DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arredor do 60% das materias continúan en Faitic e Campus Remoto e outro 40% con traballos

O alumnado do Programa de Maiores, entre a adaptación ás novas tecnoloxías e o confinamento

Entre os tres campus, a Universidade de Vigo ten máis de 600 estudantes sénior

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 17/04/2020

O estudantado sénior da Universidade de Vigo, o que forma parte do Programa para Maiores, enfróntase a esta pandemia global cunha perspectiva substancialmente diferente á do resto do alumnado. E é que boa parte deste alumnado forma parte grupo de risco ante a COVID-19 pola súa idade, polo que as súas preocupacións pivotan entre a súa saúde e a dos seus, a organización para facer fronte ao confinamento e tamén, por suposto, a posibilidade de seguir a súa formación académica. 

En total, nos tres campus da UVigo hai arredor de 600 estudantes sénior, dende os 55 anos ata máis de 80 e para todas e todos eles, esta situación extraordinaria de docencia en liña representa un reto. E é que á fenda dixital polas dificultades de acceso a internet, neste contexto súmase a falta de formación, en moitos casos, en novas tecnoloxías. Con todo, a adaptación á plataformas como FaiTIC ou o Campus Remoto non está a supoñer tantos atrancos como se podería agardar. José Luis González Cespón, coordinador xeral do Programa de Maiores da Universidade de Vigo, explica que todos e todas teñen en común que non naceron nunha sociedade tecnolóxica, pero tamén son, segundo González Cespón, “un colectivo adaptable e os que queren asistir a clase non teñen especiais problemas”. En todo caso, facilitóuselles unha manual de acceso e en xeral non se teñen detectado problemas pola tecnoloxía cos que queren sacar adiante a materia.

De feito, o 30% dos docentes optaron por impartir as clases do Programa de Maiores a través do Campus Remoto da Universidade; arredor doutro 40% opta por continuar a formación a través de traballos e con material para que poidan seguir a materia e o outro 30% está optando por facer un seguimento a través da plataforma FAITIC. Algúns docentes tamén están gravando vídeos que suben a FAITIC para que, no caso de ter problemas de conexión a internet, o alumnado teña a posibilidade de seguir a materia noutro momento, engade Cespón. A resposta dos estudantes é moi diversa, recoñece o coordinador, xa que do mesmo xeito que hai materias nas que practicamente asiste o 95% dos estudantado a través do Campus Remoto, noutras a asistencia é do 20%. 

A inquietude intelectual para facer fronte ao confinamento 

Un dos estudantes sénior da UVigo é Adolfo Bendoiro, está piques de cumprir 60 anos, aínda que cre que o DNI esaxera sobre a súa idade, polo que está entre o grupo de estudantes máis novos do programa de maiores. Explica que para continuar coa docencia usan FaiTIC, “a mesma plataforma virtual que se emprega na Universidade convencional”. Esta ferramenta permítelles a comunicación bidireccional entre profesorado e alumnado, xa que por un lado serve de repositorio para os apuntes e presentacións e, por outro, “nos facilita unha canle para facerlles chegar aos docentes as nosas dúbidas e entregar as tarefas propostas”. Pero Bendoiro é consciente de que non todo os seus compañeiros e compañeiras sénior teñen as mesmas facilidades para adaptarse a este novo escenario cando “non dispoñen dos recursos tecnolóxicos necesarios ou descoñecen como utilizar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. Evidentemente, recoñece, “esta situación reflicte a fenda tecnolóxica existente na terceira idade”, pero tamén destaca que dende o propio Programa de Maiores sempre se  “intenta abordar esta problemática a través de materias introdutorias á informática e ás TIC”.

Respecto ao confinamento, Adolfo Bendoiro considera que facerlle fronte depende moito da situación persoal de cada quen, da posibilidade de facelo en compañía ou de ter acceso ou non a redes sociais, videochamadas, etc. Non obstante, fai fincapé nun aspecto que considera relevante como é pertencer á Universidade de Maiores, que é indicativo dunha importante dose de “inquietude intelectual”. Para este estudante sénior “desprazarse, asistir ás clases e cumprir o horario tamén implica un certo nivel de “actividade física” e estas dúas características, a inquietude intelectual e a actividade física, “son válidas para calquera persoa” e desenvolvelas é “o mellor antídoto contra os efectos do confinamento”. No seu caso, os “ingredientes persoais son a familia, amigos, exercicio moderado, un libro, un disco, unha película, tocar a guitarra e manterme afastado todo o posible do sofá e da neveira. Por suposto, #yomequedoencasa…”.

Mariló Fernández é outra das estudantes do programa de maiores. Con 65 anos e unha personalidade extravertida, como ela mesma recoñece, este cambio está sendo dificultoso, “o non poder compartir cos meus compañeiros e incluso algúns profes as vivencias do día a día, resúltame moi duro e dáme moita pena”. Está matriculada neste cuadrimestre en dúas materias e, aínda que ata agora non tiveron docencia virtual, xa lles anunciaron que en breve poderán seguir realizando traballos de formación. Estes ‘deberes’ serán unha axuda máis para ocupar o tempo dun confinamento que Mariló Fernández leva estritamente, saíndo só para ir á farmacia e baixar o lixo. “Fago a compra de alimentación máis ou menos cada dez días e tráenma á casa, co cal, todo controlado”. Con todo, recoñece que ante unha situación “nova e descoñecida” coma a desta pandemia “o único que podemos facer todos é enchernos de paciencia e ser solidarios co resto da poboación QUEDANDO NA CASA”. Cada día case ás 20.00 horas a aplaudir, unha homenaxe que, tendo unha filla sanitaria, agradece “con toda a alma, reconforta moito ver o agradecemento que toda a cidadanía lle dedica a todos estes heroes”. Tamén se recoñece “emociona” cando cada día durante os aplausos, coincide cos veciños, “moitos aos que nin coñecía e me preguntan como me atopo”. Por todo iso e cunha actitude positiva lémbrase do que lle dicía a súa avoa Dolores : "Nunca choveu que non escampara".