A competición contará coas modalidades de partidas rápidas e lóstrego
O VIII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense terá lugar os días 2 e 3 de xullo
Co prazo de inscrición aínda aberto, hai inscritos arredor de 80 xogadores e xogadoras
Os días 2 e 3 de xullo, o pavillón de deportes do campus de Ourense acollerá a celebración do VIII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense. A cita volve á palestra con dous días de competición, un centrado na modalidade de xadrez rápido e outro na modalidade lóstrego, e coa participación de máis de 80 xogadoras e xogadores, entre eles grandes mestres e mestres internacionais deste deporte.
Como en anteriores edicións, o torneo está organizado polo Club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo e co patrocinio, ademais da UVigo, do Concello de Ourense e da Deputación de Ourense. Jaime Viso, tesoureiro do club organizador, é o director do torneo. Con 120 prazas dispoñibles e 80 persoas xa apuntadas, o prazo de inscrición está aberto ata o venres 1 de xullo ás 15.00 h. O Torneo vai ser retransmitido por streaming e contarase cun taboleiro electrónico a través do cal se poderán seguir as partidas máis interesantes.
“Dende o Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense estamos moi satisfeitos coa celebración nas nosas instalacións da oitava edición deste torneo. Tras o parón da covid, o pasado ano conseguimos retomalo pero tivemos que celebralo no mes de outubro e agora recuperamos as súas datas habituais”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable desta área. O técnico lembra o compromiso da institución académica co fomento do xadrez, un deporte que, subliña, “auna deporte de competición con valores moi relacionados co ensino”. Por este interese, desde a organización da cita convidan ás persoas interesadas a achegarse esta fin de semana ao pavillón universitario para asistir á competición.
Dous días de competición
Coa inscrición aínda por pechar, o torneo contará coa participación do xogador armenio Karen Grigoryan (actualmente nº 104 a nivel mundial a ritmo clásico); cos grandes mestres Luis Galego (varias veces campión de Portugal), Arián González (de orixe cubano e afincado en Ourense, xa gañador deste torneo), e o búlgaro Vladimir Petkov, ademais do mestre internacional Rafael Rodríguez. Tamén estarán varios mestres Fide, entre eles os ourensáns Adrián e David Gómez, e tamén José Sande, Fernando Sánchez, Rubén Fernández e o mestre máis novo de Galicia, Xulio del Prado.
O primeiro día do torneo, o sábado, centrarase na modalidade de partidas rápidas, cun ritmo de xogo de dez minutos por xogador ou xogadora para toda a partida máis 5 segundos de incremento por xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira. O torneo rexerase polas regras de xadrez da Fide, disputarase polo sistema suízo a nove rondas e será válido para ELO de rápidas. Nesta modalidade, en total entregaranse 2000 euros en premios: 11 galardóns repartidos en tres categorías (xeral e os tramos Elo Fide 2200-1800 e menos de 1800). Ademais, nas categorías sub-16 e sub-12 haberá trofeos para os tres primeiros clasificados. Por último, concederase un trofeo ao xogador/xogadora mellor clasificado pertencente ao club organizador.
O segundo día de torneo estará centrado no xadrez lóstrego. A competición disputarase polo sistema suízo a nove rondas e o ritmo de xogo será de tres minutos por xogador para toda a partida aos que se engadirán 2 segundos de incremento por cada xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira. O torneo será válido para ELO de Blitz. Neste caso, entregaranse 750 euros en galardóns (dez premios en categoría xeral) e trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías sub-16 e sub-12 e un trofeo ao xogador/xogadora mellor clasificado pertencente ao club organizador.