DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo UVigo Motorsport clasificouse para a Formula Student Germany

O UM19 volverá competir no circuíto alemán de Hockenheim

Case rematado o deseño, a fabricación de vehículo está a piques de comezar 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/02/2019

Tras nove horas de exames con preguntas sobre enxeñaría, xestión empresarial, finanzas e a normativa da competición, o equipo UVigo Motorsport acadou a súa clasificación para participar co vehículo UM19 na competición de Formula Student máis importante no ámbito internacional: a Formula Student Germany. O vehículo da Universidade de Vigo volverá rodar sobre o asfalto de Hockenheim, onde regresarán tras un ano de ausencia e despois que en 2017 non puidesen saír a pista por un erro no monopraza. “Alemaña é a proba máis importante de todas e permitiranos medirnos aos mellores equipos e aínda que seguramente noutros circuítos poderíamos acadar mellores resultados, alí temos a oportunidade de aprender dos mellores equipos, que nalgúns casos levan ata 20 anos competindo”, explica Alfonso Castro, responsable do Departamento de Marketing e Comunicación de UVigo Motorsport.

Austria e Hungría eran as outras dúas opcións que o equipo da Universidade de Vigo barallaba para competir este ano fóra de España, onde de novo rodarán no circuíto de Montmeló. Tras quedar case de primeiros nas listas de espera para as competicións de Austria e Hungría, chegaba a clasificación para Alemaña, despois de superar un exame que se prolongou entre as 10 da mañá e as sete da tarde e no que simultaneamente participaron todos os equipos de universidades europeas que optaban a correr en Hockenheim. “Para facer o exame fomos rotando todos os membros do equipo para responder ás preguntas de enxeñaría, xestión empresarial e tamén todas as relacionadas coa normativa da proba: espesores, distancias e regras”, explica Castro, que traslada os parabéns do equipo ás outras escudarías españolas que van correr en Alemaña: ARUS Andalucía Racing Team, UPC ecoRacing, Formula UC3M, ETSEIB Motorsport e FSUPV Team.

Final da etapa de deseño e inicio da fabricación

Tras catro meses de traballo o UM19 está a piques de deixar de ser un deseño e comezar a materializarse. “Agora temos case rematado o deseño, coas últimas correccións a meirande parte deste traballo xa está feito, de xeito que podemos dicir que estamos no final da etapa de deseño e a piques de iniciar a fabricación”, sinala Alfonso Castro, que lembra que este ano seguirán unha liña moi parecida á do vehículo UM18, aínda que construirán todo de novo, “porque as pezas do anterior coche pasaron o esforzo e estrés das carreiras e queremos un coche novo para rodar con el e darlle horas”.

A optimización dos sistemas que non renderon o ano pasado, unha maior fiabilidade e unha redución do peso, ademais da incorporación dun sistema de telemetrías, son as principais novidades que o equipo pretende introducir no UM19, respecto do seu antecesor. Para levar a cabo este proxecto, o equipo conta con 35 membros, alumnos e alumnas procedentes das escolas de Enxeñería Industrial, de Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía, así como das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e, por primeira vez, Belas Artes.

Nova tempada, nova imaxe de marca

 Precisamente, a presenza dunha estudante de mestrado, titulada en Belas Artes, no equipo UVigo Motorsport, foi clave no desenvolvemento da nova imaxe de marca do proxecto: unha “V” de Vigo, enfrontada cunha forma que lembra á dun chasis, ambas en cor branca, sobre fondo negro e coa que se quere representar os valores da deportividade, compromiso e responsabilidade. “ Necesitabamos actualizar a nosa imaxe, que se fixera no seu día a toda presa e que resultaba moi limitada para aplicacións e merchandising e quixemos dar un paso máis en canto a ter unha marca e un manual”, explica o responsable do Departamento de Marketing e Comunicación de UVigo Motorsport, que tamén confirma que azul seguirá a ser a cor dominante, tanto no UM19, como nas equipacións.