DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo presentado este luns pola institución académica

Arredor do 70% dos membros da comunidade universitaria quere mellorar os seus coñecementos sobre igualdade

Co obxectivo de atender esta demanda porase en marcha un itinerario virtual de formación en xénero

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 09/03/2020

Ao abeiro dos actos organizados para celebrar e reivindicar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a Universidade de Vigo presentou este luns no campus de Ourense unha “radiografía” sobre os coñecementos e vivencias dos seus membros arredor da igualdade. Do estudo, titulado Valoracións, percepción e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo, as súas responsables destacan como arredor do 70% dos membros da comunidade universitaria quere mellorar os seus coñecementos sobre igualdade e como “a Universidade de Vigo é vivida como un espazo máis igualitario que outros”. Atendendo a esta demanda de formación, durante o acto anunciouse a posta en marcha dun itinerario virtual de formación en xénero aberto aos tres colectivos universitarios.    

O estudo foi un encargo da Unidade de Igualdade á Consultora Red Talento e estivo financiado polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Na súa presentación, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, amosou a súa preocupación polo feito de que “a igualdade non está conseguida na propia Universidade, aínda hai moito que facer, e se os cidadáns que vivimos na comunidade universitaria vemos neste tema moi por riba á Universidade de Vigo, comparado con outras institucións e outras partes da sociedade, isto é moi preocupante”. Neste contexto, o reitor recalcou como “nós debemos contribuír tanto desde o punto de vista da formación dos nosos egresados como desde o punto de vista da nosa investigación a que a sociedade sexa unha sociedade máis xusta e unha sociedade máis xusta non pode senón ser feminista”. Por este motivo amosou a súa satisfacción pola posta en marcha do novo itinerario formativo.

Segundo explicou Águeda Gómez, o documento presentado este luns xa foi empregado para comezar a deseñar o terceiro Plan de Igualdade da Universidade de Vigo, actualmente en fase de elaboración. Ademais, tendo en conta como a demanda de formación en xénero nos tres colectivos é “un dos grandes resultados deste estudo”, explicou como, xunto co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Profesorado, “decidimos pór en marcha un itinerario virtual de formación en xénero”. Este itinerario, detallou, estará composto este curso académico por oito cursos elaborados por expertas da Universidade de Vigo. Concretamente, constará dun módulo básico de 40 horas e cursos especializados de 120 horas nos que se abordarán diferentes temáticas, desde a normativa ata o acoso sexual. Dispoñible a partir do 1 de abril, este itinerario, indicou Águeda Gómez, será recoñecido ao alumnado con créditos ECTS e ao persoal docente e investigador como formación.

Os resultados

Laura Seara, da Consultora Red Talento, foi a encargada de debullar o estudo, do que destacou como pretende ser un traballo divulgativo pero tamén unha ferramenta para a elaboración de estudos e plans no eido da igualdade. “Trátase dunha radiografía, eu creo que importante, desta universidade”, dixo a coordinadora do documento. Sobre a investigación levada a cabo, indicou como foi realizada en base a 375 entrevistas feitas nos tres campus da Universidade de Vigo e en once das súas escolas ou facultades. Nela, afirmou, “detéctase que a comunidade universitaria aínda convive nun contexto masculinizado no que hai fendas de xénero palpables”, presentándose o estudo como “unha aproximación a esas fendas de xénero”.

Entre as conclusión, Laura Seara recalcou como o 73% do alumnado da Universidade de Vigo quere mellorar os seus coñecementos en materia de igualdade. “Esta é unha porcentaxe significativa que indica a gran predisposición do alumnado a recibir formación curricular sobre igualdade e desmonta mitos sobre a utilidade da formación universitaria en materia de xénero e de igualdade”, indicou. Ademais, engadiu sobre os resultados, o 67% do profesorado e do PAS desexa recibir horas de formación profesional en igualdade. Sobre o teito de cristal, en relación coa valoración da situación das mulleres en institucións e en organizacións, a Universidade de Vigo, recolle o documento, “é a institución mellor valorada respecto á igualdade, conxuntamente coas asociacións estudantís”. As peores valoradas pola comunidade universitaria son, indicou a autora, os clubs deportivos, o Ibex 35 e as forzas e os corpos de seguridade. Respecto ao esforzo que a Universidade de Vigo realiza en materia de igualdade, o estudo recolle que recibe de nota media un seis por parte do conxunto da comunidade universitaria. Sobre políticas concretas de igualdade da institución académica, un 20% das e dos enquisados manifesta coñecer algunha pero “a pesar de que o grao de coñecemento das políticas de igualdade na Universidade de Vigo é baixo, as valoracións son altas”, indícase no documento.

Respecto á violencia de xénero, o documento sinala como “hai un preocupante descoñecemento sobre o concepto de violencia de xénero”, indicando como un 36,5% das persoas participantes “achegou elementos negacionistas da violencia de xénero ou sinalou que é unha violencia exercida indistintamente entre homes e mulleres”. A pesar deste dato, engádese no texto, “hai un positivo rexeitamento de falsos tópicos erroneamente relacionados coa violencia de xénero respecto á dependencia económica das vítimas ou do baixo nivel formativo”. As medidas para combater a violencia de xénero da Universidade de Vigo non chegan ao aprobado das persoas participantes cunha valoración media dun 4,9 aínda que si alcanza o cinco na nota media.

En relación ás definicións achegadas no estudo sobre as agresións sexuais, a inmensa maioría, indican as súas responsables, vencella a violencia sexual coa falla de consentimento. O documento tamén recolle como “practicamente a metade da poboación universitaria foi vítima de tocamentos no cu nalgún espazo público (rúa, zonas de lecer etc.) ao longo da súa vida e un 60% sufriu acoso verbal nas rúas. De feito, o acoso verbal nas rúas e os comentarios sobre o físico son unha temática preocupante para o 90% das mulleres”. Ademais, engádese, “un 23% das persoas preguntadas recoñece no traballo que ao longo da súa vida algunha vez recibiu fotos dos xenitais de alguén que as enviou sen o seu consentimento e a porcentaxe de alumnas que recibiu estas fotos supera á dos alumnos”. Segundo se recolle no documento, “o 7% de toda a poboación universitaria participante recoñece que, nalgún momento da súa vida, foi obrigada a manter relacións sexuais sen preservativo e un 3% sinalou que ao longo da súa vida foi obrigada a practicar sexo oral”. “É significativo que quenes recoñeceron ter vivido estas situacións foron unicamente mulleres”, indícase no estudo.

Na investigación tamén se solicitou ás persoas enquisadas que indicasen o posto de traballo que pretenden acadar nun futuro e a preferencia é, segundo as súas responsables, “exercer a súa profesión con estabilidade pero sen responsabilidades. Dirixir ou ser xefe ou xefa son aspiracións futuras que só espera unha cuarta parte das persoas entrevistadas". Outros dos moitos datos recollidos no traballo indican como o 60% da comunidade universitaria asistiu a convocatorias masivas como as que teñen lugar cada 8 de marzo ou o 25 de novembro ou como o maior pesimismo radica ante "a posibilidade de conciliación, o acceso a postos de goberno dentro da universidade e o acceso a postos de responsabilidade".