DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tanto presenciais como virtuais, inclúen propostas para alumnado, PAS e PDI

A Área de Normalización Lingüística oferta 150 prazas en cinco novos cursosA Área de Normalización Lingüística oferta 150 prazas en cinco novos cursos

As persoas interesadas xa poden matricularse e a docencia será a partir de marzo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Académica
D. Besadío DUVI 12/02/2020

Tres cursos virtuais, un semipresencial e un presencial. Esta é a nova oferta formativa da Área de Normalización Lingüística para o segundo cuadrimestre, unha programación de actividades que, como acostuma ser habitual, inclúe propostas de interese tanto para o alumnado como para o persoal de administración e servizos e o persoal docente e investigador. “Contribuír á mellora da formación da comunidade universitaria no dominio da lingua galega constitúe un dos trazos que dan sentido á nosa área”, explica Fernando Ramallo, director da ANL, facendo así fincapé no feito de que cada ano tratan de ofertar “unha diversidade de cursos que desexamos que poidan ir nesa dirección”. 
 
Os cursos ofertados, totalmente gratuítos, van mudando dentro dun amplo abano de posibilidades. Neste cuadrimestre, Ramallo destaca o Curso de redacción de documentos administrativos e o denominado Escribir en internet, “que, sen ser completamente novos, si que había algúns anos que non se ofrecían”. No primeiro cuadrimestre participaron nestas actividades formativas máis de 170 persoas e as expectativas son similares para esta segunda parte do curso.

Forte aposta pola docencia virtual

A oferta de cursos virtuais inclúe os xa nomeados Curso de redacción de documentos administrativos e Escribir en internet, ambos de 40 horas de duración, e unha terceira proposta centrada en Redacción e estilo, de 30 horas. No primeiro caso, o Curso de redacción de documentos administrativos, centrarase en facer un repaso e unha actualización práctica da ortografía da lingua galega e en proporcionarlle ao alumnado unha guía rápida de redacción administrativa en lingua galega. O segundo, Escribir en internet, busca sobre todo dar toda unha serie de pautas sobre como escribir documentos destinados a ser lidos en pantalla e, o terceiro, sobre Redacción e estilo, reflexionar sobre as variables que inflúen na lexibilidade dun texto e saber diferenciar rexistros para axustar os niveis de expresión a cada situación comunicativa, así como fixar as cuestións que debemos ter en conta á hora de redactar e revisar o que escribimos.

O curso semipresencial diríxese ao alumnado e leva por título Como redactar e expoñer ou teu TFG ou TFM? Son 15 horas de formación en liña e cinco presenciais, que poderán realizarse tanto no campus de Vigo (Facultade de Filoloxía e Tradución), como no de Ourense (Dereito) e no de Pontevedra (Ciencias Sociais e da Comunicación).

O alumnado internacional aprenderá galego á vez que coñece Galicia

O Curso de extensión cultural para o alumnado de programas de intercambio é o máis longo. Dura un total de 75 horas, das que 50 horas se dedican ás clases presenciais e o outras 25 son para a realización de visitas guiadas, incluíndo lugares como Tui, o castro de Santa Tegra e Baiona; o mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa, e o mosteiro de Oseira, Rivadavia e o castelo de Sobroso. A actividade prolongarase entre o 3 de marzo e o 19 de maio no caso de Vigo, e entre o 2 de marzo e o 13 de maio, nos casos de Ourense e Pontevedra. O obxectivo é que o alumnado internacional se poida facer unha pequena idea da introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego.