DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na asemblea que a Atic levou a cabo en Sevilla 

Emma Torres convértese en vicepresidenta da asociación de universidades con titulacións de comunicación

Trátase da primeira vez que a UVigo forma parte da xunta directiva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/05/2022

Preto de 50 institucións académicas, tanto públicas como privadas, forman parte da Asociación Española de Universidades con Titulaciones en Información y Comunicación (Atic), da que Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, é a nova vicepresidenta. Na asemblea que este xoves tivo lugar en Sevilla, as e os integrantes desta asociación deron o seu apoio á única candidatura presentada ao proceso electoral impulsado pola Atic, que estaba encabezada polo decano da Facultad de Ciencias de la Información da Complutense de Madrid, Jorge Clemente, e que completaban decanos e decanas doutras seis universidades. Coa elección de Torres, a UVigo pasa a formar parte por primeira vez da xunta directiva “da asociación deste tipo na que están representadas un maior número de universidades de España”, como lembra a decana.

“En termos de visibilidade, tanto da Universidade de Vigo, como da facultade, é unha noticia moi positiva”, recoñece Torres, que destaca a oportunidade que a súa elección supón á hora de establecer contactos e “manter relacións directas co resto de títulos de comunicación de España”. Ao mesmo tempo, a decana salienta que o feito de formar parte da xunta directiva dunha asociación “na que están representadas a inmensa maioría das universidades” que imparten estes estudos, supón “a confirmación dun traballo ben feito" por parte do centro do campus pontevedrés, "que é tido en consideración por parte do resto de facultades de España”. “Dentro da representación institucional, penso que é importante ter esta presenza nun ámbito como a comunicación, que ten tanto peso no noso país e tanta demanda por parte do alumnado”, engade. 

Creada en 2011 para dar continuidade á antiga conferencia de decanos, a Atic elixiu este xoves o seu novo equipo directivo para os próximos tres anos que, xunto a Clemente e Torres, completan Marta Laguna, da Universidad de Valladolid, como secretaria; Rosario Sádaba, da Universidad de Navarra, como tesoureira; e María Solano, Pedro Hellín e Jordi Sánchez, da CEU San Pablo, Universidad de Murcia e Oberta de Catalunya, respectivamente, como vogais. 

A comunicación como un ámbito propio

Como un dos aspectos máis relevantes de formar parte desta nova xunta directiva, Torres destaca a posibilidade “de ser interlocutores co Ministerio de Universidades” en procesos como os cambios normativos que poidan derivarse da LOSU. “De feito, unha das negociacións que temos actualmente aberta é que a comunicación sexa recoñecida como un ámbito de coñecemento específico”, sinala a nova vicepresidenta. De feito, un dos obxectivos incluídos no programa presentado pola candidatura encabezada por Celemente é a consecución dun campo específico de comunicación ante a Comisión Nacional de Evaluación de la Actividad Investigadora (CNEAI) da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA). 

Do mesmo xeito, ao longo dos próximos tres anos prevén levar a cabo “un traballo de divulgación” que contribúa a pór de relevo “a importancia da investigación en comunicación no noso país”, a través de iniciativas como o Observatorio Atic, xornadas, premios ás mellores teses e traballos de fin de grao neste ámbito e a realización “de publicacións vinculadas á calidade e á formación do profesorado”. Alén disto, Torres tamén sinala a importancia desta asociación como un “foro para todo o relacionado co propio desenvolvemento das titulacións da comunicación”.

Participación do alumnado no CdeC

 

Ademais de na asemblea da Atic, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación tamén está representada nestes días no CdeC, o festival de publicidade promovido polo Club de Creativos que se desenvolve nestes días en San Sebastián e ao que acoden preto de 50 estudantes da facultade, “que teñen a oportunidade de estar en contacto cos mellores creativos publicitarios do país”, como salienta Torres. Ademais da participación do alumnado nas diferentes actividades que se desenvolvan ao longo da fin de semana, varios estudantes do Máster en Dirección de Arte Publicitaria colaboraron tamén na propia organización do evento, a través do convenio de prácticas asinado co CdeC.