DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrancan este mes e desenvolveranse ao longo de todo o curso

15 cursos de balde para mellorar as competencias dixitais da comunidade universitaria

Abordarán temas como programación, deseño, impresión 3D ou cálculo científico

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
M. Del Río DUVI 16/09/2019

Máis aló a formación estritamente académica, o mundo laboral esixe unha serie de competencias complementarias que non se adoitan adquirir na formación regrada. Para poñer este tipo de coñecementos ao alcance da comunidade universitaria, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e o Consello Social estrean o programa formativo e-destrezas, que comprende 15 cursos de contidos diversos que teñen como finalidade última o desenvolvemento e mellora das competencias dixitais da comunidade universitaria.

Estes cursos están abertos tanto ao alumnado como ao persoal docente como de administración e son todos de balde, con duracións que van entre as 10 e as 50 horas. Dende a Vicerreitoría sublíñase que “a adquisición de competencias dixitais é unha necesidade e unha esixencia dos actuais sistemas de ensino universitario no marco da Europa do coñecemento e a Universidade de Vigo debe responder a novas expectativas, como a aprendizaxe ao longo da vida, o desenvolvemento de habilidades multidisciplinares e as competencias no uso e manexo da información”. 

Esta será a primeira edición do programa, se ben xa existía unha iniciativa, Destrezas, posta en marcha pola Área de Emprego e Emprendemento en colaboración coa Fundación Universidade de Vigo, orientado ao desenvolvemento das competencias transversais da comunidade universitaria. A idea, explica José Ignacio Armesto, director da Área de Extensión Universitaria, “foi ampliar este proxecto gratuíto ao ámbito das competencias dixitais, motivo polo cal esta iniciativa se denomina e-Destrezas”. A maior parte destes cursos serán impartidos, como explica José Ignacio Armesto, por persoal docente, investigador ou profesionais egresados da Universidade de Vigo con contrastada experiencia no uso das ferramentas informáticas empregadas en cada curso. Para determinar os contidos, remarca Armesto, optouse por consultar directamente coa comunidade universitaria cales son as súas demandas. “Levamos a cabo varias xuntanzas cos principais ‘clientes’ desta iniciativa” a través das delegacións de alumnado para coñecer coñecer cales son “as ferramentas informáticas de uso máis xenérico e habitual” e seleccionar as temáticas que lle parecían “interesantes a un maior número de delegacións”. Así, ao longo dos meses achegarase á comunidade universitaria coñecementos sobre Illustrator ou Photoshop, G Suite, Matlab, Excel, MemoQ, Arduino, etc.

15 formacións ao longo do ano

Os cursos de e-destrezas comprenden eidos como o deseño gráfico, a ofimática, a programación ou a impresión 3D. En total impartirase 15 formacións, desenvolvéndose a primeira delas, que se centrará no traballo colaborativo con G Suite, os días 26 e 27 de setembro, cunha duración total de dez horas. Do 27 de setembro ao 8 de novembro impartirase un curso de 24 horas de duración sobre fundamentos de ofimática con Office, co obxectivo de que o estudantado se desenvolva coas ferramentas ofimáticas Office de Microsoft para afrontar a elaboración de documentos profesionais como o propio traballo fin de grao, traballo fin de máster etc. Outra das opcións ofertada é un achegamento aos fundamentos e principios de cálculo científico con Matlab, que se desenvolverá do 4 de outubro ao 15 de novembro con 24 horas de duración. O curso de fundamentos de deseño gráfico con Illustrator e Photoshop, que ten como obxectivo que as persoas asistentes adquiran nocións básicas para afrontar un traballo de deseño gráfico e mostrarlles o funcionamento das principais ferramentas de debuxo vectorial (Illustrator) e tratamento de imaxe dixital (Photoshop), terá lugar do 3 outubro ao 5 de decembro e comprenderá 40 horas de docencia.

Entre o 14 de novembro e o 10 de xaneiro impartirase unha formación centrada nos fundamentos de análise e tratamento de datos con Excel, mentres que do 22 de novembro ao 17 de xaneiro, con 30 horas de duración, terá lugar o curso de introdución ás ferramentas de tradución asistida por computador con MemoQ. Xa en decembro, do día 12 ata o 13 de febreiro, impartirase un curso sobre deseño 3D na nube con Onshape, co fin de proporcionarlle ao estudantado os fundamentos de deseño 3D, de forma colaborativa e en tempo real na nube, mediante esta ferramenta, abordándose conceptos relacionados coa elaboración de esbozos, planos, ensamblaxes etc. e terá unha duración de 40 horas.

Co arranque do ano 2020 comezará tamén, entre o 17 de xaneiro e o 14 de febreiro, un curso de 20 horas sobre xestión de proxectos con Project, a través do que as persoas asistentes poderán adquirir unha base para a xestión de proxectos baixo a metodoloxía PMBoK® do PMI® (Project Management Institute) e a súa xestión mediante a ferramenta ofimática Project.

Do 24 de xaneiro ao 13 de marzo impartirase unha formación de 40 sobre a metodoloxía BIM con REVIT MEP que ten como finalidade proporcionar coñecementos básicos da metodoloxía BIM (Building Information Modeling) para o deseño, uso e/ou construción integral de edificacións. O programa continuará cunha iniciación ao desenvolvemento de páxinas web con Wordpress, de 20 horas, que se desenvolverá do 20 de febreiro ao 12 marzo, e outra centrada na programación con C#, unha das contornas de desenvolvemento máis potente do mercado corporativo, entre o 21 de febreiro e o 8 de maio, de 50 horas de duración, o máis extenso de e_Destrezas.

No mes de marzo arrancará outros dous cursos. Por unha banda, un de iniciación práctica á impresión 3D de 30 horas de duración, que terá lugar do 19 do mes ata o 7 de maio, no que as e os asistentes poderán adquirir coñecementos da tecnoloxía de impresión necesarios para deseñar e fabricar as súas propias pezas en 3D. Por outra banda, arrancará o día 20 e estenderase ata o 8 de maio unha iniciación á programación con Scratch e Arduino que, ao longo de 30 horas pretende transmitir os conceptos básicos da programación para principiantes no campo. 

Finalmente, no mes de maio terán as dúas últimas formación. Así, do 15 ao 22 desenvolverase unha iniciación de oito horas de duración á creación dun perfil na rede social profesional LinkedIn, mentres que do 15 ao 29 e con 15 horas de docencia, impartirase un taller de iniciación ao autocoñecemento do perfil profesional, co obxectivo de que o estudantado adquira técnicas e coñecementos de auto liderado así como ferramentas para traballar en equipo xestionando as expectativas e os conflitos.