DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 60 persoas participan nun seminario internacional organizado en CC Xurídicas e do Traballo

Tratamento de menores con trastorno de conduta e protección dos maiores son os retos actuais do Dereito de Familia

Os especialistas advirten neste encontro que a custodia compartida segue sendo minoritaria en España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 19/11/2020

O tratamento de menores con trastorno de conduta e a protección ás persoas maiores son, a día de hoxe, os grandes retos aos que se enfronta o Dereito de Familia. Así o subliñou este xoves a catedrática de Dereito Procesal da Universidade de Vigo Esther Pillado na apertura do seminario internacional Problemas actuais do Dereito de Familia, unha cita anual organizada polo Programa de doutoramento Xestión e resolución de conflitos. Menores, familia e xustiza terapéutica coa intención de analizar e debater sobre os problemas máis actuais que se formulan neste ámbito e as posibles solucións que se van ofrecendo por parte do lexislador, a xurisprudencia e a doutrina. 

“Este ano temos que facer especial énfase nestes temas pola gran repercusión que teñen no momento actual”, explica a directora do seminario. Respecto ao tratamento de menores con trastornos de conduta, Pillado indica que non se trata de menores con enfermidade mental nin delincuentes, pero si que teñen un comportamento brusco e antisocial que dificulta que os seus proxenitores poidan exercer de forma axeitada as súas obrigas derivadas da patria potestade, o que os leva a solicitar ante a Administración que asuma a súa garda. “Este tipo de situacións foron aumentando nos últimos anos, o que motivou que se regule o ingreso deses menores con problemas de conduta en centros específicos de protección de menores onde se tratará de normalizar a súa conduta a través dun programa educativo individualizado”, explica a investigadora.

No relativo á protección das persoas maiores, Pillado explicou que cando se fala da especial tutela que requiren as persoas vulnerables normalmente sempre se fai referencia a menores ou a persoas coa capacidade modificada xudicialmente, “pero esta situación de pandemia evidenciou, aínda máis, a vulnerabilidade das persoas maiores, de aí que se dedique parte de este programa ás medidas de protección que se poden adoptar en relación aos mesmos, non só a declaración de incapacidade, senón tamén o internamento non voluntario ou os poderes preventivos”.

A custodia monoparental materna segue sendo maioritaria en España

O encontro, que se prolongará ata mañá venres a mediodía, arrancou coa intervención da directora do seminario e, a continuación, tivo lugar o primeiro relatorio, centrado neste caso na custodia compartida.  Impartiu a charla o profesor de Dereito Civil da Universidade da Coruña Rafael Colina, quen explicou que a pesares de que o Tribunal Supremo recomenda aplicar este réxime, salvo que haxa causas xustificadas que o desaconsellen, nos últimos anos non se produciu un “aumento significativo” daqueles casos nos que os tribunais de xustiza aplican un réxime de garda e custodia compartida. “De todos os casos nos que os xulgados tiveron que dirimir as medidas de garda e custodia dos fillos no ano 2019 só o 37% se aplicou este réxime”, indicou o experto, facendo así fincapé en que a día de hoxe a custodia compartida segue a ser minoritaria en España.

“No ano 2018 esta cifra era do 33% e no 2017 un 30%. Evidentemente as cifras vanse incrementando, no 2007 era apenas dun 9%, pero o lamentable é que en 2019 esta cifra non chegou sequera ao 40%”, explicou Colina, ao tempo que salientou que, hoxe por hoxe, continúa a predominancia da custodia monoparental materna, que no ano 2019 representaba o 58% dos casos, en 2018 o 61% e en 2017 o 65%; mentres que moito máis escasas son as situacións nas que a custodia se outorga de maneira exclusiva aos pais -4,1% no 2019- e, xa totalmente residual, aquelas nas que recae noutros familiares distintos dos proxenitores ou, incluso, en institucións públicas.

Na súa intervención Colina quixo deixar claro que pese a que o Tribunal Supremo está gabando de forma “reiterada e constante” as bondades do réxime de garda e custodia compartida, “o sistema máis razoable e desexable”, os tribunais de xustiza en España só outorgan este tipo de medida nese 37% dos casos. Á pregunta de a que se debe esta descoordinación entre o que o TS di que debería facerse e o que fan os tribunas, o experto salientou que a lexislación actual establece que para que se poida aplicar un réxime de custodia compartida é preciso que o solicite, cando menos, un dos proxenitores, e se isto non é así non se pode aplicar.

O modo virtual incrementou a participación desde Latinoamérica

Para tratar estes e outros temas relativos ao Dereito de Familia, o cadro de relatores que ao longo do día de hoxe xoves e mañá venres participan no seminario inclúe tanto a docentes universitarios, das áreas de coñecemento de Dereito Civil e Procesal, como outros ámbitos profesionais do ámbito xurídico con ampla experiencia na materia, como maxistrados da sección civil da Audiencia Provincial de Pontevedra e un notario. “Os temas que cada un deles tratará están estreitamente vinculados coas súas liñas de investigación ou coa súa experiencia profesional máis actual, polo que poderán ofrecer un enfoque dos mesmos en profundidade e adaptado á realidade máis recente”, explica Pillado.

Realizado de xeito virtual debido á actual situación sanitaria, do outro lado da pantalla atópanse máis de medio cento de participantes, sobre todo de distintos puntos da xeografía española, pero moitos tamén, ao ser en liña, de Latinoamérica. “Algunhas destas persoas enviaron propostas de comunicación moi interesantes para a súa exposición oral durante o seminario, o que permitirá abordar, ao menos puntualmente, outros temas específicos que, por razóns de tempo, non se poden incluír nos relatorios e mesas redondas do seminario”, salienta a directora dun ciclo para cuxa organización contou coa axuda dos profesores Pablo Grande, coordinador do encontro, e Tomás Farto, que se encargou da secretaría. Entre os participantes atópanse, sobre todo, as alumnas e alumnos deste programa de doutoramento pero tamén xuristas, psicólogos, traballadores sociais e educadores.