DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun estudo realizado con preto de 50 pacientes operados de cancro

Investigadoras de Fisioterapia demostran a eficacia dun tratamento precoz fronte á incontinencia urinaria trala extirpación da próstata

O 64% dos que desenvolveron o programa acadaban a continencia aos tres meses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/01/2021

Un programa de fisioterapia precoz permite recuperar, aos tres meses, a continencia urinaria ás persoas que, por mor do cancro, tiveron que ser sometidas á extirpación da próstata. Esta é a principal conclusión dun estudo levado a cabo polo grupo de investigación en Fisioterapia (FS1), cuxos resultados foron publicados na revista Neurology and Urodynamics. As investigadoras da Facultade de Fisioterapia Mercedes Soto, Eva Lantarón e Iria Da Cuña e o que fora, ata a xubilación, coordinador deste grupo, Manuel Gutiérrez, son as responsables deste estudo, levado a cabo con preto de 50 pacientes de cancro de próstata e no que contaron coa colaboración do xefe de Uroloxía da Área Sanitaria de Vigo, Antonio Ojea, e da uróloga Sabela López. Os pacientes participantes nesta investigación sometéronse, durante tres meses, a un programa de electroterapia e biofeedback, tralo que o 64% acadaron esa continencia urinaria, que só lograran o 9,1% dos integrantes do grupo de control do estudo, que non se someteu a ningún tratamento específico.

“Existían estudos previos que xa apuntaban neste sentido e que presentaban resultados parecidos, pero que non tiñan unha mostra suficiente ou nos que non estaba moi claro o tratamento que utilizaban, polo que non podías reproducilo”, salienta Soto. Nese senso, a súa investigación buscaba demostrar a eficacia deste tratamento fronte ao que é un dos principais problemas derivados da prostactomía radical, intervención cirúrxica consistente na extirpación da próstata e das súas vesículas seminais, que permite reducir en gran medida os índices de mortalidade deste tipo de cancro. “Hai homes que poden chegar a perder ao día litro e medio de urina, é dicir, todo o que beben”, salienta Soto para pór de relevo a “perda da calidade de vida” que supón a incontinencia que padecen este tipo de pacientes trala operación. De aí que a investigación puxese o foco na importancia dunha intervención precoz para acelerar o proceso de recuperación. De feito, os participantes no estudo realizaron tamén un cuestionario dirixido a coñecer a súa percepción respecto da súa calidade vida trala operación, “que se amosaba bastante diminuída, porque estamos falando de perdas moi importantes”, salienta Da Cuña. 

Electroterapia e biofeedback

Dos 47 pacientes que, grazas á colaboración do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, participaron neste estudo, 25 formaron parte do grupo de intervención e 22 do grupo de control. Os primeiros sometéronse durante tres meses un tratamento con tres sesións semanais, no que se combinaba a electroterapia e a realización dun programa de exercicios de fortalecemento do solo pelviano con biofeedback, un sistema que permite a medición das contraccións realizadas e que as visualiza nunha gráfica. “É a forma de que os pacientes perciban o esforzo que están a realizar, fai que aprendan como deben realizar as contraccións”, explica Lantarón.

Para coñecer os efectos deste programa, os integrantes dos dous grupos foron sometidos cada mes a dúas avaliacións diferentes, un pad-test dunha hora e outro de 24 horas. O primeiro implicaba a realización “dunha serie de exercicios, como agacharse, levantarse ou tusir”, que exercen presión sobre a zona e dificultan a continencia, explica Soto, para logo comprobar a cantidade de urina que perderon. O segundo estaba dirixido a cuantificar, a través do pesado dos cueiros, as perdas que sufriran ao longo de 24 horas, “nas que pediámoslles que fixeran vida normal”. Posteriormente, realizábaselles unha nova avaliación aos seis meses, “xa que podería ser que melloraran moito durante o tratamento e despois empeorasen”, explica Soto. Mais, neste caso “a continencia mantíñase ou mesmo melloraba nos casos que aínda tiñan algunhas perdas”, sinala. 

Incorporar a fisioterapia ao tratamento

Os resultados deste estudo recóllense no artigo Early 3‐month treatment with comprehensive physical therapy programrestores continence in urinary incontinence patients after radicalprostatectomy: A randomized controlled trial, publicado nunha revista pertencente ao primeiro cuartil (Q1) do índice de impacto JRC. “É un orgullo conseguir publicar en Q1”, salienta Soto, ao que Lantarón engade que se ben “é algo difícil en todas as áreas, para nós éo moito máis, porque estamos no mesmo ámbito que a medicina ou a bioloxía”.

Ao mesmo tempo, as investigadoras poñen tamén o acento, dados os resultados do estudo, na importancia de “incluír a fisioterapia dentro do equipo multidisciplinar de tratamento destes pacientes”. Non en van, como sinala Soto, “os exercicios de solo pelviano non son fáciles de facer correctamente” sen indicacións. “Tanto na incontinencia masculina como na feminina, o que existe ás veces é desinformación, porque si que existe unha solución eficaz, como se está vendo, tratamentos que poden resolver o problema”, conclúe Lantarón.