DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Rosana Martínez abordou na súa tese de doutoramento esta problemática

As violencias e ciberviolencias sexuais contra as mulleres, unha constante ao longo da vida

Destaca a importancia de fomentar a prevención a través da educación das e dos adolescentes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 24/11/2021

A violencia sexual, lembra Rosana Martínez, investigadora do Grupo de Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo, “é unha realidade que sofren maioritariamente as nenas e mulleres”. Na infancia e na adolescencia, detalla, é cando comezan as súas primeiras experiencias que se materializan a través do abuso sexual infantil e/ou acoso sexual entre iguais pero “as violencias sexuais seguen o seu transcurso na etapa adulta dunha muller, transformándose en condutas de acoso sexual, acoso por razón de sexo e agresión sexual”. Desta forma, “a violencia sexual convértese na violencia máis xeneralizada e menos recoñecida do mundo”, afirma. Na súa tese de doutoramento, esta educadora social abordou este continuo das violencias e das ciberviolencias sexuais e o papel que a educación pode xogar na súa prevención.

A tese, titulada O continuo das (ciber)violencias sexuais nas mulleres: a educación sexual como prevención, foi presentada na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense baixo a dirección de Yolanda Rodríguez e Maria Victoria Carrera. Para entender esta perspectiva das (ciber)violencias como “unha realidade constante e continua ao longo da vida” e para contribuír á súa prevención, na súa tese, explica Rosana Martínez, marcouse como obxectivo analizar as situacións de violencias sexuais que sofren adolescentes e mulleres ao longo da vida, tanto na esfera on-line como off-line, e profundar nas intervencións da educación sexual especialmente dirixidas cara o colectivo adolescente. A inclusión da esfera virtual, sinala, débese a que “a revolución tecnolóxica ten creado un novo espazo no que as e os adolescentes perpetúan situacións de violencia entre os seus iguais e nas relacións de parella (como o cibercontrol, o sexting e a sextorsión, entre outros)”.

Con este obxectivo, detalla Rosana Martínez, leváronse a cabo catro investigacións no marco do Grupo de Investigación de Saúde, Sexualidade e Xénero da UVigo nas que se empregaron metodoloxías de tipo cuantitativo e cualitativo e que deron lugar á elaboración por parte da investigadora de catro artigos de investigación nos que se recollen e valorizan os seus resultados. Estes resultados, subliña a xa doutora, “visibilizan como as violencias sexuais tanto no plano on-line como off-line convertéronse nun feito xeneralizado, normalizado e continuo na vida de adolescentes e mulleres”. Por este motivo, subliña, “é fundamental implementar programas de educación sexual no sistema educativo, baseados nunha perspectiva integral que permitan aos/as adolescentes desenvolver coñecementos, actitudes e destrezas para mellorar a súa saúde sexual, así como o desenvolvemento do pensamento crítico que lles capacite para defender os seus propios dereitos desde a igualdade, o respecto e a tolerancia cero cara a violencia sexual e de xénero”. Nestes programas, afirma, “é fundamental tamén que se inclúa a prevención da violencia a través das TIC, para que as mozas e mozos poidan vivir as súas relacións socioafectivas, tanto off-line como on-line, de forma igualitaria, respectuosa e libre”.

Ciberacoso e primeiras experiencias de violencia

Un dos estudos recollidos na tese é Ciberacoso en parellas, sexismo, pornografía e sexting en adolescentes: novos desafíos para a educación sexual, que forma parte dun proxecto de violencia dixital nas relacións afectivo-sexuais de adolescentes financiado pola Deputación de Ourense en colaboración coa UVigo. Nel, levouse a cabo un traballo cuantitativo no que participaron 993 estudantes españois de Educación Secundaria. “Os principais resultados evidencian que os rapaces levan a cabo máis comportamentos de sexting e consumen máis contido pornográfico on-line que as rapazas”, sinala a xa doutora. O estudo tamén amosa que “as e os adolescentes presentan actitudes sexistas ambivalentes, sendo os rapaces os que teñen maior nivel de sexismo hostil e benevolente que as rapazas”. Os rapaces e rapazas máis “sexistas benevolentes” e que levan a cabo máis comportamentos de sexting, tende segundo este estudo a cibercontrolar máis á súa parella.

A tese tamén recolle o estudo A análisie da campaña #PrimAcoso: un continuo de violencias sexuais, que forma parte do proxecto O Meu Primeiro Acoso Sexual, financiado polo Concello de Pontevedra e no que se analiza a primeira experiencia de violencia sexual que teñen sufrido as mulleres ao largo da súa vida a través dos tuits de denuncia na Campaña #PrimAcoso. Os resultados indican que dos 688 tuits analizados, o 75% aluden a casos de múltiples violencias sexuais contra os menores de 18 anos (65% foron situacións de abuso sexual a menores e o 11% acoso sexual entre iguais), e o 24% a múltiples violencias contra as mulleres adultas (21,3% acoso sexual, 1,6% acoso por razón de sexo e 1,1% agresión sexual). “As conclusións deste estudo permítennos evidenciar que o perfil do acosador na súa gran maioría é de homes descoñecidos para a vítima e con menos frecuencia homes coñecidos, pertencentes ao ámbito laboral, académico e/ou de amizades”, afirma a investigadora.

Universidade e centro educativos

O acoso sexual na universidade: a visión do alumnado foi outro dos estudos abordados, neste caso no marco do proxecto de diagnose de acoso sexual na Universidade financiado pola Unidade de Igualdade da UVigo e destinado a analizar os coñecementos, as percepcións e as actitudes do alumnado cara o acoso sexual. Nel realizáronse entrevistas e grupos de discusión nas que participaron 77 estudantes. Sobre a información recadada, Rosana Martínez sinala que “os resultados evidencian que o alumnado ten poucos coñecemento sobre o acoso sexual e, ademais, non recibe formación que lle achegue as ferramentas que lle permitan identificalo e combatelo”. As situacións máis habituais de acoso sexual no contexto universitario, segundo se recollen no estudo, materialízanse segundo o alumnado entrevistado a través de comentarios verbais e non verbais. “As e os estudantes perciben actitudes permisivas cara o acoso sexual por parte dos profesores e tamén por parte da Universidade, considerando que non hai unha verdadeira implicación para intervir nas situacións de acoso sexual”, sinala Rosana Martínez.

Por último, a tese recolle os resultados do estudo A educación sexual no centro de atención: que está funcionando?, no que se leva a cabo unha revisión sistemática dos estudos existentes sobre as intervencións de programas de educación sexual nos centros educativos, nas plataformas dixitais e con metodoloxías de aprendizaxe mixtas (on-line versus off-line) para o colectivo adolescente e se analiza a súa efectividade. “Os resultados evidencian que a maioría dos programas de educación sexual para as e os adolescentes céntranse principalmente en reducir as conductas de risco (por exemplo, VIH/ITS e embarazos non desexados), mentres que se obvian temas como o desexo e o pracer”, afirma a investigadora da UVigo.