DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tralas obras de adaptación do espazo que ocupan na Escola de Enxeñaría Forestal

As unidades de Fisioterapia e Medicina Deportiva reinician a súa actividade

Xa é posible solicitar cita previa a través de Campus Activo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Pontevedra 20/10/2020

Tralo parón obrigado pola covid-19, co novo curso académico recuperan a súa actividade varias das iniciativas da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, como os servizos de Fisioterapia e Medicina Deportiva, que, no caso do campus pontevedrés, retoman nestes días a súa actividade tralas obras de acondicionamento do espazo que ocupan na Escola de Enxeñaría Forestal. O primeiro dos servizos desenvólvese nas xornadas de luns, en horario de 16.00 a 18.00 horas, e martes, entre ás 10.00 e ás 13.00 horas; mentres que a Unidade de Medicina Deportiva funcionará no campus, un de cada tres mércores, de 17.00 a 20.00 horas, sendo necesario en ambos casos solicitar cita previa a través de Campus Activo.

Como explica o técnico da área Gustavo Loureiro, a situación sanitaria obrigou a que, “para poder prestar estes servizos coa máxima seguridade”, fose preciso realizar unha serie de adaptacións na consulta, “como a instalación dun sistema de ventilación forzosa”, que impediron retomar antes estas dúas actividades, xa en marcha nos campus de Vigo e Ourense. 

Diferentes servizos

Readaptación funcional, recuperación de lesións deportivas, prevención e tratamento da dor ou de patoloxías laborais son algúns dos servizos que centran a actividade da Unidade de Fisioterapia, que ten á fronte ao titulado pola Universidade de Vigo Alfonso Palomanes. Trátase, como sinala Loureiro, dun servizo para “o que xa había unha demanda importante” nestas primeiras semanas de curso e que o pasado curso “tivo tamén unha alta aceptación”, antes de que a covid-19 obrigase a suspender a actividade.

No caso da Unidade de Medicina Deportiva, da que se encarga Santiago Perote, entre os seus servizos figura a realización de revisións médico-deportivas básica, gratuíta para os usuarios do abono MuVer, e avanzada, consultas dietéticas ou consultas informativas gratuítas para a comunidade universitaria. Neste caso, o servizo préstase no campus cada tres semanas, de modo que, no que resta de 2020, estará operativo os días 4 e 25 de novembro e o 16 de decembro. 

Ambos servizos contan con diferentes prezos segundo se trate de abonados e abonadas, integrantes da comunidade universitaria, familiares, titulados e tituladas ou persoas alleas á institución académica.