DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira edición deste obradoiro de Extensión Universitaria ten case todas as prazas cubertas

Unha oportunidade para achegarse á cultura e ao idioma de Xapón

Un dos bloques temáticos céntrase nas oportunidades de traballo que ofrece o país

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Internacional
  • Cultura
DUVI 25/03/2020

A lingua, a caligrafía, a comida, as artes marciais, o manga... son moitos os aspectos da cultura xaponesa que espertan o interese da cidadanía occidental. Boa mostra disto é que o obradoiro de Extensión Universitaria sobre o país nipón que se estreou este cuadrimestre cubriu case todas as prazas. As clases comezaron a comezos deste mes, pero debido á crise do coronavirus a súa programación viuse alterada facendo que as cinco clases restantes se pospoñan ata novo aviso. Nas sesións que tiveron lugar ata agora e nas que están por vir as e os participantes coñecerán diversas tradicións xaponesas, como a danza, o teatro ou a caligrafía, así como as oportunidades de traballo que ofrece este país asiático. 

A idea de poñer en marca este obradoiro naceu dun ciclo de conferencias sobre o Xapón que tivo lugar en institutos da contorna da man dos dous docentes do curso, Eliezer Rajoy, profesor de idiomas e tradutor e Marcos Loureiro investigador en matemáticas aplicadas á cardioloxía e docente do departamento de Matemática Aplicada da UVigo. Rajoy explica que, nestes relatorios “vimos que había un público con vontade e ganas de aprender sobre a cultura xaponesa e propuxémoslle un obradoiro á Universidade de Vigo”. Segundo sinala o profesor e tradutor, esta plataforma non pretende ser usada para ensinar o idioma, dado que “xa existe un curso de xaponés na Universidade co que non nos podemos nin queremos solapar”, senón que se trata dunha actividade que ten como obxectivo “achegar nocións de cultura e lingua pero sen un enfoque estritamente didáctico-lingüístico”. 

Aprender sobre xeografía, historia, cultura, sociedade, idioma e curiosidades de Xapón e dos xaponeses 

No obradoiro participan 13 persoas, con perfís moi variados “tanto polas razóns para asistir, como no rango de idades”, remarca o docente. Ao longo das sesións abórdanse temas como a historia da linguaxe xaponesa, a xeografía, a historia, a cultura e as expresións culturais, a sociedade, o idioma e as curiosidades de Xapón e dos xaponeses. Eliezer Rajoy define a configuración destes contidos como “bastante particular”, xa que “ten tanto unha aproximación puramente teórica, no caso da historia, como tamén práctica onde veremos, por exemplo, problemas de tradución”. 

No que se refire ao idioma, explica Rajoy que o estudantado non precisa ter nocións da lingua xaponesa, e comezarase dende cero, dende silabarios a formas de escritura, ideogramas e caligrafía (hiragana, katakana, kanji). “Consideramos que sendo un obradoiro de nova creación cumpría antes ver que tipo de alumnado se matriculaba”, aínda que non descartan a idea de, en próximas edicións, “diversificar un pouco o currículo para así poder profundar nalgúns contidos”. Outros dos aspectos que se abordan neste curso son os fallos máis habituais nos intercambios sociais cos xaponeses e os problemas de adaptación. Así, entre outras cousas, coñecerán a linguaxe honorífica e respectuosa no país nipón. A maiores, as e os participantes tamén farán unha aproximación ao mundo audiovisual a través do cine, o manga ou o anime xa que “moitas persoas teñen curiosidade por estas tendencias do Xapón actual”.

Como atopar traballo en Xapón 

No tramo final do curso haberá tempo tamén para coñecer o mercado laboral xaponés, algo de especial interese para aquelas persoas que estean valorando traballar no país asiático. Eliezer Rajoy explica que “é un país cunha baixa taxa de desemprego que se ten que enfrontar a  un avellentamento moi forte da poboación”, polo que un dos sectores máis demandados é a atención á terceira idade, e “seguro que han precisar man de obra cualificada para atender os posibles baleiros que aparezan nun futuro”. Aínda así, “concretar postos laborais accesibles a estranxeiros faise moi complicado. Achegaremos casos e estratexias xerais que adoitan funcionar, pero non hai un remedio infalible para atopar traballo en Xapón, nin en ningures”, conclúe o docente.