DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrado na sede da Vicerreitoría do campus, puido seguirse a través de Campus Remoto 

Máis dun cento de investigadores participan nun seminario sobre proxectos do Plan Nacional 

Buscaba achegar unha serie de claves para a súa presentación 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI Pontevedra 15/09/2020

Unha decena de investigadores e investigadoras na sede da Vicerreitoría, dadas as restricións de aforo impostas pola covid-19, e preto dun centenar a través de Campus Remoto participaron este martes no seminario sobre proxectos de investigación do Plan Nacional promovido pola Vicerreitoría do campus e a Vicerreitoría de Investigación. Impartido pola investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo Nuria Pedrol, este seminario tiña como obxectivo achegar unha serie de claves e recomendacións de cara a presentación de proxectos á próxima convocatoria do Plan Nacional. “O obxectivo desta sesión é sobre todo animarvos a que pidades proxectos”, salientou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, na apertura deste coloquio, na que incidiu en que “moitas das liñas” de traballo dos investigadores e investigadoras do campus “poden ser estratéxicas” nas próximas convocatorias de Retos e Xeración do Coñecemento.

Rubio, que interveu a través de Campus Remoto, lembrou así mesmo o “éxito” acadado polos grupos de investigación da Universidade de Vigo na anterior convocatoria da Axencia Estatal de Investigación, na que acadaron 3,7 millóns de euros para pór en marcha 33 novos proxectos. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, foi o encargado de presentar á responsable de impartir este obradoiro, unha investigadora cunha “importante produción científica”, que “tivo moito éxito” nas últimas convocatorias de proxectos estatais e que, sinalou, podería abordar tamén coas e cos participantes “os erros e atrancos polos que moitos de nós pasamos”, antes de ter "encadeado de xeito consecutivo" varias solicitudes con éxito nas convocatorias estatais. Nese senso, Pedrol, membro do grupo de investigación en Agroloxía Ambiental Calidade, Solo e Plantas, da agrupación estratéxica Citaca, detívose na súa intervención tanto na importancia de analizar con detemento a convocatoria, como nas alianzas que se poden tecer á hora de solicitar un proxecto, á vez que afondou no proceso de elaboración da solicitude e da memoria. A partires de aí, un seminario que, como engadiu Soto, tiña como obxectivo contribuír “a que o campus teña cada día máis músculo investigador”, pechouse coas preguntas que as e os asistentes realizaron tanto de xeito presencial como virtual.