DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Andrés Fernández asinaron hoxe un novo convenio por catro anos 

UVigo e Fundación Mentor renovan a súa colaboración para continuar impulsando a investigación e a formación complementaria do estudantado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 17/11/2020

Colaboración para o desenvolvemento de proxectos de investigación; organización e realización de actividades académicas como cursos, conferencias ou seminarios; apoio a investigadores e estudantes; intercambio de publicacións, traballos de investigación e outros materiais académicos; colaboración en proxectos culturais ou mobilidade de estudantes e persoal docente, así como promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade. Estes son algúns dos obxectivos do convenio asinado este martes polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Fundación Mentor, Andrés Fernández, e co que ambas institucións renovan por catro anos máis, a colaboración que mantiñan e que lles permitiu, por exemplo, impulsar a celebración do ciclo Coloquios en Tempos de Pandemia, que organiza a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e polo que pasaron como relatores, entre outros, o vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos, ou o propio presidente da Fundación Mentor, aínda que en calidade de director executivo de Zendal, Andrés Fernández.

O convenio que procurará impulsar a investigacion e potenciar a formación complementaria do alumnado da UVigo, encaixa, segundo o reitor, “coa vocación da UVigo de manter unha relación constante coa sociedade e permitirá estreitar lazos entre a institución e a empresa. A colaboración entre universidade e iniciativa privada oriéntase no camiño de buscar sinerxías que permitan potenciar ao máximo as capacidades da formación académica de excelencia pola que apostamos”. Reigosa, que lembrou que a Fundación, “coa que temos unha relación magnífica”, nacera coa finalidade colaborar na formación do alumnado do Programa conxunto ADE-Dereito do campus de Vigo e doutro alumnado dos ámbitos xurídico-empresarial, definiu o convenio hoxe subscrito como “unha ferramenta para optimizar a colaboración con Mentor que permitirá traballar catro anos para impulsar a investigación e a formación complementaria do alumnado”. 

Pola súa banda, Andrés Fernández referiuse ao acordo como “un pulo máis na nosa colaboración, nunha fundación que naceu para axudar ao alumnado, pero que na realidade actual tamén axuda ás empresas a facer unha mellor colaboración coa universidade e iso repercute na vertebración social que cada día é máis necesaria”, explicou o presidente da Fundación Mentor.

Relacións humanas deportivas e economía, próximas citas de Coloquios en Tempos de Pandemia

Con periodicidade mensual e tras as sesións protagonizadas polo propio Andrés Fernández, Luis de Guindos e o presidente de Norvento, Pablo Fernández, os Coloquios en Tempos de Pandemia continuarán o vindeiro 25 de novembro coa participación da ex responsable de Relacións humanas deportivas do F.C. Barcelona, Inma Puig. O 2 de decembro será a quenda para o ex director da Oficina económica do presidente do Goberno de España e economista, Miguel Sebastián.