DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un artigo publicado en ‘Sensors’ fai balance dun estudo piloto que confirma a súa viabilidade

O grupo HealthyFit constata as posibilidades da realidade virtual como ferramenta terapéutica para persoas con Párkinson

Nestas semanas pon a proba os posibles beneficios dun programa de “exergaming”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/12/2021

Comprobar se sería factible, seguro e beneficioso empregar xogos de realidade virtual total ou inmersiva como unha ferramenta terapéutica con pacientes de Párkinson era o obxectivo central dun estudo piloto que o grupo de investigación HealthyFit levou a cabo coa colaboración da asociación Párkinson Vigo. As probas realizadas cun head mounted display e con xogos e experiencias xa existentes para estes dispositivos permitiron aos investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia constatar que a aplicación deste tipo de tecnoloxía é factible con este colectivo e non produce efectos adversos, á vez que supón un factor positivo en termos de motivación e adherencia á actividade. Esta primeira exploración contribuíu a que este grupo de investigación iniciase nas últimas semanas, tamén en colaboración coa asociación viguesa, un novo estudo dirixido a coñecer os posibles beneficios que nesta poboación pode ter a práctica regular dun programa de exergaming, baseado no uso de xogos para lentes de realidade virtual que requiren dunha participación fisicamente activa do usuario.

O investigador Pablo Campo, o coordinador do grupo HealthyFit e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela, e o docente da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez asinan o artigo, publicado en Sensors, "unha das revistas vinculadas ás novas tecnoloxías de maior impacto a nivel científico”, no que se dá conta dun traballo dirixido a confirmar “se os programas con realidade virtual eran aplicables a este tipo de pacientes”, como explica Cancela. “A verdade é que os resultados foron moi bos e xerouse unha adherencia cara este tipo de práctica, dadas as sensacións que percibían e a novidade que implicaba”, engade o coordinador do grupo HealthyFit deste “estudo de caso” do que se fixo eco Párkinson News, “a web de referencia a nivel mundial” no referido ao estudo desta enfermidade. “A novidade deste estudo é que, se ben as novas tecnoloxías estanse implantando na rehabilitación física e cognitiva, estas aínda non se aplicaran ao ámbito de enfermidades neurodexenerativas como pode ser o Párkinson”, engade Cancela. 

O punto de partida dunha liña a longo prazo

O estudo piloto levado a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte cun HTC Vive ProTM, un dispositivo de entretemento comercial, buscaba analizar como pacientes “de diferentes perfís reaccionaban ante un xogo físico en realidade virtual inmersiva”. Para iso, leváronse a cabo unha serie de probas con catro membros da asociación Párkinson Vigo, tres homes e unha muller de entre 53 e 71 anos, cos que se empregaron xogos comercialmente dispoñibles. En dúas sesións, os participantes realizaban con este dispositivo unha experiencia “preadestramento” de aclimatación, para logo enfrontarse a un xogo que lles requiría, como explica Campo, “movementos variados de todo o corpo cun esforzo moderado”, cunha esixencia maior na segunda das sesións. En ambos casos os participantes foron monitorizados durante toda a actividade, co fin de descartar que puidese producir, por exemplo, malestar ou mareos; á vez que se realizou unha avaliacíon da experiencia de xogo, do grao de satisfacción dos participantes e da súa percepción do esforzo realizado. Segundo recolle o artigo, os resultados amosan que foi unha experiencia positiva, con “actividades apropiadas, divertidas e motivadoras”. 

A principal “vantaxe” deste tipo de actividades, sinala Cancela, é que lles obriga “a tomar decisións rápidas. Hai unha estimulación cognitiva e o propio xogo lles motiva a superarse partida tras partida”. Mais, como recolle o artigo, se ben os videoxogos teñen demostrado ser útiles en terapias de rehabilitación física, existía tamén un “problema de accesibilidade” para determinados grupos, como poderían ser as persoas maiores ou afectadas por determinado tipo de patoloxías.  De aí un estudo dirixido a fixar o “punto de partida” dunha liña de investigación a longo prazo. De feito, actualmente os traballos que o grupo desenvolve neste eido céntranse en explorar as posibilidades destas contornas virtuais para deseñar e desenvolver programas individualizados de exercicio físico con colectivos como pacientes de Párkinson ou persoas maiores, partindo de xogos xa existentes para este tipo de dispositivos e buscando “actividades que se axustan a estas poboacións e que poderían ser positivas para a súa saúde”. Mais, a partir de aí, engade Cancela, “estamos traballando en novas liñas para poder intentar desenvolver xa actividades específicas baseadas na realidade virtual para esta poboación”.

Novo estudo en marcha

Tras confirmar a súa viabilidade, o grupo HealthyFit desenvolve nestas semanas, coa participación dunha vintena de socios e socias de Párkinson Vigo, un novo estudo dirixido a avaliar os efectos dun programa de exergaming de oito semanas, tras o que se avaliará a evolución que presenten as e os participantes en diferentes parámetros físicos e neurolóxicos cos dun grupo control. Como explica Campo, este proxecto, seleccionado na convocatoria de Axudas á investigación 2020-2021 do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, lévase a cabo cun head mounted display de Oculus, as Quest, que "son un modelo máis sinxelo e máis portátil por non precisar equipo accesorio”, previamente xa testado con preto de 40 persoas. O estudo, que a finais de outubro Campo presentaba aos e ás participantes lévase tamén a cabo con software xa existente para este tipo de dispositivos. 

O seu obxectivo é afondar nas posibilidades da realidade virtual como ferramenta para potenciar os efectos do “exercicio terapéutico”, tendo en conta, como sinalan os investigadores, que este permite xerar melloras nos “síntomas motores” asociados ao Párkinson, pero ten tamén un papel relevante “na xestión dos síntomas non motores”, como deterioro cognitivo, fatiga, dor ou trastornos do sono. De aí que, "na actualidade, os expertos nesta doenza coincidan en posicionalo como primeira opción de tratamento” en pacientes de Párkinson, ao que se suma neste caso as vantaxes que estas tecnoloxías poderían implicar á hora de xerar unha maior adherencia cara a práctica desta actividade, así como a súa adaptabilidade, que fai posible desenvolver terapias máis personalizadas.