DUVI

Diario da Universidade de Vigo

premio andrés carrera

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/11/2021

Cun traballo relacionado coa responsabilidade penal das persoas xurídicas, o investigador de predoutoramento da UVigo Andrés Carrera acaba de facerse co accésit na terceira edición dos Premios Susana Huerta. Estes galardóns, que entrega a Universidade Complutense na memoria da penalista e docente que lles da nome, buscan os mellores proxectos do eido do dereito procesual e penal ao tempo que fomentan a investigación no ámbito xurídico. 

De todos os proxectos presentados a esta edición, o xurado seleccionou cinco finalistas, que a pasada semana participaron nun acto presencial de defensa dos seus traballos. Finalmente, o tribunal, composto por Patricia Laurenzo, catedrática de Dereito Penal de la Universidad de Málaga; Miguel Ángel Iglesias, catedrático de Dereito Penal da Universidad de Burgos e Rafael Alcácer, profesor titular da Universidad Rey Juan Carlos, decidiron outorgar ao estudante da UVigo o accésit, mentres que o primeiro premio foi para Francisco Fernández Perales, da Universidad Pompeu Fabra, por un traballo sobre a colisión de dereitos na dogmática xurídico-penal. 

Carrera explica que a idea de presentarse xurdiu durante unha estadía de investigación en Coimbra, cando coñeceu o lanzamento desta terceira convocatoria. “Eu andaba a estudar varias cuestións relacionadas coa miña tese e pensei que sería unha boa idea presentar un traballo a este premio”. Era, de feito, a primeira vez que participaba nun certame deste tipo e fíxoo presentando o traballo titulado La actuación «en nombre» o «por cuenta» de la persona jurídica: análisis de los conceptos utilizados en el primer hecho de conexión del art. 31 bis a) del Código Penal, titorizado pola profesora Inmaculada Valeije. O investigador destaca que o mero feito de ter podido participar neste certame e chegar a presentar o traballo na final “ante un xurado con membros de tanto renome na materia do Dereito Penal foi unha honra”. Considera que “o máis importante foi ser partícipe dunha iniciativa tan positiva para toda a comunidade universitaria e, especialmente, para os novos investigadores, como é a celebración deste evento”. Valora tamén moi positivamente outro dos obxectivos pretendidos pola organización, “que é o de xerar canles de unión entre as persoas investigadoras. Deste xeito, foi posible coñecer tanto aos restantes participantes coma ao profesorado e outros investigadores da UCM”.

Análise dos termos ‘en nome’ e ‘por conta’

O traballo co que Carrera obtivo este segundo premio explora unha temática relacionada coa responsabilidade penal das persoas xurídicas. Como explica o investigador, “as persoas xurídicas, dito de modo non técnico, son as empresas, asociacións, fundacións, entidades públicas... Patrimonios xeralmente de máis dunha persoa que son utilizados para acadar un determinado fin,  xa sexa económico, social, político, etc. Tendo isto presente, en España é posible sancionar as persoas xurídicas por delitos que cometan certas persoas físicas que desenvolvan as súas funcións na persoa xurídica”. Así, o seu estudo analiza dous termos utilizados no Código Penal “para referirse a como teñen que cometer o delito as persoas físicas para que se poida sancionar ás persoas xurídicas”:  os termos ‘en nome’ e ‘por conta’ da persoa xurídica.

Este traballo está estreitamente ligado coa tese de doutoramento que está a realizar e que se centra, como o propio investigador explica, en analizar a aplicación da responsabilidade penal das persoas xurídicas ás pequenas empresas. É dicir, busca determinar “que requisitos deben cumprirse para poder sancionar a unha pequena empresa”.

O relevo xeracional na investigación en Dereito Penal, asegurado

No acto de defensa dos traballos, celebrado en Madrid a finais da pasada semana, o xurado puxo en valor a alta calidade dos proxectos que, segundo indicaron, abordaban temáticas e enfoques “moi variados e de moito interese”. Destacaron a capacidade dos cinco finalistas para “condensar en 20 páxinas contidos complexos”, o que segundo os docentes, asegura o “relevo xeracional” neste eido de investigación.

A avaliación dos traballos baseouse no interese do tema, o punto de vista adoptado para o seu desenvolvemento e o contido, así como na correcta estruturación, redacción e exposición. Os criterios tamén inclúen o rigor no uso das fontes bibliográficas, xurisprudenciais, estatísticas, etc.; a calidade científica dos resultados e a achega á disciplina e posible impacto na sociedade.