CC XX e do Traballo reivindica o galego como lingua para a investigación xurídica
O V Premio Xosé Luis Franco Grande distingue traballos sobre violencia dixital, dereitos da infancia, coidados e xustiza internacional
O acto serviu tamén para abrir o debate arredor da proposta dun ‘Día da Lingua Galega’
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo celebrou este xoves a xornada As Letras Galegas e o Dereito, unha iniciativa organizada con motivo das Letras Galegas 2026 e que volveu converter o centro nun espazo de reflexión arredor da lingua galega, o pensamento crítico e o dereito. O acto serviu tamén para facer público o fallo do V Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco Grande, un certame xa consolidado no ámbito universitario galego, que este ano recoñece catro investigacións que poñen o foco nalgúns dos principais retos xurídicos da era dixital: deepfakes, dereitos da infancia, violencia sexual internacional e realidade das mulleres migrantes no sector dos coidados.
A xornada foi presentada polo decano da facultade, Pablo Grande Seara, quen fixo unha firme defensa do galego e da súa valía como lingua de investigación en todos os eidos do saber, e contou coa intervención do profesor e coordinador de Normalización Lingüística do centro Xosé Manuel Pacho Blanco, que abriu o acto lembrando a figura de Begoña Caamaño, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, ao tempo que introduciu un debate arredor da necesidade de ampliar a celebración cara a un ‘Día da Lingua Galega’ capaz de implicar á sociedade no seu conxunto na defensa e promoción do idioma. Nesta liña, o docente analizou a evolución histórica da celebración das Letras Galegas e reflexionou sobre os cambios sociolóxicos que afectan ao uso da lingua, incidindo na importancia de reforzar os espazos de uso do galego tamén no ámbito universitario.
Catro miradas femininas aos desafíos xurídicos actuais
A continuación, a profesora María Antonia Arias Martínez, membro do xurado, presentou o V Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco Grande, convocado en memoria do avogado, poeta e ensaísta ao que debe o seu nome. O fallo foi dado a coñecer por Rosalía Franco Barreiro, filla do homenaxeado.
Na modalidade A, destinada ao estudantado de calquera grao ou mestrado do sistema universitario galego e estatal, o premio foi concedido ex aequo a Cristina Brea Fernández, estudante do Mestrado da Avogacía da Universidade da Coruña, polo traballo Deepfakes sexuais non consentidas como violencia de xénero dixital, e a Soraya Durán Fernández, da Facultade de Dereito do campus de Ourense, pola investigación Dereito á honra, intimidade e propia imaxe do menor nun mundo dixitalizado.
O traballo de Cristina Brea analiza a creación e difusión de contidos audiovisuais hiperrealistas xerados mediante intelixencia artificial como unha nova forma de violencia de xénero dixital, estudando o seu tratamento xurídico-penal e procesual, especialmente desde a perspectiva da protección das vítimas. Pola súa banda, Soraya Durán examina a protección dos dereitos á honra, intimidade e propia imaxe das persoas menores de idade na sociedade dixital actual, examinando a normativa nacional e internacional que garante a súa protección e os seus dereitos.
Na modalidade B, destinada ao alumnado da propia Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o premio foi tamén compartido ex aequo entre Laura Magariños Seira, estudante do Mestrado da Avogacía e da Procura, e Noa Cordido Aboal, alumna do dobre grao en Dereito e ADE.
Laura Magariños foi recoñecida polo traballo O sector dos coidados non profesionais: as mulleres migrantes, unha investigación centrada na realidade das traballadoras migrantes no ámbito dos coidados e do traballo doméstico, na que se propoñen unha serie de medidas orientadas a mellorar as súas condicións laborais, sociais e vitais. Pola súa parte, Noa Cordido recibiu o galardón polo traballo Macrocriminalidade, xustiza transicional e violencia sexual desde a perspectiva internacional, centrado no tratamento da violencia sexual en contextos de conflito armado e na evolución da súa consideración como crime internacional.
O xurado destacou a “elevada calidade” dos 12 traballos presentados
Nesta edición o xurado destacou especialmente a elevada calidade das doce investigacións presentadas, elaboradas integramente en lingua galega e centradas en cuestións xurídicas de gran actualidade e impacto social. Entre os temas abordados figuraron o dereito penal, laboral, civil, mercantil, constitucional e procesual, así como cuestións relacionadas coas novas tecnoloxías dixitais e a intelixencia artificial, un dos ámbitos con maior presenza.
Segundo recolle o ditame, os traballos afondaron en problemáticas como as deepfakes sexuais non consentidas, o ciberacoso a menores, a responsabilidade das plataformas en liña fronte aos contidos ilícitos, os alugueiros turísticos, a protección xurídica das persoas maiores ou a macrocriminalidade e a violencia sexual en contextos internacionais. Así mesmo, o ditame fai tamén referencia ao rigor metodolóxico, á corrección lingüística e á calidade técnica das investigacións, características que, segundo sinalaron, “xa se teñen convertido en norma” neste premio.
