DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio asinado este xoves polo reitor, Manuel Reigosa, e o alcalde, Alberto Varela

A UVigo e o Concello de Vilagarcía impulsan un bosque-escola

No marco da Rede de Bosques Atlánticos promovida polo Observatorio da Gobernanza G3

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/01/2026

A Universidade de Vigo e o Concello de Vilagarcía de Arousa impulsan a creación nesta localidade dun bosque-escola nunha parcela municipal de cinco hectáreas, na que se fomentará a protección dun bosque atlántico de frondosas, que servirá á súa vez como área de aprendizaxe para os centros educativos da localidade. O reitor, Manuel Reigosa, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, asinaron este xoves o convenio de colaboración que fará posible o impulso dunha iniciativa que se insire na Rede de Bosques Atlánticos, un proxecto promovido polo investigador do Observatorio da Gobernanza G3 Óscar Briones. A administración local destinará un total de 16.000 euros á creación deste bosque-escola, que levará o nome do profesor vilagarcián Juan Manuel Pérez Eyré, recentemente falecido.

Aprobado por unanimidade polo pleno municipal, trátase dun convenio cunha duración de catro anos, prorrogable por outros catro, que contempla a creación na parcela municipal de Pinar do Rei dunha área de frondosas atlánticas, que poida ser empregada como un espazo de aprendizaxe ao aire libre, que “permita accións educativas relacionadas co coñecemento da vexetación e fauna galega”, segundo recolle o acordo. 

Nese senso, o reitor destacou o positivo dunha iniciativa “que vai ter moita potencia desde o punto de vista pedagóxico, da investigación e da cooperación” e que permitirá á súa vez render homenaxe a Pérez Eyré, "un profesor que deixou unha fonda pegada" na localidade, como salientou Varela. Reigosa salientou ademais que o proxecto correrá a cargo dun “grupo de traballo magnífico”, representado neste acto por Briones e o tamén profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Fernando Martínez, "pero vai haber moitos máis profesores e profesoras que van formar parte do desenvolvemento dos traballos futuros ao longo destes primeiros catro anos". O seu labor, engadiu o alcalde, fará posible converter esa parcela municipal, “que seguro que dentro de pouco vai ter outra imaxe”, nun espazo que “permita pensar na necesidade de ter bosques autóctonos” e que vai ser “un lugar de ensinanza e de amor pola natureza”.

Catro anos de traballo

Como explica Briones, esta parcela situada no monte Xiabre conta con algúns carballos e castiñeiros plantados polo Concello nos últimos anos, mais fóra diso, apenas conta con vexetación, de tal xeito que o acordo permitirá crear este bosque-escola practicamente “desde cero”. Nese senso, Varela adiantou que en febreiro desenvolveranse traballos de voluntariado centrados na plantación de carballos.

Segundo recolle o convenio, os investigadores do Observatorio da Gobernanza G3 encargaranse de proporcionar asesoramento técnico no desenvolvemento deste proxecto, para o que “consultarán coa persoal investigador da UVigo e con aquelas persoas alleas" que poidan contribuír á "creación e consolidación natural do espazo previsto”. Do mesmo xeito, encargaranse de promover accións con entidades do terceiro sector que poidan “axudar na rexeneración e conservación do espazo”, a través de actividades de voluntariado, así como de supervisar o espazo e de buscar “novas vías de financiamento” para o desenvolvemento do bosque-escola.  O Concello, pola súa banda, destinará 4000 euros anuais ao impulso desta iniciativa, á vez que se compromete a “explorar a posibilidade de incorporar novas parcelas” ao proxecto e a buscar “a máxima protección xurídico-medioambiental” para este espazo. 

Rede de Bosques Atlánticos

Como recolle o convenio, esta iniciativa ten “afán de escalabilidade”, de tal xeito que búscase acadar un “modelo de xestión que poidan replicar outros concellos ou entidades como fórmula de salvagarda do seu medio natural e, na medida do posible, autóctono”. O convenio enmárcase nese senso na iniciativia Rede de Bosques Atlánticos, que pon o foco na recuperación do "bosque orixinal de Galicia", a través da implicación de empresas e institucións que contribúan a financiar a preservación e recuperación de diferentes masas arbóreas. Especialistas en políticas públicas, os investigadores buscan con este proxecto atopar modelos de xestión medioambiental, que abrangan diferentes fórmulas xurídicas e de financiamento e que combinen os beneficios ambientais cos socioeconómicos. 

Nesta liña de traballo insírese tamén o acordo que o Observatorio da Gobernanza impulsou previamente coa Comunidade de Montes de András e a conserveira Antonio Pérez Lafuente, para a preservación dun bosque de frondosas de 16 hectáreas en Vilanova de Arousa. Ademais, Briones alcanzou un preacordo coa Comunidade de Montes de Sobrán, tamén en Vilagarcía de Arousa, para xestión doutra parcela de nove hectáreas, a falta dunha entidade patrocinadora. O investigador traballa tamén nun acordo co Concello de Corcubión para a creación dun bosque de frondosas nunha parcela municipal de 16 hectáreas, e mantivo tamén contactos con comunidades de montes de varias localidades e con diferentes particulares interesados en que “os axude a deixar bosques como legado”. 

A consecución de novos acordos, sinala, permitiría cumprir “o obxectivo de investigación” de promover “modelos diferentes e replicables”, cos que avaliar diferentes vías para facer “interesante económica ou socialmente” a preservación dos bosques atlánticos e da súa biodiversidade.