DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura acadou 17 votos a favor na votación celebrada este venres

Julio Prada é elixido decano da Facultade de Historia

O profesor ocupaba este cargo en funcións desde o pasado 4 de febreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 13/05/2022

Desde o pasado 4 de febreiro Julio Prada ocupaba en funcións o cargo de decano da Facultade de Historia do campus de Ourense por encargo de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, debido a que non se presentaran candidatos ás eleccións a decanato do centro. Despois de tres meses á fronte da facultade, o profesor decidiu dar un paso adiante e presentar a súa candidatura para ocupar o cargo os tres vindeiros anos, acadando na votación da Xunta de Facultade extraordinaria celebrada este venres 17 votos a favor, todos os emitidos.

O equipo que conformará o decanato da Facultade de Historia é o mesmo que estivo en funcións desde febreiro e está composto por Antonio Presedo e María del Carmen Arribas, nos vicedecanatos, e Domingo Rodríguez, na secretaría. Segundo explica Julio Prada, decidiu finalmente presentarse “fundamentalmente por un exercicio de responsabilidade e compromiso coa institución que representamos, entendíamos que ao non haber outras candidaturas non tiña sentido prolongar a situación de interinidade na que estabamos”. Ademais, engade, “entre o persoal docente e investigador con vinculación permanente, a tempo completo e que xa levamos uns anos na Universidade, Antonio e máis eu nunca asumiramos unhas responsabilidades deste tipo e o certo é que aínda que ninguén nos prepara para estas tarefas de xestión, máis cedo ou máis tarde acaban sendo parte das nosas obrigas coa facultade”.

Do período en funcións que agora pecha, Julio Prada apunta que “penso que foi moi positivo, sobre todo polo apoio manifestado por todos os compañeiros e compañeiras e polos representantes do alumnado”, agradecendo igualmente a confianza depositada este venres nas votacións da Xunta de Facultade. Nestes tres meses, á marxe de todo o que é a xestión diaria do centro, sinala, puxeron en marchas as Xornadas de Innovación Educativa para dar a coñecer o que desde a facultade e dende outros centros, tanto de ensino superior como medio, se está a facer neste eido; tamén se recuperou a xornada Tendendo Pontes, interrompida pola pandemia, que permite a alumnado de ESO expor no campus os seus propios traballos de investigación relacionados coa historia, a xeografía e a historia da arte e. Ademais, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, a facultade vai a desenvolver diversas actividades relacionadas coa promoción do patrimonio cultural e natural da provincia.

Captación de alumnado e visibilidade

Sobre os retos que se marca o novo equipo decanal para os vindeiros tres anos, Julio Prada comenta que queren “consolidar e seguir avanzando nas liñas nas que xa viñan traballando os equipos anteriores en cuestións como transparencia, participación, eficacia, e tamén, porque non dicilo, de humanización na xestión”. Porén, engade, “eu sempre digo que teño moito máis que pedir que ofrecer a todos os sectores implicados no funcionamento diario da facultade, non concibo a xestión da mesma sen a corresponsabilidade de todos eles”. Sen “a implicación activa de todos nós na análise e na discusión dos problemas e no proceso de toma de decisións non seremos quen de coñecer cal é realmente o sentir da nosa facultade”, afirma o profesor.

“O noso principal reto seguirá sendo a captación do alumnado. Non podemos ignorar cal é o panorama xeral das humanidades na actualidade e como a multiplicación de ofertas neste eido dentro de todo o Sistema Universitario de Galicia vai a repercutir sobre a nosa oferta formativa”, afirma o decano sinalando que “neste punto teremos que ser quen de facernos aínda máis visible na sociedade para que perciban mellor o grande atractivo do noso grao e dos mestrados que ofertamos”.

A Facultade de Historia do campus de Ourense, subliña Julio Prada, “é un centro pequeno e por iso mesmo moi próximo ao seu alumnado e que ofrece unha formación integral máis aló das diferentes titulacións que temos”. Así, subliña, “os nosos signos de identidade foron desde sempre a aposta pola máxima calidade da docencia, o rigor científico da formación e a especial relación coa nosa contorna, compatible coa aposta polos programas de mobilidade do estudantado, como corresponde a unha facultade moderna e dinámica”. Ao longo dos últimos anos, engade, o centro dotouse dos instrumentos precisos para a mellora da súa xestión e trazou un plan estratéxico “que funciona”.

De cara a este novo período que se abre, Julio Prada apunta que “debemos, sen dúbida, darnos máis a coñecer, ser cada vez máis visibles e incrementar o noso prestixio nos ámbitos científico, universitarios e sociais”. Porén, matiza, “pensar que isto pode facerse como se a facultade fose un ente dotado de vida autónoma é ilusorio, mesmo se queremos personalizala nun equipo decanal. A visibilidade e o prestixio da facultade son inseparables da visibilidade e prestixio do seu persoal docente e investigador, do seu persoal de administración e servizos e do seu alumnado”.