DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O control semanal entre o estudantado comeza con 400 probas nos tres campus

A UVigo dálle prioridade ao campus de Ourense na realización das primeiras PCR ao alumnado

“Aspiramos a que a Universidade sexa un lugar absolutamente seguro” sinala o reitor

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 15/10/2020

As probas PCR que a Universidade de Vigo avanzou que realizaría entre o seu alumnado co obxectivo de controlar a evolución da covid-19, xa se están a desenvolver estes días en cinco centros dos tres campus, dous de Ourense, dous de Pontevedra e un de Vigo. O maior número de probas concentráronse entre o alumnado de prácticas das facultades de Dereito, onde foron convocados de xeito aleatorio 200 estudantes, e da Facultade de Educación e Traballo Social, onde as 150 probas previstas se lle realizaron ao alumnado de prácticas dos graos de Educación Infantil e Primaria e de Traballo Social. A elevada incidencia que a covid-19 está a rexistrar na cidade de Ourense nas últimas semanas, levou ao equipo de goberno da Universidade de Vigo a concentrar a maior parte destas primeiras PCR que se farán ao alumnado ao longo do curso, no campus ourensán, co obxectivo de reforzar as medidas de control da pandemia postas en marcha polas autoridades sanitarias. Pola súa banda, no campus de Pontevedra os tests masivos PCR sobre saliva baseados no sistema pooling desenvolvéronse entre o alumnado das Facultades de Fisioterapia e de Belas Artes e no caso de Vigo concéntrase na Facultade de Filoloxía e Tradución. 

Nunha comparecencia ante os medios celebrada este mediodía xunto á subdelegada do Goberno en Pontevedra, o reitor, Manuel Reigosa, asegurou sentirse por agora moi tranquilo, “creo que os datos que temos son datos de contaxio bastante baixos con respecto a outras universidades, especialmente nos campus de Pontevedra e Vigo, hai un pequeno grao maior de incidencia en Ourense, pero en todo caso datos bastante tranquilizadores”. O reitor lembrou que o cribado realizado a pasada semana ao PAS e ao PDI deu como resultado cero casos, “aínda que neste intre temos dúas persoas do persoal que teñen proba PCR positiva e temos un número de casos moi baixo no alumnado”, explicou Reigosa. En relación coas probas que de xeito semanal se van realizar ao estudantado ao longo do curso, o reitor dixo que “se van facer entre o alumnado que poida ter algún risco porque hai algún alumno na súa aula que tivera un contaxio previo. Nós aspiramos que a non haxa ningún contaxio na Universidade. Loxicamente neste tempo haberá persoas que estean na universidade que teñan contaxio, pero aspiramos que sexa un lugar absolutamente seguro”, dixo.

Preparados para actuar ante os positivos e posible peches

O reitor vigués aproveitou a súa intervención para lembrar que a UVigo está preparada para continuar a impartir docencia se nalgún caso é preciso ou recomendable pechar algún grupo, curso o titulación completa. “Non hai ningún problema porque temos o Campus Remoto e se nalgún momento hai que pasar á docencia en liña o podemos facer de xeito inmediato”, asegurou Reigosa, que tamén lembrou que a UVigo ten un sistema propio “polo cal sabemos exactamente os alumnos que están na aula e o tempo que pasan nela. Teñen que ‘fichar’, digamos, co móbil o posto físico no que están, co cal podemos, cando se produce un caso positivo, poñer a rede de alerta interna a funcionar”, explicou Reigosa.