Día Mundial das Microempresas e das Pequenas e Medianas Empresas 2021

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 25/06/2021

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou celebrar cada 27 de xuño o Día das Microempresas e das Pequenas e Medianas Empresas para concienciar a sociedade sobre a súa contribución ao desenvolvemento sostible e á economía global. 

A crise da covid-19 supuxo un problema para a maioría das empresas e as condicións laborais sufriron grandes cambios que afectaron moitos traballadores e traballadoras. As microempresas e as pemes, especialmente as que se atopaban nunha maior situación de vulnerabilidade (como son as lideradas por mulleres, persoas mozas, minorías étnicas e migrantes) foron as que se resultaron máis afectadas tras esta pandemia. 

As pemes representan máis do 90 % das empresas e gran parte destas sitúanse na categoría de microempresas onde se opera con menos de dez empregados e empregadas. A actividade de todas elas acada a asombrosa taxa do 70 % do emprego mundial e do 50 % do PIB. Isto demostra a súa importancia para a consecución dos obxectivos do desenvolvemento sostible e máis concretamente o 9 «Industria, innovación e infraestrutura» e o 8 «Traballo decente e crecemento económico». Para protexer a súa actividade e a súa man de obra, cómpre que as pemes teñan maior acceso ao financiamento e aos activos circulantes que garantan a súa liquidez a curto prazo con préstamos ou con exencións fiscais temporais. Tamén é preciso fomentar a demanda de produtos e de servizos onde se inclúa o apoio para transformar temporalmente a súa produción co fin de facer fronte á covid- 19; promocionar o emprego e a protección social (incluíndo subsidios para manter o emprego dos traballadores e traballadoras) e os programas de formación e de apoio á reapertura das empresas despois da pandemia. 

Desde a Área de Responsabilidade Social e Cooperación queremos transmitir a importancia de participar individualmente con estas empresas, comprando en negocios locais, a pequenos e pequenas produtores e emprendedores que cada día traballan con recursos limitados para producir os bens e os servizos esenciais que lle dan soporte ao noso estilo de vida.
 

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal