DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é mellorar a súa resiliencia, sobre todo fronte a inundacións e incendios

O Grupo de Tecnoloxías Aplicadas avanza no deseño dun método para previr riscos nas infraestruturas de transporte

O proxecto está financiado con dous millóns de euros e nel participan dez socios europeos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 22/02/2021

O Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo está a traballar no deseño dun método para previr riscos e aumentar a resiliencia das redes de infraestruturas viarias e ferroviarias da zona atlántica, en particular fronte aos impactos relacionados co cambio climático. Fano dentro do proxecto europeo Sirma, un traballo que arrancou en abril de 2019 e que está financiado con dous millóns de euros do programa Interreg Atlantlic Area. Para conseguilo o grupo GeoTech está a deseñar unha técnica que, a través da comparación entre imaxes do satélite Sentinel-1 do programa Copernicus, permite detectar cambios na superficie terrestre ao longo do tempo, cambios que poden ser simples desprazamentos milimétricos, pero que se persisten a través dos anos indican unha perigosa tendencia de movemento na infraestrutura que se quere analizar.

“Esta metodoloxía presenta a vantaxe de poder identificar zonas vulnerables a grande escala, o que permite optimizar as campañas de inspección das infraestruturas, focalizando as visitas dos técnicos a comprobar o estado das áreas conflitivas”, explican os investigadores Belén Riveiro e Joaquín Martínez, responsables do proxecto na Universidade de Vigo. Estas novas ferramentas suporán, segundo explican, un importante aforro de tempo, esforzo e custes na monitorización de infraestruturas. “Ademais, dispoñer destas metodoloxías contribúe positivamente cara a anticipación á ocorrencia de eventos extremos por colapso de estruturas críticas, xa sexan pontes, muros de contención ou estradas. “Neste senso o maior avance é a posibilidade de facer unha predición de zonas con posibles danos potenciais e centrar os esforzos de estudo en diferentes zonas segundo criterios de risco potencial baseados nesta tendencia de deformación”, recalca Riveiro.

A proximidade ao Atlántico favorece os procesos de corrosión

As infraestruturas de transporte xogan un papel esencial para o desenvolvemento socioeconómico en Europa, xa que a maioría do transporte de persoas e mercadorías nesta área realízase por ferrocarril e por estrada. Non obstante, o rendemento destas infraestruturas vese afectado directamente por posibles eventos naturais extremos e polos fortes procesos de corrosión que provoca a proximidade ao océano Atlántico, sometendo estas infraestruturas a unha multiplicidade de riscos.

Dado que os perigos naturais non recoñecen fronteiras e dada a grande heteroxeneidade das infraestruturas en cada país, para a posta en marcha dun proxecto destas características era necesario establecer unha cooperación transnacional e a creación dunha estrutura de traballo común para a intervención e a toma de decisións. Finalmente, o consorcio posto en marcha está integrado por dez socios liderados pola Universidade do Minho e nel participan, ademais da propia Universidade de Vigo, diferentes entidades de Portugal, Reino Unido, Irlanda, Francia e España. A nivel académico participan as universidades de Minho, Birmingham, Dublín, Nantes, Surrey e Vigo; mentres que os socios implicados do sector privado son Azvi SA, Irish Rail e Infraestruturas de Portugal SA.

Estandarización de datos atendendo ás especificidades de cada país

O proxecto pretende reforzar a interoperatividade dos sistemas de información na zona atlántica, tendo en conta a estandarización dos datos e as especificidades de cada país. A este respecto, os investigadores responsables do proxecto  mencionan os ferrocarrís do sur de Europa que, á vista do aumento das temperaturas, terán máis casos de dilatación, o que suporá máis dificultades no mantemento e dispoñibilidade do servizo, aumentando os custos directos e indirectos. Poñen como exemplos o ferrocarril en Irlanda, que se ten visto sometido a numerosas inundacións, o que ameaza a súa seguridade, así como os problemas de construír vías ferroviarias ou estradas nas proximidades marítimas, debido ao aumento progresivo do nivel do mar.

Os resultados a longo prazo do proxecto buscan reducir os riscos ante eventos extremos nas infraestruturas de transporte, especialmente inundacións e incendios e, se ben proxectos anteriores xa traballaran en cuestións específicas como estradas, ferrocarrís, pontes ou túneles, os resultados eran máis limitados e non se podían aplicar a grande escala, o que si ser fará agora con Sirma.