

Talento e competitividade

Os Premios Estudios Financieros 2021 son convocados polo Centro de Estudios Financieros co fin de "recoñecer e estimular o labor creador e de investigación, valorando o seu carácter práctico" e están considerados “un referente da investigación en España nas Ciencias Sociais e Xurídicas”. Na categoría de Recursos Humanos, o traballo de Alberto Vaquero, realizado coa profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Bastida, membros os dous do Foro Económico de Galicia, leva por título No es momento de derroches: la recuperación de talentos dispersos como driver de competitividad. O documento, detalla Alberto Vaquero, “enmárcase nunha das liñas de investigación que teño aberta sobre capital humano e da que temos feito un informe recentemente para o Foro Económico de Galicia”.

Sobre o estudo, os seus autores sinalan que “nos últimos anos temos asistido a unha saída constante de mocidade do noso país, na súa maior parte con estudos terciarios, en busca de mellores oportunidades laborais noutros territorios. Tradicionalmente, este fenómeno analizouse desde unha óptica de resignación pesimista, intentando estimar os danos que esta fuga de capital humano cualificado ten para a nosa economía e a nosa sociedade”. Porén, indican, “obviouse que unha parte significativa desa mocidade adquire na súa estancia no estranxeiro unha serie de coñecementos e experiencias que lles permiten retornar con maiores competencias e habilidades”. A experiencia internacional, lembran os profesores universitarios, é xeralmente considerada un recurso valioso tanto polo mercado laboral como polos propios traballadores e traballadoras.

Neste contexto, no seu traballo Alberto Vaquero e María Bastida abordan “esa tarefa pendente, a análise do potencial de mellora de capacitación persoal e profesional das persoas a través dunha experiencia internacional”. Nela, a través dun estudo realizado entre máis de 300 persoas españolas que emigraron a outros países, “constátase a percepción de adquisición dunha serie de competencias e habilidades que poden ser determinantes para a mellora do potencial competitivo das nosas empresas”. Os resultados obtidos, engaden, permiten sinalar “a existencia dunha importante fonte de vantaxe competitiva dispersa e non valorada, de importancia transcendente non só para os propios individuos, senón para as empresas e as administracións públicas, para a recuperación deste importante capital humano”.

Sostibilidade e empresa

Por outra parte, o grupo de estudantes do grao de Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo formado por Laura Álvarez, Marcos Vázquez e Manuel Ramos acadaron tamén o primeiro accésit no Premio para Entrevistas a Empresarios y Directivos da Asociación Española de Contabilidad y Administración de Empresas (AECA), pola seu traballo Roberto Verino: Una empresa comprometida con la sociedad. O obxectivo destes galardóns é aproximar o alumnado á realidade empresarial, ofrecéndolles a ocasión de propor distintas cuestións a dirixentes de organizacións. Laura Álvarez, Marcos Vázquez e Manuel Ramos participaron na experiencia piloto de Meta, o programa de mentorización da facultade ourensá dirixido por Ernesto López-Valeiras e composto por un grupo de mentores, directivos da contorna empresarial. Co apoio de Meta, estes tres estudantes acadaron bolsas na 28ª edición do Programa Internacional de Becas AECA para Estudantes Universitarios de Administración de Empresas, que lles permitiron recibir toda a documentación e información emitidas pola asociación como se fosen un membro máis dela, beneficiándose ademais de determinados servizos complementarios.

Tras a concesión das bolsas, explican os estudantes ourensáns, “AECA convocou un concurso para os beneficiarios destas bolsas que pretendía achegarnos ao mundo empresarial e decidimos participar xa que consideramos que sería unha experiencia interesante e un proceso de aprendizaxe”. O concurso convocado, indican, consistía en levar a cabo unha entrevista cun empresario ou directivo dunha empresa española no que se falase dun tema de actualidade vinculado á súa empresa. No seu caso optaron por entrevistar a Roberto Verino, do que sinalan, “mostrou unha gran disposición por axudarnos e colaborar”. A temática elixida para a entrevista foi “a sostibilidade ambiental e a responsabilidade social corporativa, xa que é un tema de interese moi presente actualmente tanto na empresa como na sociedade”. Os traballos premiados serán publicados pola revista da entidade.