DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O foro de emprego das enxeñarías desenvólvese dende hoxe mércores ata o venres

40 empresas buscan o campus o talento tecnolóxico

O evento, organizado polo alumnado das escolas de enxeñaría de Vigo, cumpre 20 anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 04/03/2020

Son algúns dos perfís profesionais máis demandados polas empresas, están entre os que teñen maior taxa de inserción laboral e son as e os que atopan antes o seu primeiro emprego. Así se recolle nun estudo elaborado pola Consellería de Educación e a Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Acsug, presentado esta semana no que aparecen o Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación, o Grao en Enxeñaría Mecánica e o Grao en Enxeñaría de Organización Industrial entre as titulacións con maior empregabilidade. Pero o alumnado das enxeñarías do campus de Vigo hai anos que apostou por non agardar polas ofertas das empresas e decidiron ser proactivos e organizarse para atraer o tecido empresarial ao campus, para establecer contactos e traballar na súa inserción laboral de xeito directo a través do Foro Tecnolóxico de Emprego. Esta cita, organizada integramente por estudantes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a Escola de Enxeñería Industrial, arrancou este mércores cun acto inaugural no que o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, fixo unha reivindicación do talento que se xera na UVigo e demandou unha aposta firme por retelo en Galicia, felicitando á organización polo esforzo de poñer en marcha un evento “de alumnos para alumnos”.

O foro alongarase ata o venres pola tarde e comprende tanto un espazo con postos de preto de 40 empresas nos que se pode entregar currículos, como obradoiros, mesas redondas e sesións formativas. Á fronte da organización está Candela Janeiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que explica este evento “resulta de grande interese para o alumnado”, posto que lle achega “unha oportunidade de coñecer a realidade laboral da carreira que estudan e, ao tempo abrir os seus horizontes, non só conseguindo unha oportunidade de traballo, senón tamén coñecendo unha maneira de redirixir os seu estudos e formación cara novas metas ou obxectivos”. Ademais, Janeiro remarca que estas tres escolas “producen perfís moi solicitados na actualidade, e as empresas teñen a oportunidade de coñecer, durante tres días, aos futuros titulados do seu ámbito dunha maneira máis distendida”.

A Universidade, un fermento para un país máis próspero

O acto de apertura do foro serviu para que os tres directores das escolas e o reitor puxeran en valor o talento que nace no campus e a súa importancia para construír “un país máis próspero e competitivo do que a xente non teña necesidade de emigrar”, en palabras do reitor, que destaba o caracter industrial de Vigo e puña en valor o Vigo Tecnolóxico como catalizador dese talento. “Queremos ser un femento, unha peza clave dentro do redespertar da industrialización de Galicia” e, aínda que é “unha terefa de primeiro nivel que excede as nosas capacidades como universidade, a traves do campus de especialización podemos achegar excelentes titulados e xerar investigación e coñecemento”.

Pola súa banda, Elena Alonso, directora da EE de Minas e Enerxía, Íñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacióne Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial felicitaron ao equipo organizador e recoñeceron a súa capacidade de traballar en coordinación entre alumnado de tres escolas diferentes. “Dades un exemplo á comunidade universitaria do que é colaborar cun obxectivo común e remar na mesma dirección”, resaltaba Alonso. O director da EE de Telecomunicación engadía que estes estudantes “marcan un camiño”, un camiño que se iniciou hai 20 anos e agora cristaliza en propostas como o Vigo Tecnolóxico, que implica tamén as tres escolas de enxeñaría do campus e os centros de investigación. Juan Pardo, pola súa banda, fixo fincapé na idoneidade deste tipo de foro, nun momento no que os perfís profesionais de corte tecnolóxico están “á orde do día”. Neste sentido, explicaba, “temos ante nós un desafío”, adaptar a formación universitaria ás necesidades do tecido industrial e “perfilar novas titulacións que sexan capaces de facer unha lectura do que se vai necesitar no futuro”, algo no que pode axudar este Foro Tecnolóxico.

Tres días para entregar currículos e formarse

En total, ao longo dos tres días que dura o foro desenvolveranse diferentes actividades, dende unha feira con postos de empresas instalados no vestíbulo da EE de Minas e Enxería, pasando por talleres, conferencias, mesas redondas e obradoiros prácticos sobre dinámicas de grupo, personal branding, xestión de habilidades, claves para a inserción laboral en diferentes sectores, responsabilidade empresarial ou tamén con presentacións de empresas ou os avances e retos de diferentes sectores tecnolóxicos. En total, están implacadas arredor de 40 firmas de diferentes eidos, como Optare, Deloitte, Brainport, Cortizo, os diferentes colexios profesionais, Indra, Televés, R, Altia, Pescanova ou Finsa, entre outras, son xa veteranas no foro, e a elas súmanse novas incorporacións como  o grupo Oesía, GBTec, Egatel ou PWC.

Respecto do proceso de búsqueda de emprego, a recollida dos CV fíxose en liña para axilizar o proceso pero tamén se pode realizar en persoa nos stans das empresas nestes tres días. A vista está posta en acadar ou superar as cifras da pasada edición, con 1500 currículos recollidos e unha taxa de éxito moi alta, xa que segundo as enquisas realizadas ao alumnado que participou en 2019, un terzo atopou traballo e preto do 40% recoñece que lle serviu para orientar os seus estudos por recomendacións das empresas, como apunta Candela Janeiro.

Para que ese contacto coas empresas esta semana transcorra do mellor xeito posible, tamén se organizaron varios obradoiros previos para aprender a preparar o CV ou adquirir habilidades comunicativas e, como novidade, un taller para afrontar as entrevistas de traballo e coñecer os procesos de selección das empesas. Isto permítelle ao alumnado “chegar preparado aos días do evento”, puntualiza Candela Janeiro.

Máis de 60 estudantes implicados na organización

Conseguir sacar adiante un evento desta embergadura, con tres días de actividades paralelas en tres escolas implica horas de dedicación e unha planificación durante os últimos seis meses. Para isto, a organización desta vixésima edición conta cun equipo humano de estudantes das tres escolas, con 19 coordinadores e 44 voluntarios e voluntarias que, como remarca a coordinadora, traballan “con moitísima ilusión, ganas de aprender e seguir mellorando”. Neste sentido, engade que a intención da organización é “crear un evento profesional, mantendo a nosa identidade de que somos xente nova con ganas de medrar profesional e persoalmente, isto é o que queremos transmitirlle ás empresas. En resumo, foro é un evento creado polo alumnado, para o alumnado”, conclúe.