DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu unhas xornadas centradas nos traballos fin de grao deste eido

A investigación en enfermaría colle impulso nas aulas

Contou coa presentación de 17 estudos e a asistencia de 250 persoas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/03/2019

A Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense celebrou este xoves no edificio Politécnico a II Xornada de Investigación Pregrao de Enfermaría e I Xornada de Investigación Pregrao de Enfermaría Galega. A cita, á que asistiron 250 estudantes e profesionais deste eido, permitiu a 17 egresadas, principalmente deste centro pero tamén doutras escolas universitarias de enfermaría de Galicia, presentar os seus traballos fin de grao. Os premios á mellor comunicación e mellor póster recaeron en estudos sobre o estrés postraumático en violencia de xénero e sobre os hábitos saudables nos nenos dun equipo de fútbol sala.  

Na inauguración da actividade Milagros Fernández, directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, salientou como o obxectivo desta iniciativa “é darlle visibilidade aos traballos fin de grao do alumnado que xa está egresado”. A xornada, indicou, sérvelle ás participantes para enriquecer o seu curriculum e ao alumnado asistente para perderlle medo á realización do traballo fin de grao. Milagros Fernández recalcou a implicación nesta iniciativa de alumnado egresado e profesorado do centro e o compromiso desta escola “coa promoción do labor investigador, que contribúe dunha maneira inequívoca á promoción e ao avance do coñecemento científico”. “A enfermaría enfróntanse a novos retos e retos moi importantes polo que fomentar a inquedanza e o espírito crítico nos futuros profesionais hoxe faise imprescindible”, dixo. “É o noso desexo que este encontro e as futuras edicións do mesmo se convertan nun foro de intercambio de ideas e de experiencias de escolas e facultades de Galicia”, comentou a responsable académica.

Pola súa banda, Concepción Pérez, delegada da Universidade de Vigo na Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, destacou a importancia tanto da enfermaría como da investigación, elementos que conflúen nesta actividade. “Estas xornadas permiten visibilizar a importancia da enfermaría e da investigación na sociedade”, afirmou. Do mesmo xeito, Julio García, xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, recalcou o feito de que con esta iniciativa en Ourense “temos tres xornadas no ámbito da investigación en enfermaría” cada ano “cousa que non ocorre noutras áreas sanitarias”, dixo ao público asistente. A conferencia inaugural correu a cargo de Isidoro Rodríguez, presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, que falou durante a súa intervención das sociedades científicas e a enfermaría recalcando como hai cada vez unha maior conciencia de que en enfermaría se realiza un labor científico e de que constitúe un campo propio dentro das ciencias da saúde.

Do estrés postraumático aos hábitos saudables

A sesión contou cun amplo panel de comunicacións na que se presentaron traballos sobre vivencias e sentimentos do coidador principal do paciente con Alzhéimer, a flebite no posoperatorio en pacientes de cirurxía xeral e a incidencia e impacto da mucosite oral en pacientes sometidos a tratamentos quimioterápicos e/ou radioterápicos. A prevalencia de hábitos tóxicos en alumnado da ESO e Bacharelato do IES Lagoa de Antela, a opinión dos pacientes sobre o persoal sanitario con tatuaxes ou os hábitos de vida saudables e uso de móbil e Internet en estudantes universitarios foron outros dos temas abordados nas comunicacións orais.

Dous foron os traballos fin de grao distinguidos nestas xornadas. O premio á mellor comunicación oral foi para Irea González, polo seu estudo sobre estrés postraumático en violencia de xénero. Segundo explicou esta egresada da Escola Universitaria de Enfermaría de Vigo no seu traballo abordou a evolución da violencia de xénero e os diferentes conceptos e despois de analizar e comparar 25 artigos sobre a temática do estudo “concluímos que o estrés postraumático se relaciona coa violencia de xénero, está presente aínda anos despois do maltrato e ten consecuencias moi graves na saúde tanto mental como física como social das mulleres”. Sobre a elección desta temática para o seu traballo fin de grao apuntou como “sobran os motivos para entrar neste tema que en realidade non está para nada investigado e se necesita seguir gañando terreo neste ámbito”. Así, indicou, “atopámonos con moitas barreiras á hora de investigalo, sexa por terminoloxía, polas carencias de bibliografía ou porque o tipo de estudos que se realizan non son o máis apropiados para este tipo de casos”.

O premio á mellor comunicación de póster foi para Sandra Suárez polo seu traballo sobre estilo de vida de nenos sans na escola de deportiva de fútbol sala do Concello de Coles. Nel, apuntou, estudou o nivel de exercicio físico e a adherencia á dieta mediterránea de 30 nenos dunha media de 9 anos concluíndo que “a adherencia á dieta mediterránea foi boa maioritariamente e o nivel de actividade física foi moderado tamén maioritariamente”. Tendo en conta que “agardabamos obter uns resultados mellores aos obtidos”, apuntou a importancia de “instruír aos nenos para mellorar os dous parámetros” e a necesidade de que os bos hábitos en relación co deporte e a alimentación “se teñan en conta no día a día”.

Outros dos traballos presentados oralmente nas xornadas foron o de Miriam Lamas, sobre a valoración da frecuencia dos coidados da ferida cirúrxica, analizando se os coidados deben facerse antes ou despois das 72 horas estipuladas. Froito do estudo realizado afirmou como “é mellor deixar a ferida se non hai ningunha causa xustificada, como que o paciente teña dor ou o apósito manchado”. Tamén presentou oralmente o seu traballo Sofía Cid, sobre a percepción do alumnado de Enfermaría da prescrición enfermeira. Trátase, afirmou, “dun tema de actualidade, controvertido, un tema no que a lexislación non nos ampara e queriamos coñecer se o alumnado sabía realmente a situación na que nos atopamos en España sobre este tema”. Os resultados, indicou, apuntan a que “cremos que debido xustamente a ese baleiro legal non existe un temario como tal na nosa titulación e por iso hai un gran descoñecemento sobre a prescrición enfermeira e todo o que ten que ver con ela”.