DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Foro Económico de Galicia

A economía galega frea a súa actividade

O PIB autonómico aminorou significativamente o seu crecemento no terceiro trimestre de 2022

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 24/01/2023

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este martes en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura socioeconómica IV/2022. Nel destácase que a economía galega frea a súa actividade.  

O informe, que se elabora trimestralmente, está asinado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago (ambos da Universidade de Vigo) e José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador este último do estudo. Segundo indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “a actividade económica galega presenta no terceiro trimestre do ano unha significativa ralentización do seu ritmo de crecemento. Esta tendencia prodúcese nun contexto internacional marcado pola incerteza, o mantemento das tensións xeopolíticas, a inflación e o incremento das taxas de xuro”.

O documento recolle que o PIB galego medra un 2,5% respecto ao ano anterior, case dous puntos menos que no conxunto do estado (4,4%). Este crecemento do PIB, indican desde o Foro Económico, “explícase pola achega positiva da demanda externa (4,6 puntos), o que contrasta coa demanda interna, que detrae 2,1 puntos”. En termos intertrimestrais, detallan, as principais economías europeas presentan taxas positivas de crecemento, sendo cero en Galicia. “A comunidade autónoma mantense tan só tres décimas por baixo do nivel precrise, situándose este diferencial en 1,4 puntos no conxunto do estado, o que contrasta co acontecido no conxunto da UE e da zona euro que xa o tiñan superado”, afirman os autores do traballo.

Moderación do dinamismo do mercado de traballo

A economía de España, sinálase no informe, presenta un crecemento máis equilibrado, sendo a achega positiva da demanda externa de 3,5 puntos e de 0,9 puntos no caso da demanda interna. Porén, “os diferentes agregados recollidos no cadro macroeconómico presentan unha peor evolución que no conxunto do estado, o que explica o devandito diferencial de crecemento”. Dunha banda, detallan os economistas, “o gasto en consumo final, tanto público como privado, contráese en Galicia fronte ao incremento do gasto total final e privado en España, sendo a caída do gasto público significativamente superior. En Galicia o gasto dos fogares contráese un 1,2% fronte ao 6,7% do público”.

No caso do investimento, este aumenta en Galicia un 0,5%, o que supón dous puntos menos que en España. En canto ao sector exterior, o dinamismo exportador reflíctese nunha medra do 8,1% en Galicia fronte ao 18,8% en España, permanecendo practicamente constante as importacións (medran un 9% no estado), segundo recolle o informe presentado. Por ramas de actividade, o crecemento do PIB en Galicia explícase segundo os economistas do foro polo comportamento da construción e, en menor medida, pola actividade do sector servizos. Pola contra, contráese a actividade produtiva no sector primario e industrial. “Comparado co cadro macroeconómico da economía española, as principais ramas de actividade presentan en España un mellor comportamento, destacando o crecemento industrial en contraposición á caída rexistrada no caso galego”, afirman.

O mercado do traballo, recolle o documento presentado, tamén amosa unha moderación no seu dinamismo. A creación de emprego centrouse nas mulleres, no sector da construción, asalariados do sector privado e persoas con estudos superiores e idades comprendidas entre os 45/54 anos. O emprego baixa na industria e no sector primario, nos autónomos e asalariados públicos e entre persoas con estudos secundarios e idades entre os 35 e 45 anos. “É preciso salientar que a creación de emprego é maior en España e que Galicia mantense entre as autonomías con taxas de ocupación máis reducidas”, comentan desde o foro.

Por último, o informe recolle que segundo o índice de competividade rexional elaborado polo Consejo General de Economistas, Galicia presenta unha medra da competitividade do 5,7% en relación á estimación do ano anterior, situada en 8,13. “Os distintos indicadores seleccionados na elaboración deste índice están agrupados en sete eixos competitivos (contorna económica, mercado de traballo, capital humano, contorna institucional, infraestruturas básicas, eficiencia empresarial e innovación). Galicia mantense nun noveno posto en relación ao resto das comunidades autónomas”, subliñan os economistas.