DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha mostra reivindica a achega das mulleres ao coñecemento

14 referentes femininos en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría

A exposición percorrerá centros educativos do sur de Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/02/2020

Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o campus de Ourense acolleu a feira divulgativa Exxperimenta en feminino, a III Xornada de divulgación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Co obxectivo de darlle continuidade ao seu labor de espertar en rapaces e rapazas a vocación científica a través de referentes femininos, as súas promotoras poñen agora en marcha unha mostra itinerante por centros educativos do sur de Galicia.

Formando parte de Exxperimenta en feminino, a iniciativa conta igualmente con financiamento da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e está coordinada polas profesoras do campus de Ourense Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Trátase, apuntan as responsables do proxecto, “dunha actividade máis que se incluíu dentro de Exxperimenta para darlle continuidade no tempo e incrementar o seu impacto”. Ao igual que a feira, a exposición, detallan, xorde da convicción de que “hai unha falta de referentes femininos en xeral no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías”. Neste contexto, esta iniciativa, recalcan, quere que rapaces e rapazas “poidan coñecer como desde hai moito tempo hai presencia feminina nestes campos” e instaurar así neles e nelas “novos referentes en feminino”.

De Mileva Maric a Teresa Toral

“A mostra está formada por 14 pósters de mulleres cun destacado papel na investigación científica ou tecnolóxica. Cada un dos 14 stands de investigadoras que participaron este ano en Exxperimenta en feminino elixiu a unha muller demostrativa do seu campo para esta exposición”, comentan as promotoras do proxecto. De cada protagonista, a mostra recolle información da súa traxectoria, de cales foron as súas achegas á súa área de coñecemento e que premios ou recoñecementos recibiu tanto en vida como posteriormente. A selección de investigadoras, indican as profesoras, abrangue un abano moi amplo, desde a investigación básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde a física á informática. Así, a través dos paneis o público pode coñecer desde a primeira muller galega e española en presentar unha tese en astronomía ata a muller que deu o seu nome á programación ADA.

Concretamente, a mostra ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.

Despois de amosarse na celebración de Exxperimenta en feminino o pasado día 12 de febreiro, a exposición está dispoñible para que os centros de educación Primaria e Secundaria do sur de Galicia interesados poidan solicitar participar do seu percorrido itinerante. Para máis información, desde a organización da iniciativa indican que os centros interesados pódense pór en contacto no enderezo electrónico exxperimentaenfeminino@uvigo.es.