DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Industrial apostará pola presencialidade 100% en todos os seus graos e mestrados

Aumentan case a 20 os graos que o vindeiro curso comezarán impartíndose de xeito presencial na UVigo

Así o acordou o Consello de goberno na súa derradeira sesión do curso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 28/07/2020

Co agradecemento polo esforzo realizado durante os últimos meses por mor da pandemia e o desexo dunhas boas vacacións aos seus integrantes, remataba este martes a derradeira intervención do reitor, na sesión de Consello de Goberno que hoxe puxo fin ás celebradas ao longo do curso 2019-2020. Así finalizaba unha xuntanza ordinaria na que os seus membros deron luz verde a novas solicitudes enviadas polos centros para iniciar a docencia o vindeiro curso na modalidade presencial e á que se incorporan a totalidade de titulacións de grao (sete e tres PCEO) e de mestrado (sete) que se imparten na Escola de Enxeñaría Industrial. Deste xeito, o número de graos que no curso 20-21 comezarán en modalidade 100% presencial ascende a 17 (máis do 30% do total de graos que oferta a UVigo o vindeiro curso), sumados os 10 aprobados na sesión de Consello celebrada a principios de mes, e os sete títulos que se imparten a EE Industrial. No caso dos mestrados, ascende a 30 o número de títulos que se ofrecerán integramente de forma presencial, incorporándose como novidades, respecto de hai unhas semanas, o Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos que se imparte no campus de Ourense e os sete títulos que ofrece a EE Industrial. Pola súa banda, a ES de Enxeñaría Informática ofertará o 98% das súas titulacións de xeito totalmente presencial, quedando unicamente tres materias con docencia mixta, ao non poder axustar os horarios do profesorado para poder impartilas, tamén, de xeito completamente presencial.

Este foi un dos asuntos aprobados na sesión celebrada hoxe polo Consello de Goberno, que tamén deu luz verde ás memorias para as solicitudes de verificación dos graos en Deseño, en Filoloxía Aplicada Galega e Española e dos mestrados en Sistemas Aéreos non Tripulados, en Dereito da Empresa e Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua, así como propostas de modificación noutros dos graos e catro mestrados. Na sesión tamén se aprobou o Plan de retención de talento e os criterios de produción científica e de transferencia para este ano e o Plan de prevención e control e sanitario fronte a covid-19 para o vindeiro curso, seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidad, Ministerio de Universidades, Consellería de Sanidade e Secretaria Xeral de Universidades. Así mesmo acordouse introducir unha modificación no calendario académico do vindeiro curso de xeito que as datas de entrega de actas poderán adiantarse polos centros, sempre e cando non supoña cambios nas datas de apertura de actas. Tamén se acordou o cambio de data de entrega de actas do segundo período do 25 ao 28 de xuño.

Pola súa banda, no seu informe, o reitor confirmou que a UVigo recibirá un anticipo da Xunta de Galicia de 966.000 euros destinados ao desenvolvemento das accións máis urxentes relacionadas coa covid-19 como a posta en servizo das Aulas Integra e o seu equipamento. Manuel Reigosa avanzou que esta primeira achega se completará a finais de ano con máis cartos procedentes do Ministerio, e outro pago no ano 2021. O reitor tamén confirmou que o acto de apertura do curso académico do SUG se celebrará o vindeiro 25 de setembro, sendo a UVigo a universidade anfitrioa este ano, para o que organizará un acto nun lugar axeitado e con presencia física de asistentes limitada.

Buque insignia tamén en presencialidade  

Aínda que a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía foi a primeira en confirmar a principios de mes a súa disposición a impartir a totalidade das súas titulacións de xeito presencial, a EE Industrial sumouse hoxe a esta aposta pola docencia presencial 100% nos seus sete títulos de grao, tres PCEO e sete mestrados. Como explicou o seu director, Juan Pardo Froján, o acordo, que aínda se fraguou no centro onte á tarde, permitirá á escola ofrecer a totalidade dos seus ,títulos de xeito presencial, “para o que é preciso adaptar aulas e reordenar espazos, pasando ademais de 11 a 16 grupos en primeiro curso, o que se traducirá en aulas con, como máximo, 40 estudantes”.

A escola, na que este curso estaban matriculados en titulacións de grao e mestrado 3500 estudantes, está a traballar e continuará facéndoo ata o inicio do curso na adaptación de espazos, recuperando para a docencia salas infrautilizadas, como unha de lectura na sede do campus, ou en desuso, como unha parte da cafetaría do centro de Torrecedeira. “Con esta reorganización de espazos tamén pretendemos evitar o reducir ao mínimo os desprazamentos do alumnado”, explica Pardo, que recoñece a complexidade desta aposta pola docencia 100% presencial, “pero que é o noso valor diferencial e temos que dar esa resposta á sociedade”.

O reitor gabou o esforzo realizado por todos os centros da UVigo que realizaron as adaptacións necesarias para poder impartir docencia presencial ao inicio do vindeiro curso, “de xeito que temos unha oferta tremendamente atractiva, fronte a outras universidades. Saímos fortalecidos”, dixo Reigosa en resposta ás críticas do voceiro de Ideas que Suman, Emilio Fernández, que lamentou a falta de información por parte do equipo de goberno aos membros do consello sobre as propostas dos centros sobre a reorganización da docencia cara ao curso que vén.

