DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora de Belas Artes protagoniza unha mostra no espazo La Doce de Boiro

Unha exposición une por primeira vez as flores e os autorretratos de Mónica Ortuzar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
DUVI Pontevedra 07/04/2021

Un provisional Flores y Autorretratos é o título da exposición que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Mónica Ortuzar protagoniza no espazo La Doce de Boiro e que reúne por primeira vez a súa serie de autorretratos Caleidoscopio xunto coas obras que integran a serie Flores e que se distancian do que é o motivo central da produción artística desta docente desde hai máis dunha década para tomar como fonte de inspiración as formas e cores observadas en diferentes flores. “Trátase de dúas series diferentes en canto a tema, tamaño e tratamento,”, salienta Ortuzar do conxunto de obras que conforman unha exposición que pode visitarse ata o 17 de abril.

Trátase, como sinala a galería, dunha exposición articulada en torno a “dúas temáticas vinculadas e simultáneas”, que reúne unha serie de traballos que son resultado dunha “experimentación continua, que vai do grande ao pequeno e do pequeno ao grande coa acuarela como protagonista do proceso creativo”.

Retratos que conectan coas flores na casa natal

Por unha banda, a exposición reúne un conxunto de autorretratos, pintados en acuarela sobre papeis de pequenas dimensións, que forman parte da serie Caleidoscopio e que aluden á casa na que naceu a artista. Neles, Ortuzar presenta o seu rostro rodeado por unha grilanda de flores que un escaiolista realizou no comedor da súa casa natal, que a artista empregou durante uns meses como estudio. “Toda a trama de flores que decora orixinariamente o centro da estancia foi reflectida coa dificultade de intentar recollela de forma fidedigna e debuxar o que se ve con ela, perdendo sempre cantidade de datos no camiño”, salienta a docente deste conxunto de obras, que por ese motivo, sinala, é preciso que sexan vista en serie co propósito de poder apreciar “a versatilidade no uso da cor ou o debuxo, pero tamén as diferencias entre todos os debuxos e pinturas”.

Os elementos vexetais presentes nesta grilanda permiten á súa vez conectar estas obras cunha segunda serie na que Ortuzar comezou a traballar de xeito paralelo a Caleidoscopio, protagonizada tamén polo uso da acuarela, neste caso sobre papeis de gran formato. Despois de once anos desenvolvendo diferentes series de autorretratos, Ortuzar inspírase desta volta nas flores como punto de partida para “unha busca cromática e estrutural na comprensión das súas formas”, como salientan desde a galería. Cada obra, engade nese senso a artista, “comeza correspondéndose cunha fotografía tomada da realidade, pero é interpretada en canto a formas e, sobre todo cores, ata quedar terminada”.