Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas 2021

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 25/06/2021

En vista da crecente ameaza e da deterioración da calidade de vida causada polo consumo e polo tráfico de drogas ilícitas, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, en decembro de 1987, designou o 26 de xuño como o Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas. Este día celébrase en todo o mundo para concienciar sobre os perigos da drogadicción e do tráfico ilícito. Trátase dun problema para a saúde e o benestar da poboación (sobre todo da mocidade), mais que supón maiores problemas incluídos na Axenda 2030 como a inestabilidade socioeconómica e a política dunha nación, ademais de perturbar o seu desenvolvemento sostible.

O tráfico de drogas, antes considerado en gran medida un problema social e delituoso, transformouse nos últimos anos nunha importante ameaza para a saúde e para a seguridade das persoas. O último Informe Mundial sobre as Drogas publicado pola ONUDD tamén analiza o impacto da covid-19 nos mercados da droga. Aínda que non se teñen datos exactos sobre o impacto que esta puido ter, as restricións fronteirizas e doutro tipo vinculadas á pandemia xa provocaron escaseza de drogas nas rúas, o que deu lugar a un aumento dos prezos e a unha redución da súa pureza. Así e todo, agárdase que, debido ao aumento do desemprego e á redución das oportunidades causadas pola pandemia, as persoas máis pobres se vexan moito máis afectadas e se volvan máis vulnerables ao consumo de drogas e tamén ao tráfico e ao cultivo de drogas para gañar diñeiro.

A pobreza (ODS 1), a escasa educación (ODS 4) e a marxinación social (ODS 10) seguen a ser factores importantes que aumentan o risco de trastornos por consumo de drogas. Os grupos vulnerables e marxinados tamén se poden enfrontar a barreiras para obter servizos de tratamento debido á discriminación. Polo tanto, desde a ONU pídese a colaboración das institucións dos diferentes países para crear políticas contra o consumo de drogas e proporcionar e mellorar a axuda a aquelas persoas afectadas que o precisen, ofrecendo apoio social, económico e político. Estas medidas son fundamentais, porque o consumo de drogas, na súa esencia, é un problema de saúde. A drogodependencia é unha enfermidade, non un delito, e os verdadeiros delincuentes son os traficantes de drogas. 

Se ben os gobernos teñen a responsabilidade de contrarrestar tanto o tráfico como o abuso de drogas, as comunidades tamén poden facer unha importante contribución. Isto fomentará comunidades libres de delincuencia e violencia relacionadas coas drogas e persoas libres de drogodependencia que poidan contribuír ao noso futuro común e a ter un mundo máis seguro para todos e todas.

A importancia da información

Este ano a campaña da ONU ten como lema «Falemos de drogas. A información salva vidas». Incide na importancia de coñecer os riscos que as drogas teñen para a nosa saúde e de buscar as solucións para tratar este problema mundial. Nesta mesma liña o programa Tu punto, no que están implicados o Ministerio de Sanidade e 59 universidades españolas, (entre elas a Universidade de Vigo) informa sobre os riscos asociados ao consumo de drogas e a outras adiccións e promociona hábitos de vida saudables. 

Animámosvos a consultar a web www.tupunto.org onde ademais de información sobre drogas podedes ver os vídeos do décimo concurso «Adicciones: tu punto de mira» no que o vídeo realizado por Sandra Cendón Denís, estudante da Universidade de Vigo, acadou o sexto premio.

Desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación unímonos á celebración deste día e animámosvos  a participar na súa difusión nas redes sociais a través das etiquetas #HablarDeDrogas #LaInformaciónSalvaVidas e #ShareFactsonDrugs #SaveLives.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal