DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres días de charlas, obradoiros e tamén de música, cociña e moda ‘con selo sostible’

Arranca a Semana da Axenda 2030 na UVigo, panca de cambio cara unha sociedade máis xusta e inclusiva

O reitor destaca a importancia de incluír os ODS no centro da actividade docente e investigadora

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/10/2019

Tres días de conferencias, obradoiros, concertos e actividades culturais con selo sostible. Este mércores arrancaron no campus de Vigo as Xornadas sODStendo o planeta. Semana da Axenda 2030 na UVigo, un amplo paraugas baixo o que se abrigan toda unha serie de actividades dirixidas a sensibilizar á comunidade universitaria, especialmente ao alumnado, sobre a importancia de situar o desenvolvemento sostible, e o que isto implica na protección do planeta e na procura de sociedades máis xustas e inclusivas, no centro da actividade diaria, tanto a nivel individual –cada un na súa propia axenda- como a nivel colectivo.

 A inauguración das xornadas reuniu no paraninfo do edificio Ernestina Otero aos algo máis de medio cento de persoas matriculadas nas xornadas, sobre todo alumnas e alumnos; ao reitor, Manuel Reigosa; a concelleira de Política de Benestar Social do Concello de Vigo, Yolanda Aguiar, e a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval. Os tres fixeron fincapé no forte compromiso da Universidade coa implementación da Axenda 2030, recalcando, cada un desde o seu propio punto de vista, a importancia de dala a coñecer e concienciar á sociedade de que todas as persoas teñen retos que cumprir e tarefas que desenvolver.

“Vides aquí a aprender a ser, a saber facer e saber estar en tres ámbitos estratéxicos para o planeta”

“Vides aquí a aprender a ser, a saber facer e saber estar en tres ámbitos estratéxicos para o planeta: o da prosperidade e o desenvolvemento, o das persoas e as migracións e o da crise climática”, explicoulles a vicerreitora, ao tempo que fixo fincapé en que esta axenda representa o compromiso internacional de afrontar os retos sociais, económicos e ambientais da globalización, poñendo as persoas, o planeta, a prosperidade e a paz no centro. “A Axenda 2030 ten como obxectivo avanzar cara a sociedades con crecemento económico inclusivo e acadar unha maior cohesión e xustiza social, en paz e cun horizonte ambiental sostible”, recalcou Doval, ao que engadiu que este documento explica como proceder en 17 obxectivos de desenvolvemento que abranguen todas as políticas públicas domésticas, a acción exterior e a cooperación para o desenvolvemento. “Estes ambiciosísimos obxectivos son universais e, polo tanto, aplícanse tanto en países desenvolvidos como en desenvolvemento e aspiran a ser profundamente transformadores”, subliñou a vicerreitora. 

Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, destacou na súa intervención a idea de que a Universidade de Vigo está fortemente comprometida co desenvolvemento  e con mellorar a vida das persoas, “algo que podemos facer con base na docencia, a investigación e a transferencia, que son as nosas principais misións”. Neste sentido destacou como, desde o seu punto de vista, a Axenda 2030 é un “avance extraordinario” e por iso é importante conseguir incluír na actividade universitaria eses obxectivos de desenvolvemento sostible, “non en van o futuro pasa porque entre todos, asociacións públicas e privadas, locais, autonómicas, nacionais e a nivel mundial, loitar por conseguilo”. Nesta liña, Reigosa destacou a importancia de organizar este tipo de actividades  co obxectivo de conseguir concienciar á sociedade do moito que queda por facer, “pois só así se poderán formar esas pancas para poder actuar en conxunto”. 

O reitor referiuse aos 17 ODS coma unha necesidade para obter esa sociedade máis xusta e tamén máis próspera e, dentro destes obxectivos, subliñou o reto da igualdade, “co que estamos moi comprometidos e do que queda moitísimo por facer”, destacando neste sentido que, “de momento, non hai igualdade nin sequera nas institucións públicas”, e tamén o tema do cambio climático, “para o que  é necesario empezar a mobilizar o cambio tecnolóxico”.

Preto dunha vintena de actividades

Ao longo de tres intensos días as persoas matriculadas nas xornadas terán ocasión de analizar diferentes casos de boas prácticas e de coñecer aos seus actores e actrices principais. “Tomade boa nota, abrídevos de orellas e non vos esquezades de transmitir aos demais o voso coñecemento”, recalcoulles Doval, quen salientou que para estes tres días organizáronse preto dunha vintena de actividades. “Son cousas moi diversas, coordinadas por magníficas e magníficos profesionais, todos eles comprometidos con facer deste mundo e desta Universidade algo moito mellor do que xa é”, recalcou a principal responsable de Responsabilidade Social na Universidade.

Tras a inauguración, tivo lugar a conversa Outro desenvolvemento é posible, na que participaron a responsable da ONG Oxfam-Intermon en Galicia, Maika Beltrán; o xornalista Enrique Bayo, de Redes, e Sergio García, de EBN Banco. Foi a primeira mesa redonda das múltiples que se van a levar a cabo estes días e ás que se suman outro tipo de actividades como o obradoiro de cociña Comendo e consumindo sostiblemente no que se cociñaron e deron a degustar pratos e sobremesas con ingredientes de produción local e ecolóxica.

Neste primeiro día das xornadas terá tamén lugar, ás 16.00 horas na área comercial de Cidade Universitaria, unha pasarela de moda con roupa producida e confeccionada de forma sostible subministrada por Cáritas, Goree African Soul e Oxfam-Intermón.

Concerto solidario do rapeiro Juancho Marqués

Enmarcado nestas xornadas e como estrea da programación cultural deste cuadrimestre, mañá xoves pola tarde terá lugar o concerto solidario do rapeiro Juancho Marqués. Será unha actuación a prol da oenegué Enxeñería Sen Fronteiras, no que soarán os temas do seu último disco Álbum Uno. O donativo de dous euros, que inclúe o pase obrigatorio que se debe retirar para acceder á actuación, destinarase a un proxecto que a ONG, creada hai 25 anos na Universidade de Vigo, está a desenvolver no sur de Honduras co obxectivo de garantir o dereito á auga da poboación. Para asistir ao concerto é preciso previamente retirar un pase, que inclúe un donativo a partir de dous euros, e que poderá recollerse hoxe mércores –ata as 16.00 horas- e o mesmo xoves desde as 12.00 horas no teatro de Cidade Universitaria. As persoas que queiran colaborar cun donativo sen asistir ao concerto, poderán facelo a través dunha “fila cero” habilitada a tal efecto, e na que poderán participar nos mesmos horarios establecidos para a retirada dos pases.