DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por primeira vez recibe unha mención deste tipo un posgrao de CC Humanas e Sociais

Tradución para a Comunicación Internacional e Biotecnoloxía Avanzada, primeiros mestrados da UVigo con mención de excelencia da Xunta

Esta acreditación avala o nivel académico e a solvencia científico-técnica destes estudos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/09/2021

En pleno parón das vacacións de verán chegou a noticia de que a Xunta concedía a súa Mención de Excelencia ao Máster Universitario en Tradución para a Comunicación Internacional e ao Máster en Biotecnoloxía Avanzada, dous dos mestrados con máis demanda da institución académica viguesa e os dous primeiros en conseguir unha acreditación que avala o nivel académico e a solvencia científico-técnica destes estudos. "A postura institucional da Universidade non pode ser outra ca de satisfacción, xa que das tres mencións de excelencia outorgadas este ano, dúas son para másteres da Uvigo”, explica o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado Manuel Ramos, quen salienta que “o mérito correspóndelle ao profesorado que imparte esas titulacións e ás persoas que os coordinan, que reciben un xusto recoñecemento polo bo labor que realizan e o elevado nivel de calidade que acadan na impartición destas titulacións”.

A  acreditación, que ten unha vixencia de cinco anos e supón unha axuda económica de 20.000 euros, pon de relevo, segundo destaca a Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado,  que a UVigo é un referente no ámbito humanístico,  xa que o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional é o primeiro do ámbito das Ciencias Humanas e Sociais en conseguir unha Mención de Excelencia, “o que nos satisfai especialmente dentro da aposta que como Universidade estamos facendo por estes estudos”. Por outra banda, tamén demostra que o modelo interuniversitario do Máster en Biotecnoloxía, “polo que apostamos claramente” funciona.

Yuste: “Non todos os días se outorga a excelencia a un posgrao en humanidades” 

Desde o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional a consecución da mención foi recibida con enorme alegría. “Conseguir este selo para o período 2021-2026 énchenos de orgullo e satisfacción porque non todos os días se outorga o selo de excelencia a uns estudos de posgrao en humanidades e, moito menos, na nosa área disciplinar, tradución e interpretación”, explica o profesor José Yuste, coordinador deste mestrado, quen fai fincapé en que se trata dunha distinción de prestixio “única e pioneira en todo o territorio universitario do Estado español”.

Esta titulación púxose en marcha no curso 2013-2014 e, dende entón, pasaron polas súas aulas arredor de 200 persoas. Foi sempre un mestrado cunha alta demanda, tanto desde dentro como desde fóra das nosas fronteiras, sendo habitual a matriculación de alumnado estranxeiro, “da India, de Portugal, de Francia, de Rusia, de China ou de numerosos países de América Latina, entre outros”, explica o profesor Óscar Ferreiro, secretario da titulación. Desde o punto de vista do coordinador, “a principal fortaleza reside na nosa xente”, destacando así a excelencia dos recursos humanos cos que conta o mestrado. Ademais do cadro de profesores que forma parte do persoal docente e investigador da UVigo, “temos a sorte de contar cun profesorado externo de longa experiencia profesional practicada a diario no mercado laboral da tradución e a interpretación”, salienta Yuste.

Desde o punto de vista dos seus responsables gran parte do atractivo primordial desta titulación reside tamén “no privilexio de poder completar a formación en Tradución de videoxogos a través do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, único no sistema universitario español e impartido por profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector da industria do videoxogo. “Un detalle que o di todo é que nesta 4ª edición cubríronse todas as prazas ofertadas en menos de 24 horas”, recalca Yuste.

Cando decidiron concorrer a esta acreditación descoñecían que o selo supuña tamén unha axuda económica, pero animáronse a facelo “polo mero feito de ter un aval de calidade por parte da Administración de todo o traballo realizado. Neste sentido, na memoria que presentamos reflectimos un plan quinquenal de actuación que xa pensabamos levar a cabo”, explica Ferreiro. Dous exemplos destas accións son , a posta en marcha dun congreso internacional de lingua, lingüística e tecnoloxía e, pola outra, o compromiso de inclusión no máster dun módulo vencellado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, “xa que é unha parte fundamental do futuro profesional do alumnado de tradución e interpretación, onde se traballa maioritariamente de xeito autónomo”.

Gallego: “Desde o inicio fixemos unha firme aposta pola calidade”

O Máster en Biotecnoloxía Avanzada, de carácter eminentemente práctico e interdisciplinar, vense impartindo ininterrompidamente nas universidades de Vigo e A Coruña desde o curso 2010-2011, sempre cunha alta demanda. “A taxa de ocupación media é do 99,6%, o que implica que se cubriron practicamente todas as prazas ofertadas desde a súa implantación”, explica o coordinador, o catedrático Pedro Pablo Gallego, quen salienta que neste título colaboran activamente máis de 95 institucións e empresas líderes nos ámbitos sanitario, agroalimentario e ambiental.

“Desde o inicio do mestrado fixemos unha firme aposta pola calidade”, salienta o coordinador, quen fai fincapé na elevada demanda, inserción laboral e niveis de satisfacción que están a obter. “A inserción laboral dos nosos egresados e egresadas é superior ao 80% e o nivel de satisfacción xeral é notable, tanto no estudantado como no profesorado e colaboradores externos”, explica o docente.

Ademais da súa aposta pola calidade, entre os puntos fortes da titulación Gallego destaca a forte imbricación do título co sector biotecnolóxico e a súa proxección máis aló da fronteira galega. “Nos últimos seis cursos tivemos máis de vinte estudantes estranxeiros procedentes de 11 países tanto comunitarios (Alemaña, Bélxica, Italia, Portugal) como extracomunitarios (Turquía, Arxentina, Ecuador, Brasil, Perú, Venezuela e República Dominicana). A eles hai que sumar ademais 21 alumnos procedentes doutras comunidades autónomas”.

Só seis mestrados do SUG contan con esta distinción

Para a consecución do selo tivéronse en conta aspectos xerais de ambos mestrados como a taxa de ocupación, as entidades públicas e privadas que colaboran directamente, o procedemento de selección do alumnado, a porcentaxe de estudantado estranxeiro ou a existencia de titorización e mentorización individuais; así como cuestións relativas aos resultados (enquisas de satisfacción, seguimento dos egresados no mercado laboral...), a estratexia (plan de xestión, melloras previstas...), o profesorado ou as estratexias de emprendemento.

Desde a Universidade de Vigo tamén se presentara a esta convocatoria o Máster en Comercio Internacional que, finalmente, quedou fóra. “Para nos é un máster de referencia que tamén merecía o selo. A nosa idea é mellorar a proposta e conseguilo na próxima convocatoria”, explica o vicerreitor de Organización Académica. Polo momento a listaxe de mestrados que contan con este selo complétase co título de Bioinformática para Ciencias da Saúde impartido na Universidade da Coruña, que acaba de recibir tamén a mención, e outros tres mestrados das universidades da Coruña e Santiago de Compostela, que o recibiran na anterior edición.