DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado foi o encargado de deseñar, fabricar e ensamblar a súa aeronave

O equipo de aeromodelismo da UVigo e o seu drone CORV-0, listos para competir na Air Cargo Challenge 2022 en Alemaña

A cita desenvolverase do 5 ao 8 de xullo en Múnic

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 30/06/2022

Despois de dous anos de intenso traballo, o equipo de aeromodelismo da Universidade de Vigo, chamado UVigo Aerotech, está listo para competir a vindeira semana na Air Cargo Challenge 2022, en Alemaña. Farao co seu aeromodelo CORV-0, un drone deseñado, fabricado e ensamblado polos arredor de 27 alumnos e alumnas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense implicados nesta iniciativa.

“Xa estamos listos. En 2020 naceu UVigo Aerotech cun obxectivo claro, deseñar un drone de ala fixa con métodos de enxeñaría para participar en competicións de ámbito internacional, e conseguímolo”, subliña o equipo. A iniciativa, lembran os seus membros, botou a andar a principios de 2020 co apoio do profesor Guillermo Rey e cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0, unha aeronave de máis de catro metros de envergadura e capaz de levantar ata 12 quilos. Coa experiencia deste precedente, o equipo lanzouse ao deseño, fabricación e construción do aeromodelo agora presentado.

Froito dun traballo en equipo

Segundo detallan desde UVigo Aerotech, “en primeiro lugar levouse a cabo o deseño e simulacións pertinentes para garantir que a aeronave cumpría coas necesidades. Posteriormente, procedeuse á fabricación do mesmo, que consistiu no laminado en fibra de carbono e posterior curado en autoclave, onde se obtería a peza final, ademais da fabricación das pezas de aluminio que conformarían a estrutura interna e o tren de aterraxe”. Unha vez finalizada a fabricación procedeuse a ensamblar o aeromodelo e tras varias iteracións das pezas logrouse obter un avión capaz de voar e cumprir coas expectativas que nun primeiro momento se esperaban por parte do equipo. Estas tarefas de fabricación e ensamblaxe foron realizadas no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da UVigo, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia. As probas de voo e o adestramento do equipo para pilotar o drone foron realizadas pola súa banda no Club de Aeromodelismo de Ourense.

O alumnado realizou o seu traballo dividido en cinco departamentos co obxectivo de cubrir todas as necesidades do proxecto de forma organizada. Estes departamentos foron Electrónica e Control (no que se implementaron os circuítos do aeromodelo e se elixiu tanto o hardware como o controlador empregados); Propulsión e Dinámica (que se ocupou do deseño, mantemento e ensamblaxe do motor, ademais do deseño e fabricación do tren de aterraxe); Aerodinámica (que abrangueu o deseño e fabricación dos elementos aerodinámicos do modelo que permiten levantar a carga de pago necesaria); Estruturas (que estudou as necesidades estruturais do modelo e encargouse da fabricación) e Organización e Márketing (que se dedicou á organización interna e xestiona as redes sociais e a representación do equipo).

Froito do traballo realizado naceu CORV-0, un aeromodelo dunha envergadura alar de 2,2 metros; unha velocidade máxima de 90 km/h; un peso máximo ao despegue (MTOW) de 5 kg; un peso baleiro operativo (OEW) de 3,8 kg e unha carga útil (payload) de 1,2 kg. Algúns dos sinais de identidade da aeronave con selo ourensá na competición, comentan desde o equipo, serán as súas prestacións, entre as que destacan o deseño aerodinámico propio optimizado para a competición, o deseño das superficies de control ou a estrutura fabricada en fibra de carbono, realizados polos membros do equipo.

Un “drone médico”

Á Air Cargo Challenge, considerada unha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa, onde ata 30 das mellores universidades do mundo compiten por crear o mellor deseño dunha aeronave destinada a facer unha tarefa concreta, asistirán nove membros de UVigo Aerotech. A competición consistirá en completar un circuíto transportando a maior carga posible, neste caso bolsas de sangue, dando á aeronave a finalidade dun "drone médico". Os equipos serán valorados polas probas de voo, a inspección técnica da aeronave e a enxeñaría detrás do deseño. A cita arrancará o 5 de xullo, onde se levará a cabo a inspección técnica, e rematará o día 8. “Cabe destacar que somos o único equipo galego que participa na competición, xunto a outros tres equipos españoles”, sinalan desde UVigo Aerotech.

No desenvolvemento desta iniciativa desde UVigo Aerotech fan fincapé no seu agradecemento a todas as entidades públicas e privadas que colaboraron e colaboran co equipo. O proxecto, comentan, non sería posible sen o apoio das empresas e entidades patrocinadoras, entre las Coasa, Utingal, Altair, Dosmasdos, Gurit, Europrecis, Mecadis, Marine Instruments, o CITI, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Axencia Galega de Innovación. “A súa colaboración e respaldo foron fundamentais para facer realidade o noso soño”, afirman.

O aeromodelo, sinalan desde UVigo Aerotech, “está xa de camiño a Alemaña, polo que agora só falta vivir o desenlace dunha historia que ten durado os dous últimos anos”. O equipo, recalcan os seus membros, acode á competición co obxectivo e a ilusión de facer o mellor papel posible pero alén do resultado que se acade en Múnic, subliñan que o maior premio deste proxecto é “todo o que aprendemos durante o proceso”. Foron, destacan, dous anos de intenso traballo en equipo nos que afrontaron o complexo reto non só de deseñar senón tamén de fabricar un aeromodelo listo para a competición real, colaborando no proceso con numerosas empresas e entidades. Satisfeitos e orgullosos do traballo feito e os resultados acadados, afirman, “confiamos en seguir realizando proxectos cada vez máis prometedores tras esta competición”.