DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Jesús Pastor é un dos coordinadores dunha xornada sobre esta temática

A arte aos ollos das matemáticas

Terá lugar o vindeiro martes na sede do Consello da Cultura Galega

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/10/2019

Que opinan as matemáticas da arte? Esta é en esencia a pregunta á que se buscará dar resposta na xornada que o vindeiro martes 8 se desenvolverá na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago. O catedrático da Facultade de Belas Artes Jesús Pastor é un dos coordinadores, xunto co crítico e director do Marco de Vigo, Miguel Fernández-Cid, e a galerista Asunta Rodríguez, deste foro con inscrición gratuíta, que a través das intervencións de matemáticos, artistas e docentes tratará de afondar “no pensamento conceptual que a matemática ten sobre a arte”, como salienta Pastor.

Organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, a xornada Entre as matemáticas e a arte insírese nun ciclo de actividades nas que, como explica o catedrático do Departamento de Debuxo, diferentes disciplinan “falan á arte desde a súa posición”. De feito, o obxectivo da xornada non é abordar o papel que as matemáticas xogaron como un “intermediario instrumental” ao longo da historia da arte, en aspectos como a composición, a perspectiva ou as proporcións áureas. “Non nos interesa tanto a súa utilización senón as matemáticas como concepto”, sinala Pastor respecto do punto de partida dun foro de debate que, con esa idea, porá sobre a mesa os exemplos de artistas que teñen traballado, desde ese punto de vista conceptual, con elementos como o número pi, o infinito, os números primos, as ecuacións ou os crebacabezas xeométricos.

Para promover este debate, a xornada contará coa intervención do profesor de matemáticas na Universidade do País Vasco Raúl Ibañez; do pintor José María Yturralde, e do filósofo, poeta e profesor Ignacio Gómez de Liaño, que afondarán en aspectos como uso das matemáticas como ferramenta de creación artística e as relacións entre ciencia e arte. 

Un diálogo con diferentes disciplinas

A xornada que terá lugar a vindeira semana insírese, como explica Pastor, no proxecto Entre... e a arte, que busca que diferentes campos da ciencia “falen á arte desde a súa posición”. Así, este evento é o terceiro dunha serie de xornadas que previamente abordaron os vínculos entre arte e a linguaxe e a tradución e entre a arte e a comunicación. “Tratamos de buscar disciplinas e pensamentos que teñan un modelo de interpretación da arte”, explica o catedrático sobre unha iniciativa que buscará en próximas edicións levar este diálogo interdisiplinar a campos como a hermenéutica ou a psicoloxía analítica