DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de Yolanda Díaz, María Jesús Lorenzana e axentes sociais

O Foro Económico de Galicia organiza unha mesa de traballo arredor do diálogo social

No marco da programación da iniciativa Diálogo sobre o Futuro do Envellecemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 25/10/2021

O Centro Obra Social Abanca de Santiago de Compostela acolle este luns e martes a celebración do foro Diálogo sobre o Futuro do Envellecemento. No marco da súa programación, o Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen (Governance and Economics Research Network), foi o encargado de organizar este luns a mesa de traballo O diálogo social do futuro. Na xuntanza participaron Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno; María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta; os membros do Foro Económico de Galicia Santiago Lago (catedrático da UVigo); Emilio Pérez Nieto e Manuel Rodríguez; Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e representantes dos sindicatos UGT (José Antonio Gómez) e CCOO (Amelia Pérez), entre outras autoridades.  

Na xuntanza, os axentes sociais presentes tiveron a oportunidade de trasladar as súas perspectivas arredor do diálogo social e dos temas protagonistas nel, tanto na actualidade como de cara ao seu futuro. A conselleira de Emprego e Igualdade puxo en valor, tal e como indican en nota de prensa desde a Xunta de Galicia, a importancia do diálogo social destacando o “papel protagonista” e o “carácter prioritario” que ten en Galicia. “Damos un carácter prioritario aos axentes sociais do territorio, contando con eles para o deseño e toma de decisións de primeira orde en asuntos vinculados ao emprego”, comentou Lorenzana.

Diálogo sobre o Futuro do Envellecemento enmárcase no proxecto Diálogos sobre o Futuro, iniciativa do Goberno de España, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e outras 70 institucións que queren impulsar debates arredor dos desafíos do mundo poscovid. A celebración deste diálogo en Santiago de Compostela, que foi inaugurado por Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, e Yolanda Díaz, conta coa participación, entre outras entidades, do Foro Económico de Galicia.