DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra está comisariada por Sara Donoso

A Sala Alterarte acolle a exposición de Natividad Bermejo 'The Ground where I step on'

Pode visitarse no pavillón I do campus ata o 26 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 16/03/2023

A Sala Alterarte do campus de Ourense acolle desde este xoves unha nova exposición: The Ground where I step on (O solo que piso), da artista Natividad Bermejo e comisariada por Sara Donoso. A mostra dá continuidade ao ciclo expositivo deste espazo Activar a mirada, des-ordenar o pensamento, posto en marcha o pasado curso académico para visibilizar artistas mulleres con diferentes formas de ver a realidade.

A exposición, que estará aberta ao público ata o 26 de maio, contou na súa inauguración coa participación de Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, que agradeceu e puxo en valor o traballo feito por artista e comisaria nesta nova proposta para a Sala Alterarte. Natividad Bermejo é licenciada na Facultade de Belas Artes da Universidad Complutense de Madrid e doutora en Belas Artes pola Universidad de Salamanca. Na actualidade combina o seu traballo de creación artística (cunha dilatada traxectoria de exposicións individuais e colectivas) coa docencia na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, na Universidade de Vigo.

The Ground where I step on está composta por unha instalación en solo de 104 baldosas grises e brancas nas que hai pousados diferentes materiais de construción, pedras, ósos e outros elementos, e cinco debuxos expostos en parede feitos con grafito e gouache sobre papel e que forman parte da serie de Natividad Bermejo Piedras, huesos y meteoritos. “O que pretendía era crear unha especie de antropoloxía ou xeoloxía do contemporáneo”, afirmou Natividad Bermejo sobre a mostra inaugurada. Para acadalo, engadiu, na exposición “aparece unha especie de display que está feito con baldosas que substitúen ao que normalmente son as peanas ou vitrinas no lugar de exposición”. Esta “especie de solo expositivo”, sinalou a súa creadora, “está feito para que un ande por riba para observar de preto as cousas expostas nel”. Segundo comentou, eses elementos colocados no solo proveñen de paseos seu pola natureza ou por outros espazos como unha praza ou un viveiro, incluíndo desde un fósil e unha pedra volcánica ata unha pedra que ten a pegada da ferramenta que a destruíu e un anaco de asfalto. “Nós relacionámonos con este tipo de obxectos pétreos desde algo que ten que ver non só co próximo senón tamén co pasado”, indicou. Respecto á serie de debuxos, engadiu que “comparten o mesmo tema pero parten dunha fascinación polas pedras, como cando un era pequeno e tiña a súa colección de minerais, que te pode atraer máis pola súa beleza que polo seu interese científico”.   

“Transformar o anódino nun dispositivo de relacións cruzadas”

Na folla de sala da mostra Sara Donoso destaca que con esta exposición “Natividad Bermejo apela ao emocional esvarando na sutileza para introducir a súa  sensibilidade a partir de percepcións que teñen que ver coa fascinación do que a rodea. Capaz de transformar o anódino nun dispositivo de relacións cruzadas, o seu facer artístico manifesta unha enorme inclinación cara a principios como o cósmico, a procura das orixes, os fenómenos da natureza ou a fisicidade dos elementos, cuestións que revisita desde a contemporaneidade”.

Na súa proposta para a sala Alterarte, indícase que a artista establece “unha comuñón entre dous proxectos autónomos pero emparentados: unha serie de debuxos sobre parede e unha instalación de solo que ocupa a totalidade do espazo”. Mentres nos primeiros “a artista é a produtora última da imaxe, configurándoa desde cero a partir dunha concepción lenta de delicada factura, o conxunto instalativo ofrece un xogo de interpretacións cruzadas”, afirma Sara Donoso. “Baldosas, bloques de asfalto, pedras de afiar ou outros materiais extraídos do actual sistema produtivista conviven con vestixios xeolóxicos nunha continua pugna por diluír os límites entre o natural e o construído”, sinala. Os debuxos, engade a comisaria na súa análise, “teñen a facultade de trasladarnos cara ao lugar do simbólico. Desde a serenidade do branco e negro e un aspecto barroquizante, embriagado no detalle, preséntanse unha colección de ósos, obxectos xeolóxicos ou astronómicos capaces de impactar na nosa retina non só pola súa potencia sensorial, senón tamén polo medido exercicio plástico e compositivo en que se basea a súa representación”.