Un paso adiante para a posta en marcha dos graos en Deseño e Filoloxía Aplicada 

Coa aprobación hoxe por parte do Consello de Goberno das memorias para as solicitudes de verificación dos graos en Deseño e en Filoloxía Aplicada Galega e Española dáse o primeiro paso, e sempre e cando pasen os filtros da Consellería e da Acsug, para a súa implantación no curso 21-22. “Así, xunto co Grao Interuniversitario en Relacións Internacionais, que se aprobará en setembro, e co Grao Dual en Automoción que se adiou ao curso que vén, completarían o que temos acordado no actual mapa de titulacións respecto aos graos”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, que explica que, polo que respecta ao Grao en Deseño, o que está en proceso de creación é o centro no que se impartiría: unha facultade nova para ese título, xunto co máster de Moda. En canto á memoria do grao, ao longo de todo o curso a Xunta de Titulación creada a tal efecto, cambiou partes importante da proposta anterior para corrixir os reparos que puxera no seu día a Xunta, mudando ata o nome, xa que a proposta anterior era Grao en Deseño e Creación. 

Pola súa banda o Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española substituirá ao actual Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, un novo título no ámbito das Humanidades, proposto pola FFT, xustificado na baixa demanda de alumnado da titulación anterior e que inclúe un módulo de lingua de signos que é unha novidade no SUG. No caso do Máster en Sistemas Aéreos non Tripulados, a súa verificación débese a un cambio de nome para simplificar o actual e un cambio de denominación é un dos motivos para que teña que pasar un proceso completo de verificación novo.  

Na sesión, tamén se deu luz verde ás memorias para as solicitudes de verificación dos mestrados en Dereito da Empresa e Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua, así como ás propostas de modificación noutros dos graos e catro mestrados.

Plan de retención de talento e criterios de produción científica e de transferencia 

Tras unha intervención de Emilio Fernández, na que o voceiro de Ideas que Suman solicitou ao equipo de goberno que clarificase a súa planificación de futuro en relación coa política de retención de talento, o Consello aprobou por asentimento o Plan de retención de talento. Aínda que este ano hai un menor número de contratos, catro, como novidade introdúcese unha lista de agarda, explicou Belén Rubio, “de tal xeito que se alguén dos plans anteriores consigue outro contrato, pasaría a ser cuberto pola persoa que quedase en dita lista”, dixo a vicerreitora de Investigación. Outras novidades é, que se inclúe ao persoal que ten proxectos do programa JIN (Jóvenes Investigadores del Ministerio) e tamén se considera unha distribución por ámbitos, coa finalidade de equilibralos. Como en plans anteriores, os contratos son de tres anos, cun salario equivalente a contratado doutor, con posibilidade de renovación doutros dous anos en caso de que acaden a acreditación a profesor/a titular.

Con respecto aos criterios de produción de investigación e de transferencia, as variacións son pequenas, incluíndose nos solicitantes ao persoal honorífico, Beatriz Galindo e os JIN. Ademais no de transferencia, reestruturouse de modo semellante á convocatoria de sexenios de transferencia. Outras modificacións céntranse no apartado de proxectos de cooperación internacional, no que se distingue na puntuación se se é coordinador ou participante, ao igual que estaba nos outros proxectos, mentres que no apartado de elaboración de publicacións de divulgación científica, aumentouse a puntuación e se diferenciouse entre libro, capítulo de libro e artigo.

Plan de prevención e control e sanitario fronte á covid-19 

Para o vindeiro curso, seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidad, Ministerio de Universidades, Consellería de Sanidade e Secretaria Xeral de Universidades, e co obxectivo de dar a coñecer a información técnica e operativa sobre as medidas de prevención e hixiene fronte ao SARS-Cov-2, durante a actividade do vindeiro curso 2020-2021, na Universidade de Vigo, o Consello de goberno aprobou hoxe o Plan de prevención e control  sanitario fronte á covid-19. As medidas deste plan integraranse aos plans de prevención e control sanitario dos centros, que segundo as indicacións do Ministerio de Universidades e da Secretaria Xeral de Universidades deben realizar os responsables de cada centro para o curso 2020-2021.

A responsabilidade da aplicación das medidas organizativas contempladas no presente plan corresponde ao equipo de goberno, decanos, directores, departamentos, centros de investigación, IP,s dos proxectos e persoas responsables de persoal de centros, servizos e unidades administrativas e a responsabilidade das medidas preventivas corresponde á Vicerreitoría de Planificación e Sostenibilidade, “desde a que se fixo a compra centralizada inicial de xel hidroalcohólico, desinfectantes, sinalización, diferentes tipos de máscaras, luvas, papeleiras con tapa, equipos informáticos para un correcto funcionamento ao inicio del curso, etc., para posteriormente facerse cargo os centros co apoio da vicerreitoría para cumprir do mellor xeito posible os requerimentos sanitarios pedidos e conseguir a maior normalidade posible na posta en marcha do curso académico”, explica o vicerreitor Jose Luis Míguez. 

O plan foi redactado polo Servizo de Prevención de Riscos, co apoio do grupo de expertos covid-19 da UVigo, e “ten un carácter dinámico, actualizándose en todo momento segundo as directrices establecidas polas autoridades competentes nas distintas materias”, explica Míguez, que lembra que “mentres que non exista profilaxe ou tratamento eficaz, a mellor maneira de previr a enfermidade é evitar o contacto entre persoas e cumprir coas medidas de hixiene e limpeza e apelar sempre á responsabilidade individual e colectiva para evitar a transmisión”. 

De xeito xeral, o plan contempla que se debe manter unha distancia de cando menos 1.5 metros entre as persoas en todos os espazos dos centros universitarios, “e aínda que a seguridade total é imposible, o cumprimento do plan permitirá á UVigo poder traballar dentro das condicións sanitarias establecidas”, explica Míguez.