DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizadas por un equipo da UVigo e o CENIEH

O xacemento paleolítico de As Gándaras de Budiño acolle unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas

Na busca de información sobre os depósitos xeolóxicos e a acumulación de ferramentas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 27/07/2022

Ata finais deste mes de xullo, o xacemento paleolítico de As Gándaras de Budiño (O Porriño) acolle unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas a cargo dun equipo liderado por Eduardo Méndez-Quintas, profesor e investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, e por Manuel Santonja, do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH). A campaña retoma os traballos de investigación no que é, tal e como destacan os responsables do proxecto, “historicamente o xacemento paleolítico máis importante de Galicia”.

Os traballos, explican os seus responsables, “consisten na realización dunha escavación en área, que complementan a campaña de sondaxes arqueolóxicas desenvolvidas nel durante o ano 2018”. Coa realización dunha escavación en área, engaden, “tentarase ter maior información sobre as condicións de formación dos depósitos xeolóxicos e, sobre todo, das densas acumulacións de ferramentas líticas que se atopan no lugar”.

O xacemento de As Gándaras de Budiño, lembran os arqueólogos do proxecto, foi un dos primeiros lugares de época paleolítica escavados en Galicia, tras o seu descubrimento en 1961. “Inicialmente escavado por E. Aguirre, mundialmente coñecido por ser o impulsor do proxecto Atapuerca e recentemente falecido, Budiño pasou a converterse nun xacemento altamente problemático, tanto en canto as primeiras datacións deste lugar indicaban un cronoloxía duns 26.000 anos, cando este tipo de lugares tiñan que ter unha idade superior aos 100.000 anos de antigüidade”. Esta circunstancia, sinalan, “levou á idea de que no noroeste da Península Ibérica existía un paleolítico atípico e anacrónico con respecto ao que acontecía no resto do suroeste de Europa”.

Segundo explican os responsables da campaña arqueolóxica, “as investigacións actuais inciden nunha situación totalmente diferente, xa que agora sabemos que a primeira presenza humana na nosa rexión é anterior aos 300.000 anos”. Asemade, afirman, “os traballos en curso no xacemento indican que estamos ante depósitos moi antigos e con restos arqueolóxicos cunha cronoloxía que debe exceder os 200.000 anos de antigüidade".

Nos traballos arqueolóxicos participa un grupo de estudantes do Grao en Xeografía e Historia da Universidade de Vigo, da UNED, así como do Mestrado de Arqueoloxía da Universidade de Lisboa. Estas investigacións enmárcanse dentro das Axudas de Apoio á Etapa de Formación Posdoutoral da Xunta e Galicia e do proxecto  Tradición, evolución e coexistencia nos tecnocomplexos paleolíticos do pleistoceno medio da Península Ibérica, cofinanciado por FEDER e a Junta de Castilla y León. Asemade estas investigacións nas Gándaras de Budiño contan co apoio económico do Concello do Porriño.