DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está realizada pola Red GEM España-Observatorio del Emprendimiento

Unha publicación analiza a actividade emprendedora no medio rural

Entre os seus autores está o profesor da UVigo Alberto Vaquero

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 27/06/2022

A publicación Actividad emprendedora en el medio rural, encargado á Red GEM España-Observatorio del Emprendimiento por parte do Observatorio Maphre de Finanzas Sostenibles, recolle unha análise das características do emprendemento en municipios do ámbito rural español (menos de 5000 habitantes). Nel, apúntanse datos como que a idade promedio das persoas que teñen intención de emprender nos próximos meses é de 38 anos; que tres de cada catro persoas que viven no rural cren que non hai oportunidades para emprender e que aproximadamente a metade da poboación rural pensa que está capacitada para emprender.

O traballo está asinado por un equipo de investigación que está formado por especialistas das universidades de Cantabria, Jaén, León, Miguel Hernández e Estremadura e no que participa por parte da Universidade de Vigo Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, co-director da Red Localis e investigador do grupo Gen (Governance and Economics Research Network). A publicación realiza unha análise da situación con datos da Red GEM de 2019-2021 na que pon de manifesto a súa situación desde diferentes planos, recollendo a perspectiva da poboación, a súa implicación en proxectos empresariais, o perfil das persoas que emprenden, os motivos polo que o fan, as características das actividades que desenvolven e a súa percepción de dificultades e expectativas xerais. O emprendemento rural, recolle o informe, “é unha das claves do desenvolvemento do territorio. Facilita un medio de vida, achega riqueza e emprego e dá resposta ás necesidades locais de bens e servizos. Coñecer e analizar as súas características é clave para que institucións e axentes de apoio ao empredemento rural desenvolvan estratexias de traballo adaptadas ás singularidades e necesidades do territorio”. Así, as e os autores do traballo agardan que o informe publicado contribúa “a coñecer mellor a situación do emprendemento rural e facilite o establecemento dunha estratexia de desenvolvemento acorde ás súas necesidades”.

Perfil das persoas emprendedoras  e características da actividade

Tal e como recolle o informe, a idade media das persoas que teñen intención de emprender nos próximos meses (38 anos) e das que están a xestionar a súa propia actividade (43 anos en nova actividade e 50 anos en consolidada), denota “unha dificultade engadida en idades máis novas, precisamente aqueles que máis dificultades teñen para abrirse un oco no mercado laboral”. Porén, detállase na análise, no último ano, “no que a situación laboral segue sufrindo as consecuencias da pandemia e quizais por iso, detéctase unha maior actividade deste colectivo” e algo máis do 30% das actividades emprendedoras novas son promovidas por persoas menores de 35 anos. “Reconectar aos mozos co territorio é básico para fixar poboación”, advírtese no documento. Desde unha perspectiva de xénero, o informe apunta que “ao redor do 11% das mulleres do ámbito rural ou ben teñen a intención de emprender nos próximos meses ou ben están a promover emprendementos novos, e esta porcentaxe mantense razoablemente estable no tempo”. Con todo, sinalan as e os autores do traballo, as diferenzas por sexo veñen mostrando unha fenda de xénero en emprendemento rural caracterizada por que os homes, de partida, involúcranse máis (entre 3-4 puntos), aínda que o dato do último ano analizado, 2021, amosa unha maior equiparación na saída da pandemia, mesmo con maior protagonismo de mulleres no emprendemento novo.

Segundo indican as e os expertos que realizaron a análise, o motivo fundamental que leva á posta en marcha dun negocio propio no ámbito rural é claramente xerarse a súa propia alternativa laboral para non ter que abandonar a súa contorna vital. O perfil educativo das persoas emprendedoras repártese segundo o informe entre formación secundaria e superior (universitaria e FP de grao superior), aínda que se detecta unha cada vez maior presenza de emprendementos que se levan a cabo con estudos universitarios o que, de continuar a tendencia, implicará “unha mellor preparación a futuro do colectivo emprendedor rural”. Con todo, recóllese no traballo, estes datos contrastan co feito de que “só una de cada tres das persoas que teñen intención de arrincar un novo negocio recibiron formación específica relacionada coa creación e xestión do mesmo”.

O documento tamén sinala que os negocios orientados ao consumo son maioritarios no ámbito rural, aínda que tamén teñen unha forte presencia as actividades do sector primario. “Con todo, a situación delicada pola que atravesan as explotacións agrarias, con envellecemento dos seus titulares, sen substitución xeracional e con rendibilidades á baixa, e que se agravou pola pandemia, levou a que no último ano o emprendemento no sector primario reduciuse alarmantemente, o que fai urxente prestar especial atención a este sector”, subliñan as e os autores do traballo. En canto ao número de socios, en España, detállase no informe, “empréndese tradicionalmente en solitario e o ámbito rural non é unha excepción”. Ademais, trátase de negocios de moi pequeno tamaño, sendo maioritarias aquelas iniciativas que non contan con persoas asalariadas (53%), seguidas daquelas que dan emprego a entre unha e cinco (39%), e nas que o grao de innovación é reducido e operan basicamente en mercados locais ou nacionais (menos dun de cada dez ten orientación internacional con máis do 25% de vendas).

Perspectiva e implicación da poboación

Os datos recollidos neste informe amosan igualmente que “aproximadamente a metade da poboación rural, máis aló da súa formación ou da súa experiencia persoal, cre que está capacitada para emprender, mentres que practicamente para tres de cada cinco persoas o medo a fracasar suporíalles un freo importante para tentalo”. Os datos poñen de manifesto que tres de cada catro persoas que viven no rural cren que non hai oportunidades para emprender e ao redor do 65% non ve factible emprender un negocio. Estes datos, sinalan as e os expertos, aínda supondo una certa melloría respecto ao peor momento de pandemia, reflicten unha situación de clara desvantaxe fronte a contornas urbanas, “onde as oportunidades e a factibilidade de emprender son vistas máis positivamente”. A intención de emprender e as iniciativas novas, con menos de 3,5 anos no mercado, son menores no ámbito rural que no urbano. Con todo, detállase no documento presentado, dáse o caso contrario nos emprendemento consideramos máis consolidados ou con máis percorrido no mercado, que superan os 3,5 anos de funcionamento, e que ofrecen porcentaxes superiores de implicación rural.

A excepcional situación provocada pola pandemia, sinálase no documento, “provocou o obvio recoñecemento da inmensa maioría das persoas emprendedoras do ámbito rural (77%), de que desenvolver un negocio era máis difícil que previamente á pandemia, pero o significativo é que un ano máis tarde, en 2021, hai un 54% que consideran que emprender este ano é máis difícil que en 2020, e outro 30% que considera que se mantén a situación igual de complicada, pondo en evidencia a pegada que deixou o impacto da covid-19”. Aínda así, unha de cada catro actividades prevé un crecemento máis positivo en 2021 que no ano anterior.