DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impuxéronse á Universidad de Castilla La Mancha por 37-28 

As xogadoras do equipo de balonmán feminino da UVigo revalidan o seu título de campioas de España 

Gañaron todos os partidos da competición celebrada en Granada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 26/11/2021

“Moi contento co compromiso das xogadoras e por traer este resultado para casa”, recoñece sentirse Abel Estévez, adestrador do equipo de balonmán feminino da UVigo, que nas últimas hora revalidaba por segundo ano consecutivo o campionato de España Universitario. As xogadoras desprazadas a Granada, 13 do BM Porriño e Lidia Portela da A.D.Carballal, gañaron todos os partidos do campionato, acadando ademais importantes diferenzas, respecto dos seus rivais: Zaragoza (24-16), Barcelona (21-30), Almería (12-24) e na seminifinal co Universidad Católica de Murcia (19-14). “O máis complicado foi o partido contra a UCAM, teñen xente veterana e aínda que comezamos gañando de cinco, a súa porteira estivo moi acertada, e chegaron a empatar, pero logo  fomos nós por diante cunha diferenza bastante solvente”, explica Estévez, presidente e adestrador, xunto a Isma Martínez, do CB Porriño.

Na final, ante a Universidad de Castilla La Mancha, o equipo da UVigo, que contou entre as súa filas con varias xogadoras que militan na DHF Liga Iberdrola, a máxima categoría do balonmán estatal, asinou o mellor encontro de todo o campionato, amosándose moi sólido en defensa o que lle permitiu chegar ao descanso con cinco goles de vantaxe. Na segunda parte, o xogo da UVigo aínda mellorou máis, o que lles permitiu agrandar a diferenza ata 10 goles ao seu favor, para chegar ao resultado final de 37-28.

Un reto importante para formación das xogadoras 

Disputar o Campionato de España Universitario cun equipo, salvo pola presenza da porteira da A.D. Carballal, que é o mesmo ao que adestra no CB Porriño foi unha vantaxe para Abel Estévez, xa que lle permitiu que “a sistemática do xogo fose a mesma do noso club”. Para o adestrador, que as súas xogadoras participasen no campionato universitario é ademais “importante para a súa formación. Son xogadoras novas e nesa idade todo o que sexa xogar competicións deste estilo son retos novos,, Por iso creo que imos continuar”, adianta Estévez, que destaca o bo facer da organización do campionato. “Tomaron todas as medidas para que se se xogase con seguridade, fixeron test de antíxenos e nos hoteis e no pavillón había as medidas necesarias para que se puidese xogar sen problema, e a nivel deportivo tamén foi todo moi ben”, explica o adestrador.

Sobre a súa experiencia, xunto a Isma Martínez á fronte do equipo técnico do equipo de balonmán feminino da UVigo, Estévez lembra que el tamén disputou algún campionato universitario “como xogador e como adestrador hai anos e quero dar grazas á UVigo por confiar no corpo técnico do CB Porriño e espero que teña continuidade no futuro”.