DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase os días 1 e 2 de outubro a través de Campus Remoto

Un seminario afondará no potencial do vídeo para perpetuar ou combater estereotipos de xénero

Participarán os artistas e docentes Basilisa Fiestras e Cristian Gradín

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/09/2020

“A televisión e, de forma máis recente, as plataformas dixitais téñense convertido en poderosas canles de perpetuación dos estereotipos de xénero, que relegaron á muller aos ámbitos da beleza e o doméstico mentres afirmaban o papel masculino nos deportes, a ciencia ou a política”. Deste xeito presenta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e investigadora do grupo Remoss Cristina Varela a problemática que constitúe o punto de partida do seminario O vídeo como recurso didáctico en cuestións de xénero. Unha aproximación dende as artes visuais, dirixido a achegar o alumnado a unha análise crítica das creacións audiovisuais, así como á súa capacidade para converterse tamén en “importantes recursos didácticos”.

O seminario, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo no marco das axudas para a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero, desenvolverase de xeito virtual os días 1 e 2 de outubro a través de Campus Remoto. “No ámbito da didáctica da expresión plástica, traballamos sempre con linguaxes artísticas contemporáneas e interésanos analizar co alumnado aquelas que lle son coetáneas, para que entenda a arte non como algo que queda no museo, senón como algo activo”, sinala Varela das motivacións dun seminario dirixido fundamentalmente ás e aos estudantes da facultade, pero aberto a todo o alumnado. Co obxectivo de xerar tanto unha análise crítica como de incidir “desde unha perspectiva didáctica” en como este tipo de materiais poden servir para “abordar cuestións como a desigualdade e a violencia de xénero, a homofobia ou a perpetuación de roles negativos”, o seminario contará coas intervencións de dous artistas con experiencia como docentes, Basilisa Fiestras e Cristian Gradín.

Proxeccións para o debate

Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo e profesora desta facultade, Fiestras será a encargada, o xoves 1, de abrir o seminario cunha conferencia que porá o foco nas estratexias feministas nas artes visuais e en como estas poden constituír unha canle para xerar “revisións críticas dos discursos hexemónicos”. O venres 2, oa actividade completarase cun “dous pases dun obradoiro de visionado crítico e debate de producións visuais”, a cargo de Cristian Gradín, tamén doutor en Belas Artes. Co propósito de xerar un debate a partir da proxección de diferentes pezas audiovisuais, tanto de carácter artístico como documental, esta actividade centrará o seu primeiro bloque no feminismo e activismo, a través da análise de obras que permitirán abordar tanto o que supuxo o 8M, como as visións que se trasladan da muller na contorna doméstica e no traballo. A segunda sesión, programada para as 12.00 horas, porá o foco na posta en cuestión dos estereotipos, tanto no referido ao espazo da muller nos medios, como ás masculinidades e as identidades “á marxe da heteronormatividade”. 
 

Programa do seminario